Novas por contido

Por parte da dirección ISSGA indícase que os aspectos a tratar na xuntanza son "técnicos" e sobre escalas que se crean por primeira vez, polo que pode haber alguén que desde fóra non o comprenda. Non van tratar cuestións que sexan de FP, e xeneralistas, porque na xuntanza o ISSGA non está en disposición de arranxalo. Salienta, ademais, que o ISSGA traballou moito para que esta RPT non supuxera ningún prexuízo para ninguén, debido á grande cantidade de persoal interino de longa duración, ou incluso persoal interino de curta duración, que teñen nos diferentes postos no ISSGA, polo que indica que non lles foi fácil facer ese encaixe.

No 2013 indica a dirección do ISSGA que houbo a mala sorte de que apareceron as normas novas e que se produciron moitas xubilacións nese momento, e coincidiron con prazas que estaban vacantes de longa duración, algunhas porque era moi difícil cubrilas, como foi o caso de medicina do traballo e de enfermaría do traballo porque, segundo indica, son profesións cualificadas como de difícil cobertura. As normas que apareceron en 2013 supuxeron que estas prazas se non estaban cubertas durante un determinado tempo se amortizaban.

A dirección do ISSGA indica, asimesmo, que nas páxs. 6 e 7 da memoria económica están as prazas que estaban sen dotar. Hai prazas que o que se fixo foi falar con FP para harmonizar os centros ou crear unidades novas que se precisaban, ou que necesitaban unha praza nalgures e que se amortizaba noutro... Para compensar todo iso o que se fixo con FP foi ver todas esas amortizacións en diñeiro e que os deixaran "xogar" para facer unha RPT o máis coherente posible, e non porque se amortice unha praza de formación teñen que quitar todas as de formación..., ou creáronse as de ergnonomía nos centros grandes, porque era absolutamente necesario. Insisten en que houbo un esforzo moi grande, unha compatibilización moi grande coas persoas que están dentro.

INTERVENCIÓN DA CIG

1) SOLICITAMOS A IDENTIFICACIÓN DOS POSTOS QUE SE CORRESPONDEN COAS AMORTIZACIÓNS DE 2013

Dende a CIG indícase que se repetiu dúas veces que dende o ISSGA se fixo un grande esforzo, cando desde o 2013 se leva facendo un esforzo en toda a Xunta para tentar encaixar o que non se fixo como é debido. De feito o que lles pedimos no escrito que se lles remitiu é que identifiquen os postos que corresponden coas amortizacións de 2013, porque se a Lei de orzamentos establece que se tiñan tres meses para levalo á RPT, entendemos que no ano 2019 non se pode traer iso. Haberá que ver se no xulgado poden entender que iso está ben ou mal feito. Queremos saber cales son as prazas, porque é o ISSGA quen o sabe, non nós, cales quedaron vacantes sen dotación orzamentaria no ano 2013. As do 2014, 2015 e 2016 xa non as imos a pedir, porque un artigo a maiores que  poñen sempre nos orzamentos é que as prazas sen dotación haberá que eliminalas, non poden sair a concurso, etc. Non obstante, nese ano en concreto, no 2013, a norma cambiou soamente para iso, para as prazas que estaban sen persoas, e ademais non ían ser asignadas por sentenza, e aquelas que non se levaban a concursos, porque ese ano leváronse a cabo moitos concursos, a esas prazas quitábanselle os cartos. O problema foi que nas consellarías -non sabemos se tamén neste instituto- fixérono ao chou, de tal maneira que quitaron os cartos en si, nada máis, e despois cando nos viñeron outras RPT a darnos códigos de praza, resulta que esas prazas estaban en concurso, co que non cumprían, ou ben eran propiedade de alguén que se foi logo en concurso, co cal tamén tiñan dotación orzamentaria e non lla podían sacar. En consecuencia, repetimos que precisamos identificar esas prazas e telas claras, porque no ano 2013 non se cumpriu, fixeron unha RPT na que se libraron delas.

2) SOLICITAMOS UNHA ALTERNATIVA Á PRAZA AMORTIZADA OCUPADA POR UNHA PERSOA QUE ESTÁ NELA POR MOTIVOS DE SAÚDE LABORAL

A saída que se ofreceu é que a traballadora volvese ao seu posto de traballo. Se o seu posto de traballo non está adaptado, non pode facer as súas funcións. Descoñecemos se a traballadora vai volver ao seu posto de traballo, e se xa está preparado para que volva, ou aínda non. Non se nos dixo, non se nos contesta cal é a solución, ou se hai outro posto de traballo que si poida realizar.

