Novas por contido

Ante a información que está saíndo estes días nos medios de comunicación referida aos cursos de formación na que deliberadamente se intenta vincular a nosa central sindical con posíbeis corrupetelas na utilización de fondos públicos, achegamos o posicionamento oficial da CIG. Así mesmo, ademais desta nota, podes visitar a web da CIG e forGA para ter información máis polo miudo sobre esta cuestión, incluindo documentación.

CIG repudia a manipulación e utilización perversa do Informe do Consello de Contas e advirte que presentará denuncia na Fiscalía.

A central sindical presentará unha querela contra a Xunta de Galiza por discriminación na adxudicación dos cursos de formación.

Diante da utilización perversa e da manipulación que se está a facer do Informe do Consello de Contas, co que se pretende trasladar a opinión pública a imaxe dunha utilización fraudulenta dos fondos de formación, entre outras organizacións por parte da CIG, a central nacionalista toma a decisión de presentar unha denuncia e entregar dito Informe perante a Fiscalía para que quede irrefutabelmente probado que por parte da CIG non houbo utilización fraudulenta nin delituosa no uso destes fondos públicos.

Ademais presentará unha querela contra a Xunta de Galiza por discriminación na adxudicación dos cursos de formación e solicitará rectificación pública a aqueles medios que baixo o epígrafe “Los escándalos de corrupción” están a publicar informacións que “denigran” a imaxe da central sindical. De non o faceren a CIG presentará unha querela por “difamación e inxurias”.

Así o anunciou esta mañá en rolda de prensa o secretario xeral, Suso Seixo, quen compareceu acompañado polo secretario confederal de Formación e apoderado de forGA, Anxo García Torres.

Neste sentido, Seixo subliñou que se do informe do Consello de Contas se desprendese algún elemento que puidera ter carácter delituoso tería que ser o propio Consello de Contas quen entregara o informe á Fiscalía. “Damos por feito que se non fixo é porque non ve tales indicios”, afirmou. En todo caso, explicou que o fará a propia central sindical porque “ante a manipulación que se está a facer por certos medios de comunicación destes datos, para preservar a imaxe da CIG e que quede claro que non se cometeu ningún delito, pedimos que esta proceda a investigar e actuar”.

Xunto a isto anunciou que a CIG tamén vai presentar querela por prevaricación contra a Xunta de Galiza por discriminación na adxudicación de cursos. Nestes momentos, acumúlanse preto de 15 sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza onde se recoñece a existencia de dita discriminación e nas que mesmo se fan chamamentos expresos á Xunta para que remate con esta actitude, indicándose incluso que a Xunta “está a actuar con mala fe e temeridade respecto dos cursos de formación que lle está a denegar de forma continuada á central sindical”.

Intencionalidade política

A este respecto o secretario xeral da CIG sinalou que “non é casual que se faga público nestes momentos un informe que está elaborado hai tempo e que aparece publicado xusto agora cunha clara intencionalidade política”. A isto engadiu que, ao seu entender, o que se pretende é “tapar as denuncias de malversación de fondos públicos e de uso fraudulento dos fondos de formación por parte das empresas de Gerardo Crespo –Operación Zeta-, con graves implicacións no propio PP e dalgúns dos seus dirixentes, nesa suposta trama de corrupción, que poden mesmo chegar ao Presidente da Xunta por vínculos de amizade con algunhas persoas implicadas”.

Considerou que intentar vincular, a través do informe do Consello de Contas, certas irregularidades administrativas que se mencionan no mesmo co caso da trama de corrupción da Operación Zeta é “tremendamente inxusto” porque se poñen ao mesmo nivel posíbeis irregularidades administrativas con un caso de “uso fraudulento e malversación de cartos públicos”, intentando denigrar a imaxe da nosa central sindical  cando a CIG “ten demostrado ao longo dos anos a nosa pulcritude en todo o relacionado coa utilización dos recursos dos cursos  de formación”.

Seixo abundou que con esta manobra “búscase, por parte do PP, e coa descarada complicidade dalgún medio de comunicación que lle debe favores, dar a imaxe de cara a opinión pública de que todas as entidades que participamos na impartición de cursos de formación facemos un uso fraudulento e corrupto dos recursos”.

A isto, Anxo García Torres engadiu que, de feito, a forGA se presentou como acusación popular na causa penal de Gerardo Crespo o pasado 24 de outubro, porque “é parte interesada en que se aclare o que está ocorrendo cos cursos de formación”.

O suposto negocio da formación

O secretario xeral da CIG especificou ademais que lonxe de ser un negocio, a formación á CIG cústalle cartos. Sobre isto explicou que tal e como está montada por parte da Xunta, máis alá de recortar de forma tremenda os recursos destinados á mesma, o que está provocando é que se dificulte proporcionar formación recorrendo ao mecanismo de entregar por adiantado só o 20% do custo dos cursos o que obriga tanto á CIG como á forGA a recorrer a pólizas de crédito para poder financiala. “Se non estiveramos a financiala cos nosos propios recursos hoxe habería traballadores e traballadoras en Galiza que non poderían acceder a ela”.

