Novas por contido

Despois de máis de 7 anos sen actualizar a estrutura da consellería e adaptala as propias leis que o goberno do Partido Popular aprobou nestes anos, a Consellería do Medio Rural manifesta que foi un “erro” a dotación orzamentaria para todo o ano das 549 prazas de persoal bombeiro forestal. Con esa palabra despachouse a Administración ao inicio da negociación, ademais de declarar na mesa de negociación que as oficinas agrarias non eran motivo de negociación nestes intres.

A Consellería de Medio Rural presentou ás organizacións sindicais unha relación de postos de traballo mal feita e chea de erros. Así, hai uns días, coa documentación que nos achegou a consellería, na CIG valoramos positivamente a creación de 549 prazas de 12 meses que agora os servizos de persoal da consellería manifestan que foi un “erro”, e que unicamente son de 5 meses, e que o documento económico estaba mal (orzamentaban para 12 meses).

Aínda así, negáronse a facer unha declaración manifestando o tempo exacto que vai traballar o persoal de alto risco, nin cando vai comezar.

Ante estes datos e con este novo cambio de rumbo, a palabra máis repetida polo conselleiro de Medio Rural, “PREVENCIÓN”, é só fume, pois a improvisación da Consellería de Medio Rural queda outra vez en evidencia ao non seguir as recomendacións do Comité de expertos/as derivado da Comisión Parlamentaria polos incendios forestais, nin do propio ditame da Comisión, nas que destacan a necesidade de actuar na prevención. A consecuencia é que as novas prazas creadas unicamente traballarán no “alto risco” en extinción de lumes, imposibilitándose o traballo na prevención.

A non creación das prazas como de 12 meses cambia por completo a valoración da CIG desta RPT, a cal incluso amortiza prazas de persoal bombeiro de 12 meses e logo créaas de 5 meses. Pero isto non é o único, amortizan moreas de prazas dos servizos periféricos, como nas oficinas agrarias e distritos forestais, servizos de infraestruturas ou postos base nas xefaturas territoriais. Rexeitamos amortizacións de postos nos servizos que deben atender á cidadanía do rural, fin definitivo desta consellería, coa finalidade de crear postos de estrutura; e opoñémonos á amortización de postos de persoal bombeiros de 12 meses.

Na xuntanza que tivemos as organizacións sindicais coa consellería para tratar a RPT a CIG presentou mais de 100 alegacións concretas, que serán moitas máis cos “erros” da RPT, ademais da falla de xustificación funcional e memoria económica. En definitiva un desastre de RPT que anuncia atrasos no concurso de traslados de todo o persoal da Xunta de Galicia e que segue na liña de desmantelar servizos de atención e non dar solución nin afrontar con seriedade os problemas do rural da Galiza.

Outras novas recentes

Venres, 22 Agosto 2025

Máis de 45.000 persoas bótanse á rúa en toda Galiza contra a política forestal do PP e en solidariedade coas persoas afectadas pola vaga ...

A CIG reclama medidas inmediatas para recuperar os bens e paliar as consecuencias, e un servizo público único, de xestión directa e dependente da Xunta de Galiza, para traballar na prevención e respostar ás multiemerxencias do medio natural e rural durante  todo o ano. Un total de 29 localidades de todo o país acolleron o 21 de agosto mobilizacións multitudinarias...
Xoves, 14 Agosto 2025

Arde Galiza e evidéncianse os problemas na xestión do servizo de incendios: accidentes e graves situacións de risco

Aínda non chegamos a segunda quincena de agosto e as previsións cúmprense antes de tempo. Estamos tendo unha campaña de verán de lumes durísima, altamente perigosa e con milleiros de hectáreas queimadas. Máis os expertos anuncian que o peor virá nas próximas xornadas con Grandes Incendios Forestais (GIF) e condicións de alto risco para a cidadanía e para as bombeiras e...
Xoves, 14 Agosto 2025

A CIG e os outros sindicatos esiximos solucións aos problemas das gardas e seguridade dos axentes ambientais de Patrimonio Natural

E solicitamos ter unha reunión, en canto remate a vaga de lumes, coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. No día de onte, 13 de agosto de 2025, enviouse comunicación aos axentes ambientais do Servizo de Patrimonio Natural das catro provincias galegas de que acudiran a apoiar nos incendios forestais. Esta comunicación foi feita principalmente por wassapp e por...