3) SOLICITAMOS OS PLUSES DE PERIGOSIDADE PARA O PERSOAL DOS LABORATORIOS

O ISSGA respóndenos á petición dos pluses con que hai que evitar que existan condicións que deriven en situacións perigosas ou tóxicas, polo que non acepta os pluses. Non obstante, argumentamos que se supón que en todos os laboratorios hai que evitar que existan condicións que deriven en situacións perigosas ou tóxicas, e en cambio noutros laboratorios teñen os pluses que aquí se lle negan ao persoal, o cal resulta nunha contradición. Evidentemente, hai que evitar esas condicións, pero hai postos cun risco maior ca outros, e por iso teñen eses pluses. Ninguén é quen de garantir ao 100% que esas situacións non se produzan e, polo tanto, se os riscos están aí, deixamos os pluses para ese persoal. Écurioso que se sexa tan reacio/a para estes pluses e logo na consellaría se nos presenten pluses de responsabilidade para xente que non fai absolutamente nada, pero para iso si que hai cartos, e estamos falando incluso dun 30% do que cobran. Cremos que nos podemos sentar e analizalo.

4) SOLICITAMOS UNIDADES DE FORMACIÓN EN TODAS AS ÁREAS

O artigo 38 dos Estatutos do ISSGA non invalida o outro, que indica que os centros territoriais terán as áreas de formación, divulgación e documentación. Todos teñen a de ergonomía, seguridade no traballo, hixiene industrial, psicoloxía aplicada, e medicina do traballo, pero non as de formación. Corrixan o Estatuto, e digan que non son necesarias en todos os centros, pero así como hai das outras áreas, a CIG non entende por qué non hai tamén a área de formación en todos, e non se cumpre o Estatuto.


5) SOLICITAMOS QUE AS TAREFAS DE CONDUCIÓN SEXAN UN MÉRITO, NON UN REQUISITO

O que pedimos en todas as RPT non é que os postos non teñan tarefas de condución, senón que se elimine o requisito de "imprescindible", porque hai unha norma clara dentro das RPT, que é que todo o que está nun posto ten que cumprir as características dese posto. O día que unha persoa que teña o carné de conducir como requisito imprescindible se lle retire nun determinado momento o carné de conducir por perda de puntos, que pasaría? Váiselle retirar a praza? Que se remunere e se considere como un mérito, é diferente. Ademais, hai que ter en conta que se lle está a pedir un requisito a alguén que nas oposicións non se lle pediu.

6) SOLICITAMOS QUE SE ACLARE O COMPLEMENTO Á XEFATURA DE SECCIÓN DE NÓMINAS 

Con relación ao acordo, que se nos indica que non é irregular, queremos que se nos diga en qué lugar da Administración está publicado e é público, porque o acordo non aparece en ningures, nin sequera na reunión da Xunta dese día aparece en ningures publicado. Como mínimo un acordo ten que estar publicado, e fala de dous anos, e non menciona ningunha prórroga dese acordo desde que se asina. Solicitamos que se revise isto, porque consideramos que hoxe por hoxe é unha ilegalidade. Os que xa dispoñen do complemento, non o sabemos, descoñecemos se é legal, pero que se lle asigne a persoal de nóminas novo é unha ilegalidade.

7) O INSTITUTO SUPÓN A DUPLICIDADE DE POSTOS EXISTENTES NA XUNTA

Dende a CIG denunciamos a duplicidade de postos que se demostra con todos estes organismos satélites, chiringos, institutos etc., que desde a CIG non acabamos de entender. Que se nomee persoal de nóminas para un cadro de persoal dunhas 100 persoas non ten sentido, máis aínda se o que nos están a transmitir é que os recursos que temos son moi limitados, e están recortados no ISSGA.

8) HABILITACIÓNS CON CRITERIOS ILÓXICOS

O que vemos dende a CIG é que hai escalas nalgunha das provincias que non teñen cubertas todas as especialidades.

A dirección do ISSGA indica que non foi posible en Lugo e Ourense poñer unha sección de ergonomía, pero están contempladas na medicina do traballo, é dicir, na enfermaría do traballo. A directora indica que realmente como se lle pide ser tamén ergónomo/a e especialista en psicosocioloxía aplicada, e non podían facer a sección porque non lles chegaba, pois seguen co mesmo que tiñan na RPT aprobadas en 2007. O que fixeron, segundo indican, foi melloralo nas grandes provincias, porque si que lles preocupa a ergonomía, pero na enfermaría nos centros pequenos poden levar os asuntos de ergonomía. Na próxima RPT farase o esforzo de dotalos de postos de ergonomía. Creron necesario que se crearan as prazas en Rande e Coruña porque aí si que era determinante.

A CIG indica que, non obstante, con respecto ás especialidades, na Coruña existen tres postos coa mesma especialidade de seguridade. O lóxico sería que se puxese en Lugo o posto de ergonomía que fai falta.