Para Seixo de fondo está tamén a intención de dar unha mala imaxe do actual modelo de formación para ir cara o modelo que defende o PP, que é entregarlle directamente os recursos ás empresas para que, ao final, sexan os grandes grupos quen controlen a formación profesional.

Nese sentido, Anxo García Torres, explicou que a formación para o emprego é unha parte da negociación colectiva e que hai tres maneiras de impartila: completamente pública, que é a opción que defende a CIG; xestionada polos axentes sociais, que é o actual modelo, porque son parte da negociación colectiva, ou privatizada por completo, que é a dirección cara a que quere camiñar o Partido Popular. “Consecuentemente, o negocio da formación está na terceira, na privatización completa dos recursos dos traballadores que pagan a través da súa nómina”. Por iso cuestionou que se fagan titulares nos que se fale do “gran negocio da formación, cando é o que quere o PP e ao que nós nos opoñemos”.

Informe do Consello de Contas

No relativo aos aspectos salientados nas diferentes informacións publicadas a respecto do Informe do Consello de Contas sobre supostas irregularidades administrativas, García Torres foi explicando unha tras outra matizando que, en todo caso, ditas explicacións xa están recollidas nas alegacións presentadas ao propio Informe no seu momento por parte da forGA. Así mesmo, destacou que no propio  informe da Asesoría Xurídica do Consello de Contas aválanse as alegacións presentadas pola CIG sobre estas cuestións, entre elas que información e cal non debía entregarse pola central sindical e forGA ao Consello de Contas.

Sobre os “cursos singulares”, como o de Cata de Viños ou de Inglés lembrou que foron previamente aprobados pola consellaría de Traballo e que foron solicitados “non porque singularmente nos dera un día por solicitalos senón en base á demanda que hai en certos sectores produtivos deste país”. Por iso considerou que tildar de “singular o curso de cata de viños, co sector vitivinícola que hai en Galiza é non saber de que estamos falando”.

Respecto do tema da subcontratación de forGA con outras entidades afirmou que “é certo” e ademais “totalmente legal”, tal e como recolle explicitamente a normativa pola que se rexe a convocatoria de cursos de formación, na que especificamente se estabelece que no caso da contratación da docencia non ten consideración de subcontratación.

Canto ao aluguer dos locais da CIG que utiliza a forGA para impartir a formación, dicir que iso é absolutamente obrigatorio entre dúas entidade con personalidade xurídica propia que teñen unha relación comercial e na que estes alugueiros se pagan a prezo de mercado. De non facelo así, matizou, “si que estaríamos cometendo unha ilegalidade e ademais, esta actividade de alugueiros de locais está dada de alta como tal en Facenda e por ela, a CIG paga o IVE e o Imposto de Sociedades”.

En todo caso, o secretario confederal de Formación subliñou que toda a información económica, contable e fiscal de forGA é pública e consta no Protectorado de Fundacións da consellaría de Presidencia.

Respecto da indicación de que non constan partes asinados polos alumnos/as da forGa explicou, como xa se fixo constar nas alegacións remitidas, “que estamos a cumprir escrupulosamente” co que estabelecen a este respecto as instrucións das propia Dirección Xeral de Colocación e Formación, que determinan que mensualmente se debe cubrir un parte denominado ‘Modelo E,’ que recolle a asistencia mensual no que o profesorado ha asinar diariamente o control e asistencia de cada un dos alumnos. “Outra cousa é que o Consello de Contas considere que isto non é suficiente, mais nese caso terá que solicitar da Xunta de Galiza que modifique as instrucións”, concluíu.

Outras novas recentes

Mércores, 18 Decembro 2024

Convocatoria do Consello Reitor da EGAP (26/12/24)

O 17 de decembro recibimos a convocatoria da EGAP para asistir ao Consello Reitor, que este ano se estableceu o 26 de decembro de 2024. Como é habitual na EGAP, a convocatoria non se remite coa documentación a tratar na xuntanza (a secretaria da EGAP indica que se enviará en "datas próximas"), quizais coa expectativa de que a leamos por Noiteboa ou Nadal... Entre os puntos...
Martes, 17 Decembro 2024

Mesa de seguimento do acordo de funcionarios do SPIF: consecuencias dun acordo "sen letra pequena"

O día 13 de decembro 2024 celebrouse a 9ª reunión da mesa de seguimento do acordo de funcionarios do SPIF onde a Administración presentounos uns gráficos nos que se reflexa a porcentaxe de cobertura así como a de vacacións,  comparando os anos 2023 con 2024. Dende a CIG insistimos que: - Unha vez máis que, logo do traslado do acordo ao persoal laboral, é de recibo que se...
Xoves, 19 Decembro 2024

De non vacante a vacante: onde están as miñas vacacións?

Aínda que a administración xeral da Xunta ten personalidade xurídica ÚNICA, hai consellerías que non o queren entender e van por libre. Esta insubmisión dalgunhas consellerías crea problemas coas vacacións xeradas polo persoal temporal e interino das listas cando están cubrindo un posto “non vacante” e son chamados para cubrir un posto vacante e aceptan. É certo que...