Novas por contido

Pasou xa mais dun mes dende que a Xunta de Persoal da provincia de Pontevedra solicitara aos responsábeis políticos da Administración a información das horas extraordinarias realizadas no seu ámbito, unha vez que tivemos coñecemento da realización de horas extraordinarias na Axencia Tributaria e no servizo da Dependencia de Vigo e Pontevedra.

Nin a delegada de Vigo, nin o delegado de Pontevedra, nin ningunha das xefaturas territoriais, tiveron a ben dar satisfacción ao dereito a recibir esta información que a lei da Función Pública de Galiza e o Estatuto Básico do Empregado Público garante aos órganos de representación dos traballadores e traballadores.

Na Administración levamos anos de restricións orzamentarias, con leis que obrigan a destruir emprego público, privatizacións de servizos. Na sociedade en xeral o nivel de paro é inaceptábel, pobreza, miseria, baixada dos dereitos e retribucións. Cando eso pasa, é INMORAL que os responsábeis políticos da Administración decidan ofrecer a realización de horas extraordinarias para sacar adiante un exceso de carga de traballo. É INMORAL non utilizar o diñeiro que se vai gastar en horas extraordinarias en dar traballo a xente que ata pagou por apuntarse a unhas listas de substitución.

A tramitación da dependencia ten moito atraso, e as cabezas pensantes da Consellería de Traballo decidiron darlle un empurrón aos recursos, para o que en lugar de contratar persoal ofrecen horas extras, inicialmente a grupos A1 e A2, pero tamén a C1 e C2 "que teñan o perfil adecuado, é dicir, licenciatura en dereito ou estudos relacionados". Por tanto non buscan a realización das tarefas asignadas a cada grupo senon que buscan un perfil de formación concreto para unha tarefa concreta, pero pagando diferentes cantidades polo mesmo traballo (resolver recursos de alzada): desde 35,87€/hora para o A1 até 16,69€/hora para o C2 -dos funcionarios do grupo "E" nin se lembran, a pesar de que tamén algún pode ter titulación superior en dereito ou afíns e polo tanto en teoria reunirían o "perfil" que demanda a Consellería. Cales son os criterios de selección e como se xustifica que se lles pague distinto se todos van facer o mesmo?

Tamén chama a atención que esta oferta de servizos extraordinarios se produza nun departamento no que se veñen producindo continuos recortes: que tipo de planificación de persoal está a facer a Xunta? Un observador mal pensado estaría tentado de concluír que Traballo suprime postos de traballo para liberar crédito co que despois se compensaría a certo número de funcionarios (seleccionados ad libitum) a merma económica coa expropiación das pagas extras e a conxelación que todos estamos a padecer, cunhas gratificacións que poden superar os 2.000 euros/ano "grazas" á nova lei de orzamentos.

As persoas "selecionadas" para a dependencia tiveron unha xuntanza para explicarlles o funcionamento un día pola mañá en San Caetano (haberá tempo para recuperar como horas extraordinarias o traballo non feito ese día). O traballo sería dous días á semana, en horario de 17 a 19 horas, en principio ata o mes de decembro, sen que ningún departamento da Xunta facilitase, como é a súa obriga, información algunha ás Xuntas de Persoal sobre que persoas están a realizar horas extras e os importes que estarían a percibir.

As referencias que a Lei de orzamentos da Xunta para 2014 fai ás horas extraordinarias

Coa Lei de orzamentos da Xunta para 2014, as consellerías poden autorizar o pagamento de gratificacións por servizos extraordinarios prestados fóra da xornada de traballo, precisándose autorización do consello da Xunta só cando a contía total supera os 40.000 euros. Non se contempla un tope por traballador. Esta potestade das consellerías está contemplada na lei de orzamentos para o persoal funcionario no artigo 22:

art. 22.f) As gratificacións por servizos extraordinarios.
As ditas gratificacións serán concedidas previa autorización do Consello da Xunta a proposta da consellería respectiva, cando a súa contía exceda, para todo o exercicio 2014, de 40.000 euros en total. En caso contrario a súa autorización corresponderá á consellería.

En todo caso, estas gratificacións terán carácter excepcional e soamente poderán ser recoñecidas polos servizos extraordinarios prestados fóra da xornada normal de traballo, sen que, en ningún caso, poidan ser fixas na súa contía nin periódicas no seu devengo.

A redacción deste apartado déixalles máis manga ancha ás consellerías que a regulación anterior: na Lei de ozamentos da Xunta en 2013 impoñíase un tope de 2.000 euros por funcionario e ano (artigo 21.Un.f) ), e obrigando ás consellerías a ter autorización do Consello da Xunta cando o custe total neste concepto superaba os 20.000 euros.

En resumo: coa lei de orzamentos actual, as consellerías poden dispoñer de até 40.000 euros/ano para retribuír ao persoal funcionario en base a estes servizos extraordinarios fóra da xornada laboral, sen que exista un límite á contía que poida recibir cada funcionario.

Alén de non existir límites individuais, pode comprobarse que as consellerías poden dispoñer destes cartos con ampla liberdade: non hai ningún tipo de comunicación/consulta nin ás Organizacións Sindicais nin aos órganos unitarios de representación dos traballadores e traballadoras, o que dificulta o control.

Outras novas recentes

Martes, 17 Decembro 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Incendios

O día 09 de decembro de 2024 tivo lugar a reunión do Comité S.S.L. de Incendios onde se abordaron os seguintes temas: -. Plan de formación 2025/2028. Dende a CIG pedimos que se abra un prazo de alegacións e que se incorpore a lexislación vixente da Lei básica de Bombeiros Forestais, de obrigado cumprimento, en canto neste caso permita un desenrolo do marco formativo, para...
Luns, 16 Decembro 2024

Proposta de Acordo para a correcta finalización de determinados procesos de estabilización (SPIF) (borrador 16/12/24)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) achegounos unha proposta de acordo relacionado coa terminación dos procesos selectivos de estabilización para as distintas clases e escalas do servizo de incendios. O asunto ven motivado polo feito de que houbo un cambio de criterios en canto á baremación da experiencia do persoal fixo-descontinuo. Con...
Xoves, 19 Decembro 2024

A Xunta quere aprobar unha moi escasa Oferta de Emprego Público do 2024

Para seguir a tradición, a Administración achéganos na propia mesa (para que non dea tempo a reflexionar nin a alegar) catro follas cos anexos das prazas da OEP 2024. Limítanse a contarnos o que hai nas táboas. Polo tanto, ademais de que poidamos impugnar a propia OEP, estudaremos impugnar a falta de negociación. E ante a falta de datos ou de tempo para poder estudalos ou...