Novas por contido

Ao igual que cos demáis asuntos que foron á Mesa Xeral do 7 de xuño, co Decreto de funcionarización do persoal laboral fixo tampouco houbo negociación colectiva (seguramente si negociaron con CCOO e UGT). Ata nos fixeron entrega dunha nova versión do decreto na propia Mesa Xeral que, evidentemente, foinos imposíbel poder estudala sobre a marcha. Non é aceptable que pretendan despachar un asunto que afecta a máis de 7.000 persoas sen unha negociación máis pausada, polo que reclamamos a retirada do asunto da orde do día da Mesa Xeral. O director xeral de Función Pública negouse a retirar o asunto, limitándose a comprometerse a termos unha xuntanza monográfica para tratalo. E mentres a CIG denuncia a falta de negociación, algún sindicato esmérase en facer unha deliciosa oda ás bondades do decreto.

Entre os múltiples problemas expresados pola CIG subliñamos:

  • A funcionarización ten que ser un proceso que comece pola convocatoria de concurso de traslados, procesos selectivos, negociación das condicións económicas e finalmente a funcionarización. A Administración vai comezar polo que debería ser o último paso.
  • Non á funcionarización sen recoller os dereitos establecidos polo convenio colectivo, e estendelos a todo o persoal, funcionario e laboral. Por exemplo, a recuperación do artigo 19 do convenio e a promoción interna a calquera grupo. Se fai falla, que modifiquen a Lei do emprego público de Galiza.
  • Preguntamos que pasa co persoal laboral fixo que superou a oposición cunhas condicións de titulación determinadas, e agora, cos novos requisitos, non cumprirían. É precisa unha revisión dos requisitos de titulación que esixen ás escalas.
  • Non é aceptábel que se produzan desequilibrios nos trienios entre os antigos e novos funcionarios, polo que reclamamos a suba dos trienios mínimos dos actuais funcionarios para igualalos aos do persoal laboral.
  • Que fagan as xestións necesarias co goberno do estado encamiñadas a ampliar os dereitos de xubilación parcial, e que tamén entre o persoal funcionario.
  • Queremos saber os prazos para a funcionarización.
  • Preguntamos pola devolución da carreira a quen non se funcionarice (algún sindicato afirma que non vai pasar nada). Queda claro que quen voluntariamente non se presente ou suspenda, vai ter que devolver as cantidades cobradas de carreira.
  • Sendo o complemento de funcionarización non absorbible, agás incrementos de retribucións complementarias, preguntamos se o complemento de funcionarización vaise comer ao complemento de carreira, co que a o cobro deste último xa non tería tanto interese como chantaxe para forzar á funcionarización. O director de Función Pública, despois de pensarse a resposta, dixo que tiña que consultalo pero que opinaba que non. A pregunta resultoulle incómoda. Non queda nada claro que non sexa así e por tanto, o gancho do cobro da carreira, sexa algo de fume.

Informa o DXFP:

  • Que en paralelo á negociación deste decreto irá un proxecto de lei de creación/modificación de escalas. Polos prazos que se moven, ben podería tratarse da Lei de acompañamento aos orzamentos que todos os anos se aproba a finais de ano, e que utilizan habitualmente para este tipo de modificacións.
  • Aceptaron gran parte das alegacións que recibiron á batería de preguntas. A semana que ven publicarán algún grupo, e a seguinte o resto.
  • Publicarán no web as dúbidas máis xerais que está a formu o persoal laboral sobre a funcionarización.
  • Foron á funcionarización máis ampla posíbel. Aínda queda algunha categoría que podería incluírse.
  • Como norma xeral, non van facer elevación de grupo, agás casos en que xa estea pactado ou haxa norma que lles obrigue.
  • Sen titulación non se entra na escala. Dispostos a abrir procesos de formación.
  • Están a traballar xa en dúas RPTs. Tentarán ter rematada a de Política Social entre este mes e o seguinte coa funcionarización dos postos, cos niveis e complementos de cada un deles.
  • Nas vindeiras semanas terán preparada a negociación das convocatorias da oferta do ano 2018. E nesas negociacións irán tamén os complementos e niveis.
  • O Decreto non fala de máis convocatorias de funcionarización, porque non o contemplan as leis como si o permite o estatuto do persoal sanitario no caso do Sergas. Segundo evolucione o asunto, verán como actuar no futuro.
  • Cuestión de inconstitucionalidade presentada polo Estado: di que teñen que facerlle entender ao goberno do Estado que se trata de retribucións complementarias e non básicas (refírese ao complemento de funcionarización, de carreira, de segunda actividade dos axentes e dos funcionarios en prácticas). Xa comezaron os contactos preliminares, e dánse un prazo de 6 meses para resolvelo.
  • A funcionarización do persoal do artigo 45.b) da LOFAXGA (entes instrumentais) producirase logo da súa integración como persoal laboral fixo da Xunta (para tal efecto engadiron unha disposición adicional segunda no decreto).

 

Outras novas recentes

Martes, 30 Setembro 2025

Campaña de vixilancia da saúde 2025/2026 para persoal non docente de centros de ensino

Aplicable ao persoal docente e non docente (funcionario e laboral) en activo, que presta servizos nos centros docentes públicos non universitarios, dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. A inscrición ten carácter voluntario, polo que se realizará previa solicitude das persoas interesadas conforme ás instrucións deste...
Mércores, 01 Outubro 2025

Concurso de traslados de enxeñarías, arquitectura e ciencias: apertura do prazo de toma de posesión

No DOG do 01/10/2025 publican a RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se modifica a Resolución do 9 de xullo de 2025 pola que se resolve o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma...
Luns, 06 Outubro 2025

A Xunta, cómplice de maltrato nas residencias

Dende a CIG apoiamos a loita do Comité de Empresa de Política Social fronte á posición de desleixo e inacción da Cosellaría, incapaz de aportar solución algunha ante o maltrato e as agresións que están a sufrir o persoal das residencias e as usuarias e usuarios.   Dende o Comité de Empresa de Política Social de Pontevedra convocouse o pasado venres 3 de outubro unha...