Novas por contido

A Xunta de Galiza ten obriga por lei de negociar cos sindicatos as condicións laborais do persoal empregado público, e sen sentar coa representación legal dos e das traballadores e traballadoras non pode aprobar cuestións que repercutan nesas condicións. Agora ben, parella a esta obriga, a Xunta pode adoptar unha boa fe negocial, ou pode facer que fai unha negociación, fixando xuntanzas para poder afirmar simplemente que as houbo.

Si, efectivamente... Trátase desa segunda opción: as consellarías e Función Pública actúan por sistema con mala fe negocial, empregando como a mellor ferramenta a vulneración do dereito á información dos representantes legais do seu persoal. Até aí algo que calquera pode comprobar cando senta nunha reunión a pedimento de Función Pública e as consellarías para modificar, por exemplo, unha RPT. O habitual é que as consellarías entreguen aos sindicatos a documentación para as cuestións a tratar nas reunións tarde, mal, e a rastro... e iso cando as entregan, porque o normal é que falte moi boa parte da documentación e dos datos imprescindíbeis, e que a que se facilita veña inzada de erros. Se se entrega a documentación -centos de páxinas- será como moito o día antes da xuntanza, ou no mesmo día da xuntanza fixada pola consellaría mentres se está a negociar o asunto..., sen tempo para que os e as representantes sindicais poidan valorala e nin tan sequera vela antes.

Tanto se teñen entre mans a manida amortización de postos de categoría inferior para crear, iso si, postos de categoría superior; como a creación dun posto de xefe dun departamento caído do ceo do que ninguén, agás a consellaría responsábel, sabe que existe; ou ben a creación dun posto por cumprimento dunha sentenza xudicial, despois de varios anos de ordes de execución de sentenza simplemente ignoradas unha detrás doutra pola Xunta..., sempre brilla, por suposto, o superhalo de superioridade das consellarías, e é estelar a prepotiencia de quen se anticipa á impunidade en cada paso que dá cando senta nunha mesa de negociación, sabendo que é a norma marear ao persoal con papelame, como excusa para poder dicir que houbo "negociación sindical". O que hai, nembargantes, é un alto e claro "eu son dono/a e señor/a, dou acceso á información que me peta, e vou aprobar  o que sexa tendo en contra o resto do universo -isto tanto me ten..."

En fin, benqueridas consellarías e Función Pública, sabemos o que fixéstedes o último verán, e o anterior, e o outro.
Que saibas, Consellaría de Economía, Emprego e Industria, e ti tamén GAIN, que entramos a ver que se coce e como se coce nas vosas cociñas: acordos nas mesas xerais, nas comisións de persoal para aprobar modificacións de RPTs, que logo levades a aprobar ao Consello da Xunta na data que mellor vos convén, Consello do que logo publicades a resolución do acordo que aproba as modificacións de RPTs tamén cando a vós vos vaia mellor, non sen antes, para o coñecemento dos sindicatos, publicar os decretos de estrutura que fagan falta para esa modificación de RPT que xa aprobástedes hai meses como Deus/a/es do Olimpo que sodes, que nada pode deixarse ao azar...  Sabemos que tendes o detalle de publicar un pouco antes o decreto de estrutura no DOG que tiñades que terlles facilitado aos sindicatos meses antes na reunión, e logo deixades correr uns poucos días máis, entre resolucións e aprobacións de acordos, e finalmente xa podedes publicar a bombo e platillo a nova RPT que tanto vos gusta. Que listos/as sodes e que manexo de datas e tempos! Que excelencia negocial!

Relación de datas de aprobación da modificación da última RPT da GAIN:

- 17 de xuño de 2019: aprobación na Comisión de Persoal por parte de Función Pública da modificación da RPT da GAIN, co total descoñecemento por parte dos sindicatos do borrador da modificación do decreto de estrutura da Gain, cousa que denunciamos na Mesa e na reunión de modificación da RPT.

- 4 de xullo de 2019:
1) Acordo do Consello da Xunta de 4 de xulllo de aprobación da modificación da RPT (aínda que no documento colgado no web non se fai referencia a este asunto).
2) Data do decreto novo: Decreto 95/2019 de 4 de xullo... no que se modifica a estrutura da Gain (que repercute na creación de postos na RPT aprobada).

- 18 de xullo de 2019:
1) Data de publicación no DOG: Decreto 95/2019 de 4 de xullo de modificación de estrutura da Gain (DOG 18 XULLO)
2) Data de resolución do acordo: Resolución de 18 de xullo pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de 4 de xullo de modificación de RPT.

- 30 de xullo de 2019:
Publicación no DOG da Resolución de 18 de xullo, do acordo do Consello da Xunta de 4 de xullo, da aprobación do acordo da Mesa Xeral de 17 de xuño... da nova RPT.

Publicacións no Diario Oficial de Galiza:

DECRETO 85/2019, do 4 de xullo, polo que se modifica o Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos (DOG do 18  de xullo).

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 2019 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 4 de xullo de 2019 polo que se aproba a relación de postos de traballo da Axencia Galega de Innovación (DOG do 30 de xullo).

 

Outras novas recentes

Xoves, 18 Xuño 2026

Contra o decretazo nas listas de substitución da Xunta: folga de 1 hora

Dado que a Administración segue adiante coa aplicación do Decreto 40/2026, que modifica o 37/2006 de listas de substitucións chamamos a todo o persoal que forma parte das listas de contratación e ao que está en activo a una folga o vindeiro día 23 de xuño de 11h a 12h. Este problema afectanos a todas e todos. Ó persoal que forma parte das listas que ve recortados os seus...
Venres, 19 Xuño 2026

A XUNTA "NOSTRA": uso de prácticas mafiosas no concurso de traslados

Ameazas de desterro de oficio a quen non ceda o seu posto Estrañas manobras en Emprego Público para que algunhas persoas renuncien aos postos obtidos no concurso. A lei do silencio chega á Función Pública galega. A DXEP pretende tapar os seus erros xudiciais roubándolle os postos aos persoal mediante a táctica do susto ou trato telefónico. O "trato" é que colles un posto...
Venres, 12 Xuño 2026

A CIG chama á mobilización por terra e por mar contra Altri e a mina de Touro-O Pino

Terá lugar o vindeiro día 14 de xuño, ás 12:00 h, na Illa de Arousa  VK_-RpfT6yk  Dende a CIG chamámosche á participación masiva na mobilización convocada polas plataformas Ulloa Viva, contra a mina de Touro e en Defensa da Ría de Arousa para o vindeiro día 14 de xuño.  A marcha de terra arrancará da praia do Vao, na Illa de Arousa,  ás 12:00 h, baixo o lema «Pola defensa...