Novas por contido

Comunicado da CIG sobre o informe do grupo de expertos de apoio á comisión do Parlamento de Galiza sobre incendios forestais

O mércores 18 presentouse na Comisión de Agricultura do Parlamento de Galiza o documento de respostas ás cuestións recollidas no Ditame da comisión parlamentaria sobre incendios forestais de 2017 elaborada polo grupo de expertos.

En liñas xerais a CIG valoramos positivamente o contido deste informe xa que pon en valor moitas das recomendacións e propostas que son eixes de traballo para a mellora da xestión do servizo de incendios forestais da Galiza. Así o documento recolle ideas coincidentes que forman parte da acción sindical da CIG que coidamos fortalecen a operatividade e a mellora do dispositivo de incendios, das que destacamos:

  1. O concepto de multiemerxencia no medio natural e rural, fomentando a participación do persoal do servizo de incendios na intervención de emerxencias provocadas por riscos naturais (nevaradas, temporais, inundacións, etc).
  2. A formación do persoal como eixo fundamental da profesionalización do servizo de incendios. Compre formación para facer fronte a nova tipoloxía de incendios forestais e aos seus perigos e coincidimos en que a formación axeitada é a correspondente ás cualificacións profesionais previstas.
  3. A aplicación da lexislación de protección civil para as protección das persoas no medio natural e rural.
  4. A coordinación cos distintos servizos de emerxencias, cos bombeiros - forestais e urbanos- Neste sentido a CIG leva feito un esforzo inxente acadarmos o recoñecemento da categoría de bombeiro/a forestal cos seus dereitos laborais ademais da posibilidade de combinar servizos.
  5. Criterios técnicos (medios). Compartimos a maioría dos criterios deste informe como a reincorporación de medios aéreos (avionetas), vehículos motobomba e a implantación de índices preditivos.

Aínda así, na CIG coidamos que existen outras cuestións que non se tratan ou non o fan de xeito suficiente como:

  • Os horarios e descansos para o cadro de persoal. Non se aborda no informe de forma axeitada e queremos recordar que presentamos no 2018 unha Proposta Non de Lei perante os grupos parlamentares para a reordenación do servizo público de incendios que aporta solución ás rotacións e quendas horarias, unha maior operatividade e garante os descansos e ten en conta a conciliación familiar que hoxe non existe.
  • Seguridade laboral. Hai que reducir a carga de traballo e os accidentes laborais polo que urxe recuperar os descansos do art. 19 do V convenio que foron suspendidos pola Lei de medidas do 2012 (compensacións horarias por traballar en domingos e festivos ou o descanso mínimo de dous dias). Ademais é fundamental contar cun modelo dinámico para a cobertura inmediata de baixas, vacacións e/ou xa que as equipas deben estar completas e as gardas deben cubrirse as 24h todos os dias do ano.
  • Aumentar a dimensión e reducir a temporalidade. O obxectivo da CIG era dobrar o número de brigadas actuais cunha temporalidade mínima de nove meses de duración ao ano. Isto incrementa a eficacia como equipo de traballo e mantén os tempos de reacción. O informe unicamente establece que as brigadas de concellos traballen un mínimo de seis meses e, pola contra, non establece ese mínimo para as brigadas de reforzo da Xunta.
  • Brigadas helitransportadas profesionais polo que deben voltar a estar conformadas integramente por persoal da Xunta de Galiza.
  • Mellorar as condicións físicas do persoal traballador. Cunha idade media entre 48 e 50 anos, fai falta ter preparadores físicos para os traballadores do SPIF e vixilancia da saúde específica.
  • Vixilancia de incendios. Porén, valoramos positivamente o feito de introducir tecnoloxía na detección e vixilancia pero debe ser persoal propio da Xunta quen xestione.
  • Consideracións técnicas. Equipar aos vehículos das unidades de bombeiros cun volume de auga para a extinción de 600 litros, ate o seu peso máximo autorizado e bombas mais eficientes.

Por todo isto, na CIG consideramos que o informe vai no bo camiño xa que comparte en grande medida as liñas da CIG e agradecemos a posibilidade que tivemos de expoñelas perante este grupo de expertos. Porén, URXE avanzar cara á profesionalización dun servizo publico que ademais responda ante diferentes emerxencias do entorno natural e rural e a defensa ambiental e da seguridade e saúde da poboación da Galiza.

Instamos ao Goberno galego que non atrase máis a aplicación de medidas que eviten estas catástrofes e que respecte e apoie o informe realizado polo grupo de expertos da comisión parlamentaria que investiga os incendios de outubro de 2017.

Outras novas recentes

Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...
Xoves, 05 Novembro 2026

Seaga paraliza o seu primeiro plan de igualdade após tentar aprobalo sen negociación efectiva

A sociedade mercantil pública autonómica cancelou dúas reunións consecutivas e deixou a negociación sen nova data. A CIG Administración Autonómica exixe retomar de inmediato os traballos, completar a diagnose e acordar medidas reais para o persoal. A CIG, sindicato maioritario nos comités de empresa da Coruña, Lugo e Ourense, denuncia as actuación da Empresa Pública de...
Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...