Novas por contido

Nunha xuntanza do 12 de abril a CIG tratou coa dirección da EGAP varias problemáticas: cursos on-line, formación do persoal sanitario da lei 17, cursos específicos das consellarías, reclamacións do persoal de xustiza, formación de linguas e temarios.

Cursos on-line con varias edicións

A CIG comenta a problemática das solicitudes de cursos on-line separadas en varias edicións cando logo se produce a actividade formativa de xeito simultáneo. O problema radica en que a edición que se pida é determinante na selección e o resultado paradoxal é que para dúas persoas con parecidas ou idénticas condicións o factor diferenciador para ser selecionado pode ser a "edición" na que se apunte.

A EGAP comprometese desde xa a que en toda a formación que sexa simultánea o concepto "número de edición" deixe de funcionar. A funcionaria responsábel amosounos a través da aplicación como na selección neses casos o número de edición deixa de estar xa dispoñíbel.

Na selección dos cursos de negociado e sección está eliminada esa peculiaridade do número de edición por pedimento noso.

Cursos para o persoal sanitario funcionario da lei 17

Este persoal non era aceptado nos cursos da EGAP por ser persoal sanitario, porén tampouco era aceptado nos cursos do FEGAS (escola de formación do persoal sanitario) por non ser persoal estatutario. Esta falta de entendemento entre as dúas escolas de formación deixaba no limbo da formación a máis de 1000 persoas que están baixo o paraugas desta lei 17.

Desde a CIG levamos tempo reclamando insistentemente unha solución xurídica que garanta o acceso á formación a este persoal. Cómpre facer fincapé en que o maior problema se estaba producindo coa formación ligada á lingua galega.

Por fin a EGAP vai sacar antes do verán formación para este persoal xa que se comprometen a ter asinado de xeito inmediato un convenio coa FEGAS (amosan o texto) De acordo a ese convenio na EGAP vaise convocar formación para eles a partir de xuño. Nesta data sairán as primeiras convocatorias de diversos cursos a destinados a este persoal comezando polo ámbito da lingua galega no que se ten producido o 99,9% dos problemas.


Cursos específicos das consellarías

Nas accións formativas das consellarías a nosa proposta é que se deixen unha proporción de prazas para a distribución xenérica baremada entre todo o persoal e acabar así coa endogamia formativa.

Aí o secretario inundounos de información sobre como varía o proceso de selección: hai consellarías  que envían a proposta para seleccionar cos criterios xerais da EGAP, outras con indicación expresa das persoas as que vai dirixida a formación e outras, as máis restrinxidas, que apuntan que esa formación é preferente para X persoas de determinadas unidades.

A EGAP selecciona de acordo ao comunicado das consellaría e amosa unha relación de cursos onde ficaran estes fechados ao resto do persoal, que eran os mínimos no total de formación das consellarías, na que eles non podían intervir. A única solución que deron foi que se unha acción formativa ten moita demanda alén da xerada pola consellaría nas solicitudes, que se faga como formación da EGAP por proposta nosa.

Nese caso pedimos, desde a CIG, que se nos informe das demandas actuais desa formación. A EGAP insiste que as veces esa formación é moi especializada, como no recente curso sobre transportes da Consellaría de Medio Ambiente, no que había algunha solicitude de persoal alleo, e consideran que o temario é especializado dabondo para non ter intereses xeral. De todos os xeitos, desde a CIG insistimos de que se nos informe do número de persoas que fican fóra da totalidade dese tipo de cursos, por seren solicitudes fora do ámbito da consellaría para estudar de reclamar esa formación dentro do ámbito da propia EGAP.


Reclamación do persoal de xustiza para que se manteñan os cursos de portugués

A EGAP afirma que efectivamente houbo moita demanda da lingua portuguesa na Administración de Xustiza mais achega tamén a acta da comisión de formación da área de xustiza onde todos os sindicatos solicitaran suprimir esa formación e acrecentar a de inglés, de aí que este ano non se oferte.

Porén, alén diso,  desde a CIG-Autonómica reclamamos como solución provisional se acepte este persoal na oferta xenérica de Portugués da EGAP. Non aceptan solución.

Formación de linguas


Pídese que a formación nesta área, xa que hai moitas peticións que a CIG ten recibido como queixa, se considere un itinerario formativo e que na selección de cada nivel superior se teña en conta as persoas que no ano anterior fixeron a etapa anterior.

Manifesta a EGAP que iso o aceptan desde xa e que o van considerar un elemento determinante no proceso de selección.


Temarios e lingua

Aí o director segue erre que erre que os temarios ten que dispolos na lingua na que son feitos para ben das persoas destinatarias, independentemente de teren a versión en galego ou castelán. O problema é que entre as persoas que busca para facer os temarios (empregados públicos desta ou doutras Admnistracións) é estraño atopar alguén que llos faga directamente en galego e terminan facendo traducións que reducen a calidade do texto inicial ou mesmo que non son completas (coma o caso dos textos das imaxes do temario de legoeiros/as).

O que totalmente inadmisible é que a EGAP lle pague a empregados públicos para que elaboren os temarios, que deben estar dispoñibles en galego, e que os fagan só en castelán, debendo despois a EGAP pagar a tradución ao galego a empresas externas. Dado que os empregados públicos que traballan nas Administracións galegas teñen que acreditar un coñecemento suficiente da nosa lingua para acceder a estas (de outra maneira sería imposible materializar o dereito da cidadanía a dirixirse á Administración en galego), non valen a excusa de que descoñecen o idioma. Ou é que hai interese en darlle cartos a empresarios afíns para que fagan as traducións?

Neste tema a CIG manifesta a súa permanente queixa do incumprimento do mandato imperativo da Lei de normalización lingüística no seu artigo 24 e denuncia que no proceso normalizador da nosa lingua importa máis aparentar que facer.

Outros

Está en proceso de pronta solución o tema da validación dos diplomas de Política Linguísitica en varias accións formativas de linguaxe realizadas pola CIG. Quen teña algún problema con algún diploma que dirixa un correo electrónico a nosa conta.


Outras novas recentes

Venres, 12 Decembro 2025

Escalas sanitarias (OEP 2025 e convocatoria 2022 a 2024); RPT APLU (para MSF 15/12/25)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha Mesa de Negociación de Persoal Funcionario para o luns 15 de decembro, para tratar os seguintes asuntos: Decreto de Oferta de Emprego Público 2025 das escalas sanitarias (Lei 17/89). Descargar (sen cambios respecto da xuntanza previa) Convocatoria de proceso selectivo de escalas sanitarias...
Luns, 15 Decembro 2025

Oferta de emprego e convocatoria de proceso selectivo de escalas sanitarias (MSF 15/12/25)

Tras a xuntanza que tivemos coa Consellería de Sanidade o 5 de decembro, o luns 15 pasou por Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario (MSF) a proposta de Decreto da Oferta de Emprego Público (OEP) de escalas sanitarias do ano 2025, e a convocatoria do proceso selectivo tamén das escalas sanitarias correspondente a todas as prazas das OEP dos anos 2022, 2023 e...
Venres, 12 Decembro 2025

Por unha lei de orzamentos que recupere dereitos e salarios para o persoal público

A CIG-Autonómica chama a unha concentración diante do Parlamento da Galiza o vindeiro martes 16 de decembro ás 11 horas pola defensa dunha lei de orzamentos que recupere dereitos e salarios para o persoal público. Denunciamos a situación de empobrecemento que sofre o persoal e o deterioro contínuo dos servizos públicos.Nos últimos anos, as políticas liberais impulsadas...