Novas por contido

A CIG convoca concentracións en todas as comarcas o 1 de xullo contra a Lei de Seguridade Cidadá, coincidindo coa entrada en vigor dunha reforma que o PP aprobou “para amordazar a loita obreira”.

Con motivo da entrada en vigor o próximo mércores, 1 de xullo, da Lei de Seguridade Cidadá, a CIG ten convocadas concentracións en todas as comarcas en rexeitamento a unha normativa a través da que o PP pretende amordazar a loita obreira e a mobilización social, convertendo os conflitos laborais en conflitos de orde pública, deseñando un novo e amplo catálogo de sancións e reducindo, pola vía administrativa, as garantías xurídicas.

A CIG considera que con esta reforma da lei de seguridade cidadá, o PP devólvenos a tempos pasados nos que a represión e a censura eran a forma de coartar as liberdades públicas. Denuncia que o “descarado obxectivo” desta lei é a “represión e criminalización da resposta social” e alerta de que vai provocar unha volta atrás, sen precedentes, para o exercicio de dereitos fundamentais e liberdades públicas.

Denuncia a represión e limitación da mobilización social; a supresión das garantías que tiña a vía penal, como a presunción de inocencia, e a total indefensión que en diante se xera ao dárselle presunción de veracidade aos informes policiais.

Para a central sindical a “lei mordaza” converte os conflitos laborais en conflitos de orde pública e introduce un catálogo de faltas ou infraccións que non pondera as circunstancias especiais que concorren no exercicio dos dereitos fundamentais de liberdade sindical e de folga, o que pode producir efectos contrarios á propia Constitución.

Alerta da impunidade que isto outorga á policía fronte á contestación social e denuncia que se pon en mans do goberno un mecanismo de sancións abusivas que ademais, deberán ser pagadas aínda que logo haxa a posibilidade de as recorrer pola vía do contencioso, impondo un castigo económico inmediato co obxectivo de afogar así a mobilización social.

Denuncia tamén a limitación que isto supón para articular unha resposta inmediata, e ás veces mesmo espontánea, a determinadas decisións políticas ao considerar como “perturbación” mobilizarse diante de institucións do Estado, o Parlamento de Galiza ou mesmo os tribunais se non está comunicada con 10 días de antelación.

Alerta de que en diante considerarase falta grave parar un desafiuzamento, “desobedecer á autoridade”ou actuar nun piquete de se considerar que houbo coacción á folga.

Para a CIG o PP pretende garantirse instrumentos que lle permitan actuar de forma directa sobre os movementos sociais sen agardar que iso poida ir pola vía penal, convertendo o conflito social que eles mesmos provocan nun continuo conflito de orde pública. Un ataque brutal, en síntese, a dereitos sobre os que se asenta a participación democrática: liberdade de expresión, de reunión, de manifestación e de folga.

Infraccións moi  graves

A Lei penaliza as consideradas faltas moi graves con entre 30.001 e 600.000 euros de sanción e considera como tal manifestacións non comunicadas ante infraestruturas críticas ou celebrar espectáculos públicos quebrantando a prohibición ordenada pola autoridade correspondente, entre outras.

Ademais recolle que a responsabilidade será de “organizadores ou promotores”: sindicatos, comités de empresa, delegados/as de persoal, seccións sindicais e mesmo a asemblea de traballadores/as”, o que pode conducir doadamente á súa asfixia económica.

Infraccións graves

As infraccións graves poden ser sancionadas con multas de 601 a 30.000 euros. Como tales considéranse as concentracións diante do Parlamento; a solidariedade en casos de despexos ou a presenza de traballadoras/es ou representantes sindicais en infraestruturas ou instalacións que presten servizos básicos para a comunidade.

Infraccións leves

Para estes casos a lei contempla sancións de até 600 euros e considera como tales a ocupación de calquera inmóbel en contra da vontade da/o seu titular; colocar un adhesivo nun ben público ou privado sen necesidade sequera de denuncia do propietario; as faltas de respecto e consideración que teñen como destinatario un membro das forzas e corpos de seguridade do Estado ou non ter a documentación persoal legalmente exixida ou non denunciar o seu roubo ou perda, entre outros.

Horarios e lugares:

  • A Coruña, ás 11:30 horas diante da Delegación do Goberno.
  • Ferrol, ás 11:30 horas diante do edificio da Xunta de Galiza.
  • Lugo, ás 12:00 horas diante da Subdelegación do Goberno.
  • Vigo, ás 11:30 horas diante do edificio da Xunta de Galiza.
  • Compostela: ás 12:00 horas diante da sede do PP (Rúa Alfredo Brañas).
  • Ourense: 11:00 horas diante da Subdelegación do Goberno.
  • Pontevedra: 11:30 horas diante da Subdelegación do Goberno.

Outras novas recentes

Venres, 13 Novembro 2026

Promoción interna de corpos xerais; funcionarización en excedencia; finanzas-veterinarios/as-agacal-gain-intecmar (MSF e MX 10/11/26)

O martes 10, véspera da Folga Xeral, asistimos á Mesa Xeral e Mesa Sectorial de Persoal Funcionario, nas que se trataron as convocatorias de promoción interna a corpos xerais e dos procesos de funcionarización de persoal laboral fixo que está en excedencia. Na rolda aberta de intervencións a DXEP deu información da escala de finanzas, da repesca de funcionarización de...
Venres, 13 Novembro 2026

RPT Emprego, Comercio e Emigración (11/11/26)

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, convocou aos sindicatos a unha xuntanza para falar da súa proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo da consellería. Descargar Contactamos coa consellería para pedir explicacións polo feito de que nos convocasen con menos de 48 horas de antelación (restando a xornada de Folga Xeral), o que imposibilita estudar...
Venres, 13 Novembro 2026

Agacal, Gain e Intecmar quedan para a seguinte OEP de funcionarización

A directora xeral de Emprego Público comunicounos na Mesa Xeral do 10 de novembro de 2026 que o persoal de AGACAL, GAIN e INTECMAR quedará para a seguinte OEP de funcionarización (para a cal non teñen data) porque aínda non está integrado. A integración é un requisito previo para que o persoal que o desexe poida funcionarizarse. Sen convocatoria á CIG para as negociacións...