Novas por contido

Á Mesa Xeral celebrada o mércores 16 de outubro levouse a creación de varias escalas de persoal funcionario para o proceso de funcionarización de categorías de persoal laboral. O director xeral de Función Pública comenta que con esta modificación proposta da Lei de emprego público de Galiza (LEPG) está case listo o asunto da creación de escalas para a funcionarización.

Dende a CIG facemos constar o noso malestar pola burla que supón traer esta materia despois de negociala previamente na comisión de seguimento do Acordo de mellora. Tal e como se pode apreciar nos resumos das xuntanzas desa comisión de “seguimento” que fan públicos as organizacións asinantes, nese foro se negociou a modificación da LEPG para crear escalas, a RPT do Consorcio, e materias que son alleas ao acordo. Sobardar as materias do acordo e negociar asuntos propios da mesa xeral é ir contra a boa fe negocial e nos reservamos acudir á vía xudicial para garantir os nosos dereitos como sindicato maioritario.

A maiores tamén parece unha burla que o mesmo día desta mesa xeral se envíe un novo borrador con dúas horas de antelación onde se modifican diversos puntos do borrador sobre o que imos negociar. 

Parece meridianamente claro que CCOO e UGT pactaron o borrador inicial sobre a creación de escalas e as funcións das mesmas e agora no novo borador se limitan a aceptar algunhas das nosas alegacións.

Con carácter xeral observamos que o que se pretende ao establecer as funcións das novas escalas é unha cousa para nós moi grave:

  1. Atribuir funcións de superior categoría ás novas escalas, co cal coa funcionarización o persoal vai ter que realizar esas funcións sen poder demandar no xulgado a superior categoría nin o incremento salarial debido.
  2. Substraer a negociación das funcións que era do ámbito propio do Convenio Colectivo onde había que PACTALAS coa parte social, a un ámbito onde se establecen por lei sen a posibilidade de negociar a atribución de funcións.

Este é un dos perigos dun proceso de funcionarización do persoal laboral mal feito por culpa do Acordo de CCOO e UGT coa Xunta: se establecen as funcións por lei e non por acordo e ademais asignan funcións de superior categoría a moitas das novas escalas.

Como exemplo baste as funcións que se lle atribúen ao persoal de limpeza e cociña, ou de recursos naturais como a aplicación de tratamentos fitosanitarios, manexo de embarcacións, etc, propias de categorías superiores ás que se poidan encadrar nunha Agrupación Profesional onde non se pide máis que o certificado de escolaridade.

No texto enviado 2 horas antes asumen parte das nosas alegacións:

  • Na Agrupación Profesional, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de recursos naturais e forestais, elimináronse as funcións relativas ao manexo de maquinaria (tractores) ou embarcacións.
  • Respecto á escala de restauración do A2 modificáronse as funcións quedando claro que realizan funcións de apoio (polo tanto fan funcións de apoio ao A1), e eliminouse a esixencia de licenciatura como requisito de titulación.
  • Na escala técnica de condución, modificouse a titulación, de xeito, que a titulación esixida pasa a ser a de bacharelato ou equivalente e non a titulación de técnico. Así mesmo se modificaron as funcións da escala técnica e da escala auxiliar.
  • Na escala técnica de análise de laboratorio engádense como titulacións as ramas de química e marítimo-pesqueira.
  • Na escala técnica de recursos naturais elimínanse as funcións de dirección.
  • Modifícanse as funcións do bombeiro forestal xefe de brigada como consecuencia da creación dunha escala de bombeiros forestais no C1, denominada “bombeiro forestal encargado de brigada”.
  • Na escala de orientación laboral do A2, se modifica a denominación da escala quedando así: “escala técnica de orientación laboral” (se elimina a palabra “aberta”).

CIG considera parte destes cambios positivos pero insuficientes e que non abordan a totalidade do demandado para esas escalas nin para o resto onde non se asumiron as nosas alegacións. No caso das funcións, as alegacións feitas abranguen case a totalidade das escalas que pretenden crear e como se ve só aceptaron mudar algunhas en 4 das novas escalas. Ademais débese manter a denominación de Corpo Subalterno, dentro da agrupación profesional de persoal funcionario non debendo crearse como escala.

Sen prexuizo das escalas que se crean, debense crear escalas de:

  • Mantemento de Servizos.
  • Recursos Naturais e Forestais.
  • Cociña.

dentro do grupo B ao ser esixida para o acceso ás categorías equivalentes de persoal laboral un título equivalente ao de técnico superior, e así poder establecer un itinerario profesional para determinadas escalas tal e como se fai coas escalas de arquivos, bibliotecas e museos, no que si aceptan a histórica alegación da CIG de crear unha escala intermedia no subgrupo C1.

Demandamos a creación no subgrupo C1 da escala de coidadoras que se corresponda coa actual categoría III-99.

Ao substraer esta creación de escalas e funcións do ámbito da negociación laboral e optar pola imposición sospeitamos que os problemas serán crecentes.

A maiores pedimos que se engada unha disposición transitoria no que conste que a primeira OEP dos grupos e categorías de persoal laboral a funiconarizar realizarase a través dun proceso selectivo de persoal laboral, tal e como marca o V Convenio, cun 50% de prazas para a promoción interna e posteriormente, e antes de ningún proceso de funcionarización, farase un concurso de traslados para todo o persoal laboral da Xunta de Galiza.

Outras novas recentes

Mércores, 08 Outubro 2025

Paros laborais por Palestina. O 15 de outubro, tamén no traballo paremos o xenocidio!

Dende a CIG convocamos unha xornada de loita o 15 de outubro contra o xenocidio do pobo palestino. Chamamos a secundar os paros laborais de catro horas por quenda e a concentrarse nos centros de traballo, nas cidades e nas vilas do País. Anunciamos publicamente a convocatoria dunha xornada de paro xeral en Galiza para o vindeiro 15 de outubro para reclamar a fin do...
Luns, 06 Outubro 2025

A Xunta, cómplice de maltrato nas residencias

Dende a CIG apoiamos a loita do Comité de Empresa de Política Social fronte á posición de desleixo e inacción da Cosellaría, incapaz de aportar solución algunha ante o maltrato e as agresións que están a sufrir o persoal das residencias e as usuarias e usuarios.   Dende o Comité de Empresa de Política Social de Pontevedra convocouse o pasado venres 3 de outubro unha...
Mércores, 01 Outubro 2025

Concurso de traslados de enxeñarías, arquitectura e ciencias: apertura do prazo de toma de posesión

No DOG do 01/10/2025 publican a RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se modifica a Resolución do 9 de xullo de 2025 pola que se resolve o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma...