Este mércores 25 de novembro fomos convocados a unha xuntanza coa Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático co fin de abordar as condicións de traballo do persoal axente ambiental. Tamén apareceu por sorpresa, xa que non se informou na convocatoria, unha subdirectora xeral da Consellaría de Economía e Industria.
O resumo desta xuntanza é sinxelo, aínda que non satisfactorio, viñeron a presentarse e a solicitar que lles remitísemos as propostas, para convocarnos a unha nova xuntanza para o 12 de xaneiro de 2027 pola necesidade de estudalas e falar con Orzamentos para poder comezar as negociacións.
Tal e como lles expuxemos, consideramos esta proposta un menosprezo á paciencia máis que demostrada do persoal axente medioambiental e das organizacións sindicais que os/as representamos dado que levamos moito tempo achegando propostas e solicitando xuntanzas á Consellaría para que agora nos veñan con máis demoras por cambios na estrutura das consellarías.
A subdirectora xeral da Consellaría de Economía e Industria refire á cuestión da aplicación das dúas demandas presentadas que están agardando a certificación da firmeza.
As demandas que a CIG-Autonómica puxo enriba da mesa para negociar un futuro acordo para este persoal son:
1. EQUIPARACIÓN RETRIBUTIVA E GARDAS
Os minguados cadros de persoal e as peores condicións laborais e salariais de Medio Ambiente baleiran progresivamente o servizo: menos persoal, maior carga de traballo durante todo o ano e falta de cobertura de baixas e vacantes. A xestión do persoal na cobertura após os procesos selectivos agravan o problema ao non ofertar postos en Medio Ambiente. Non se ofertan, e tampouco se cobren con persoal interino.
En relación aos cadros de persoal hai que salientar que as vacantes no servizo de patrimonio natural foron obxecto de amortización durante moitos anos ao non considerarse servizo esencial e pasar anos sen cubrirse.
Tomando como referencia o acordo de Medio Rural de 2026:
- Equiparación dos niveis retributivos, co mesmo calendario de aplicación
- Retribución das gardas ordinarias nas mesmas condicións que as extraordinarias. Actualmente realízanse gardas durante dez meses ao ano sen compensación económica específica, mentres que o persoal do SPIF facía sete
- Equiparación das contías de produtividade e restantes melloras do acordo
- Establecemento de noites cun límite máximo e mínimo. Quedaron esquecidas no acordo de 2018 e desapareceron, co consecuente aumento do furtivismo ou que o persoal este a realizar estes servizos sen compensación
Período extraordinario
- Dous meses fixos premarcados: nos períodos de maior carga de traballo de Patrimonio Natural, especialmente tempadas de caza e pesca
- Dous ou tres meses adicionais: distribuídos cos límites do acordo de 2018 e segundo as necesidades do servizo, distrito ou provincia
Adaptación á realidade das necesidades dos períodos e que sexa consensuados co persoal. En Ourense, desde 2020, os meses fixos concéntranse en agosto e setembro dende 2020 sen xustificarse nin tratarse co persoal, dificultando os operativos de control na caza e na pesca, mais cando a caza ten unha relevancia importante na provincia. Isto non pode volver acontecer!
Gardas nocturnas e organización do servizo
- Garantir as gardas nocturnas para os operativos de vixilancia e control
- Adaptar os horarios aos períodos de maior actividade
- Maximizar o aproveitamento dos recursos humanos dispoñibles
- Manter as parellas de axentes por seguridade e efectividade, sen dividilas
- Carteleiras anuais
2. ORGANIZACIÓN DO SERVIZO E EMERXENCIAS
Comunicacións e central telefónica
- Garantir un sistema de comunicación permanente e operativo coa central telefónica
- Coordinación das emisoras e centrais co 112, 085 e distritos correspondentes
- Protocolos de seguridade e actuación nos operativos nocturnos e en zonas afastadas
Servizo esencial e cobertura de postos
O artigo 17.1 da Lei 17/2015, do 9 de xullo, do Sistema Nacional de Protección Civil, recoñece expresamente os axentes medioambientais como servizos públicos de intervención e asistencia en emerxencias de protección civil. Ademais, o artigo 1.3 da Lei 4/2024 establece que desempeñarán, nos casos que correspondan, un servizo público de carácter esencial e de interese social conforme á citada Lei 17/2015. Partindo deste recoñecemento legal, demandamos:
- Inclusión expresa na Lei de medidas da Xunta como servizo esencial, para facilitar a cobertura dos postos
- Recoñecemento específico na lexislación galega de emerxencias, en coherencia coa normativa estatal
- Cobertura efectiva das baixas e vacantes
- Dotación suficiente de postos na RPT para cubrir todas as quendas dos distritos, garantir gardas, operativos e atención ás emerxencias (hoxe na maioría dos distritos non se cobren 2 horarios/7 días e incluso hai xornadas sen persoal)
Dende a CIG decidimos desconvocar a concentración que tiñamos prevista para o día seguinte, 26 de novembro, advertindo, iso si, que non imos permitir o atropelo ao persoal axente ambiental destas consellarías e tal como lles dixemos, ou damos pasos claros e rápidos para equipar o preacordo para os axentes de Medio Rural ou consideraremos que non hai vontade real de acordar nada, polo que nos reservamos as accións necesarias na defensa das mesmas condicións para TODA a escala de axentes medioambientais sen que estas veñan determinadas polos cambios funcionais ou estruturais no organigrama da Administración.
