Novas por contido

No desenvolvemento do último comité de seguridade e saúde de Medio Rural celebrado o 11 de febreiro de 2019, tomáronse os seguintes acordos:

  • Aprobouse o nomeamento dos novos membros do Comité, entre eles o novo presidente que será Ángel R.B. (xefe do servizo de Persoal).
  • Revisouse a proposta de programación para o ano 2019, indicando que se inclúen numerosas casetas de vixilancia que están pechadas (o que pode ser indicativo da súa reapertura neste ano). A maiores desde a CIG recordamos que están pendentes as avaliacións do traballo de campo do persoal veterinario e técnicos agrarios. O servizo de prevención indica que agardan poder desenvolvelas ao longo deste ano. As organizacións sindicais reiteramos a avaliación de riscos sicosociais do distrito XVI aprobada en comités do ano pasado. O servizo de prevención achaca o retraso a falta de persoal específico para poder facerse cargo desta avaliación e que tentarán resolvela no tempo máis breve posible.
  • No referente á vixilancia da saúde e ante os novos cambios nos protocolos para as distintas actividades, desde a CIG solicitamos que exista información dos protocolos que se aplican na vixilancia da saúde a cada posto de traballo na web riscos e que se remita un correo aos centros de traballo que aclare a nova táboa de vixilancia da saúde para cada posto de traballo e os protocolos estandarizados que inclúe cada un. A maiores solicitouse a actualización das denominacións das actividades e dos postos de traballo.
  • Deuse conta das 10 avaliacións de centros de traballo incorporadas no segundo semestre do ano 2018.
  • Revisouse o informe de investigación do accidente de traballo mortal de J.V.Q. Neste punto desde a CIG consideramos que existen deficiencias na forma e no fondo. No aspecto formal esta revisión chega moi tarde (accidente ocorrido en outubro de 2017) e por indicacións da inspección de traballo; polo que solicitamos que se dea coñecemento de inmediato dos accidentes graves e moi graves aos delegados/as de prevención para estar presentes na investigación. No referente ao fondo do accidente, esiximos que se evite o traballo en solitario; especialmente en tarefas de extinción e se activen medidas de aviso de socorro a través das novas tecnoloxías e dispositivos de comunicación existentes.
  • Segundo o servido de prevención e tras pasar por todos os distritos as enquisas da exposición de riscos laborais a campos electromagnéticos, non se detectou ningunha situación que superara os riscos admisibles. As Organizacións Sindicais presentes quedaron en revisar esta situación e propoñer lugares para revisar “in situ” os riscos a campos electromagnéticos.
  • Revisouse requirimento 25/17 da Inspección de Traballo e Seguridade Social referente a avaliación dos vehículos das brigadas permanentes e dos vehículos motobomba. Para dar cumprimento a este requirimento pasouse enquisa a todos os vehículos afectados e comezaron a correxirse algunhas das deficiencias detectadas. Desde a CIG solicitamos que se actualicen os datos de todos os vehículos da consellería tal e como se fixera no ano 2018 e se defina un plan de renovación do parque móbil con indicación das prioridades a ter en conta na substitución de vehículos.
  • No referente as medidas correctoras sobre o risco de picaduras das carrachas remitíronse aos distritos forestais trípticos informativos e modelos para solicitar medidas preventivas (pendente de incluír novos elementos). Desde a CIG solicitamos que se fagan extensibles estas medidas a todo o persoal de campo da consellería.
  • No tocante ás medidas correctoras sobre o risco das picaduras de vespa velutina acordouse establecer un protocolo para identificar o persoal de maior risco en base á zonificación, actividades que desenvolvan e temporalidade desas actividades. Unha vez detectado o persoal afectado encargaríanse os Kits correspondentes e realizaríase a formación axeitada para o seu emprego.
  • Revisouse a petición da CIG referente ao uso de pneumáticos de inverno en vehículos alugados das oficinas agrarias e veterinarias en zonas de montaña para diminuír o risco en determinadas condicións meteorolóxicas e de estado dos camiños, xa que na actualidade tan só se poñen pneumáticos normais para todos os vehículos. O presidente do comité indicou que entendía a petición pero que na actualidade o prego de condicións do aluguer nor permitía o cambio e que tería que contemplarse en vindeiros contratos. En todo caso, e tendo en conta o número reducido de vehículos afectados, tentaría buscarlle unha solución.
  • Ante a queixa das organizacións sindicais polo estado das instalacións e centros de traballo en determinados lugares, acordouse facer unha petición ás xefaturas territoriais do estado de todos os centros de traballo para ter unha radiografía do estado actual. En base a ese informe traballarase nun plan de mellora das instalacións.
  • Dentro de rogos e preguntas o presidente do comité indicou que a dotación de taquillas está pendente da dotación orzamentaria e do inicio do correspondente expediente de contratación. Con respecto á orde de uniformidade está pendente dun informe de orzamentos.
  • Ante os numerosos puntos que quedan pedentes e que non foron incluídos na orde do día, acordouse celebrar o seguinte comité na primeira quincena de abril.

Para calquera dúbida ou aclaración dos puntos tratados no comité, ponte en contacto con nós: contactar coa CIG.

Outras novas recentes

Xoves, 26 Marzo 2026

A saúde pública non pode esperar: vacantes sen cubrir, comisións bloqueadas e restricións de teletraballo sen sentido en Ourense

A CIG mantivo o pasado mércores 18 de marzo unha reunión coa directora territorial de Sanidade e o xefe de persoal para abordar o teletraballo, a falta de persoal e a situación de distintos servizos. Teletraballo Trasladamos a queixa do persoal pola limitación a un único día semanal, unha decisión difícil de entender cando o Acordo vixente permite até o 50% das xornadas e...
Martes, 24 Marzo 2026

Xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellaría do Mar (17/03/2026)

Avaliacións de riscos psicosociais Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) Dende a CIG recordámoslle á Administración que se están a incumprir as medidas acordadas após a avaliación de riscos psicosociais no Igafa. Estas medidas son de obrigatorio cumprimento, polo que esiximos a súa implantación de forma inmediata. Escola Oficial Naútico-Pesqueira de Ferrol A...
Martes, 31 Marzo 2026

RPT bioloxía e cc. do mar; Fogga; Vivenda (para MSF 07/04/26)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha xuntanza da Mesa Sectorial de Persoal Funcionario que será o martes 07/04/26, coa seguinte Orde do día: 1. RPT que modifica 3 postos de bioloxía e ciencias do Mar. Descargar 2. RPT de Fogga. Descargar 3. RPT da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. Descargar Para...