A dirección responde que esta RPT está moi condicionada pola xente que está, e que son quen de facer unha RPT perfecta, pero entón cárganse ao persoal que supostamente os sindicatos teñen que defender. A maioría da xente que está no ISSGA é xente de seguridade, xente maior que optou hai tempo, e antes a prevalencia era a sinestralidade laboral por medio de accidentes de traballo, e non tanto enfermidades profesionais.
Entón, si se pode ter razón, pero se o ISSGA o fai ben, o que fai é desprazar ao persoal interino que está nesas prazas, porque están convertendo as prazas noutras. O ISSGA indica que o que se tratou nesta RPT é que non se movese a ninguén, e ademais que se consensuou con cada unha das persoas o lugar onde se van situar os postos, e que esta información debería ternos chegado aos sindicatos.

A CIG indica que non se nos facilitou en ningún momento máis que códigos de RPT, e ningunha información sobre a situación do persoal do ISSGA. Igualmente, tampouco se nos facilitou ningunha información da existencia de acordos individuais do ISSGA cos/coas traballadores/as. A CIG indica que esta información debería estar reflectida nesta mesa de negociación xa desde o primeiro día, e que todos os asuntos que afectan ao persoal se nos deberían comunicar ao todos os sindicatos e non negociar antes directamente de xeito indiviual con cada persoa e logo comunicárnolo nunha segunda xuntanza como esta.

O ISSGA indica que se facilitou a información aos sindicatos de que se hai persoas adscritas a postos que se amortizan, se "reubican" noutros postos. A CIG indica que non dispoñemos desa información.

A dirección do ISSGA subliña que hai que arranxar os problemas das "persoas", e que as persoas queden todas beneficiadas. Que se fixo un esforzo neste sentido, e en regular unhas escalas con especialidades, porque cada vez o ISSGA ten unhas tarefas máis difíciles, máis concretas, de aí o 394. As adscricións, miramos un por un, e isto díxoselle á xente.

Dende a CIG insistimos en que o que pode beneficiar a unhas persoas, pode prexudicar os intereses doutras, e non temos coñecemento dos acordos aos que chegou coas persoas afectadas polas amortizacións de adscricións provisionais, que a secretaría xeral técnica indica que se adscribe a outros postos. Entendemos que o ISSGA quere regularizar a situación do persoal, pero os procedementos teñen que ser comúns a toda a Xunta. Dende o ISSGA indícase que "a algún sindicato" se lle facilitou a información (a CCOO) na contestación ás súas alegacións.

Dende a CIG indicamos que non temos coñecemento das alegacións feitas polos outros sindicatos, nin das respostas ás alegacións presentadas por escrito aos outros sindicatos, pero pola secretaría xeral indican que por sistema se lle facilita a cada sindicato a información que cada un solicita, e esa información non se lle facilita aos restantes sindicatos. 

9) SOLICÍTANSE ACLARACIÓNS SOBRE AS TITULACIÓNS REQUIRIDAS PARA AS ESCALAS

A CIG solicita información sobre as titulacións requiridas para as escalas que se están a crear no ISSGA, e os requisitos para poder acceder á formación que dá acceso á habilitarse como técnicos/as.

Dende o ISSGA indícase que se quere ir por diante do Instituto Nacional de Seguridade, Saúde e Benestar no Traballo, tecnificando o persoal encargado de facer un labor pericial, informes, etc. A Lei de creación do ISSGA, indican, supón a tecnificación do ISSGA, e as titulacións requiridas están xa na Lei do Emprego Público de Galiza. Agás a escala de ergonomía, á que pode acceder calquera titulado universitario, as demais escalas están restrinxidas a determinadas titulacións académicas (bioloxía, arquitectura, etc.), segundo o ISSGA.

Outras novas recentes

Xoves, 19 Decembro 2024

A Xunta quere aprobar unha moi escasa Oferta de Emprego Público do 2024

Para seguir a tradición, a Administración achéganos na propia mesa (para que non dea tempo a reflexionar nin a alegar) catro follas cos anexos das prazas da OEP 2024. Limítanse a contarnos o que hai nas táboas. Polo tanto, ademais de que poidamos impugnar a propia OEP, estudaremos impugnar a falta de negociación. E ante a falta de datos ou de tempo para poder estudalos ou...
Luns, 16 Decembro 2024

Proposta de Acordo para a correcta finalización de determinados procesos de estabilización (SPIF) (borrador 16/12/24)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) achegounos unha proposta de acordo relacionado coa terminación dos procesos selectivos de estabilización para as distintas clases e escalas do servizo de incendios. O asunto ven motivado polo feito de que houbo un cambio de criterios en canto á baremación da experiencia do persoal fixo-descontinuo. Con...
Xoves, 19 Decembro 2024

De non vacante a vacante: onde están as miñas vacacións?

Aínda que a administración xeral da Xunta ten personalidade xurídica ÚNICA, hai consellerías que non o queren entender e van por libre. Esta insubmisión dalgunhas consellerías crea problemas coas vacacións xeradas polo persoal temporal e interino das listas cando están cubrindo un posto “non vacante” e son chamados para cubrir un posto vacante e aceptan. É certo que...