Novas por contido

Manifestáronse en Compostela para denunciar a situación de abandono, a desigualdade e mala xestión por parte da Xunta de Galiza.

 

  

Arredor de 400 profesionais do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDIF) mobilizáronse este xoves dende a Consellaría de Medio Rural até o complexo administrativo de San Caetano para denunciar a situación de abandono, desigualdade e mala xestión por parte da Xunta de Galiza que, ano tras ano, pon en risco a seguridade do persoal e da poboación. Durante a protesta, convocada pola CIG, reclamouse un servizo de extinción de incendios 100% público e único, no que todo o persoal teña as mesmas condicións laborais e salariais, se amplíe o tempo de traballo e se garanta a saúde e seguridade.

   

   

A CIG denunciou que a mobilización se realiza 15 días despois de rematado o dispositivo especial e sen que por parte do Goberno galego se producise nin unha soa autocrítica ou asunción de responsabilidades polo acontecido este verán, cando persoal sen experiencia nin formación axeitada estivo dirixindo o lume ou traballando nas brigadas de extinción.

Neste senso, púxose énfase en que situacións como as vividas neste verán evidencian a necesidade de contar cun operativo profesionalizado, que traballe todo o ano e en condicións de dignidade laboral e salarial. A CIG salientou, así mesmo, que a actividade non remata cando se extingue un incendio forestal, senón que cómpren tarefas de prevención continuadas que permitan mitigar a virulencia dos lumes.

Preto de 1.000 persoas deixarán de traballar o 15 de novembro

No SPDIF traballan sobre 2.400 persoas, das que unhas 983 deixarán o servizo o 15 de novembro. A CIG reivindicou que urxe realizar tarefas de restauración das zonas queimadas para evitar a contaminación das bacías da auga, e este persoal que se vai debería estar facendo eses labores. Fronte ao actual modelo que deriva parte do servizo aos concellos mediante a subscrición de convenios de prevención e extinción, o sindicato nacionalista reclamou un servizo 100% público, único e profesional.

 

Apuntando á virulencia que acadan os lumes, a CIG advertiu que moitas veces os concellos subcontratan estes servizos e o que se ve é que no mes de agosto se incorporan persoas ás tarefas de extinción sen a formación axeitada. Isto é unha enorme irresponsabilidade porque pon en risco a estes compañeiros e compañeiras. Non se pode xogar así coa vida do persoal e da poboación que vive no rural.

Segundo a CIG, é inadmisíbel que en plena vaga de incendios, no mes de agosto, se contrate a 200 persoas para unhas prazas que estaban sen cubrir, e reiterou a necesidade de cubrir todas as prazas e ampliar o tempo de traballo do persoal fixo-descontinuo dos oito aos 12 meses.

Estender o acordo de melloras

Sobre as condicións laborais, explicaron que no servizo hai persoal laboral cunhas condicións de hai 20 anos e persoal funcionarizado ao que se lle aplica un acordo de melloras. Por iso, outra das demandas do colectivo é estender este acordo a todo o persoal do SPDIF e rematar coas discriminacións entre compañeiros e compañeiras que realizan as mesmas tarefas, pero cobran diferente e teñen condicións distintas.

CIG criticou tamén a xestión que a Xunta fai do persoal, tanto no nivel de contratación como na disposición da cobertura do territorio, que se reduciu ao 50% nos dous últimos anos. O sindicato salientou que isto tradúcese en maiores tempos de reacción.

Neste contexto, a CIG lamentou que o Goberno galego, a diferenza doutros executivos autonómicos, non teña amosado ningunha disposición para sentar negociar a dignificación laboral deste colectivo, a ampliación do tempo dos contratos de traballo e como implementar a xestión.

extinción de incendios é un servizo público, e hai que traballar sobre o territorio, pero non se quere facer unha planificación preventiva, concluíu a CIG. É urxente erradicar a precariedade laboral e facer unha boa xestión do territorio e do persoal, porque se non hai un servizo profesionalizado, ben formado e espallado no territorio non se pode apagar o lume.

 

 

 

 

 

                                                                                                                                                                                              

  Dercarga o MANIFESTO 

Outras novas recentes

Luns, 07 Setembro 2026

Mesa sectorial de funcionarios/as (04/09/2026): modificación RPT, datas actos de elección pendentes, PI23, escolas infantís, PND

Na MSF trouxeron a proposta da modificación da RPT Administración Xeral da Comunidade Autónoma na Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e na Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes na que se amortizan dous postos para crear outros dous. Dende a CIG non estamos de acordo coas amortizacións pero o que ademais lle fixemos saber á DXEP é que estas presas débense...
Venres, 04 Setembro 2026

A Consellería do Medio Rural coloca adhesivos nas motobombas “Prohibido subir á parte superior agás persoal autorizado con equipo anticaida"

O que non resulta admisible é establecer unha norma de seguridade sen dotar previamente os vehículos e o persoal dos medios necesarios para poder cumprila. Hai que  cumprir a norma SI, pero co material adecuado: 1. Real Decreto 1215/1997 • Art. 2: definición de equipo de traballo. • Anexo I, apartado 1.6: risco de caída superior a 2 m → varanda ou protección colectiva...
Mércores, 09 Setembro 2026

A CIG advirte do risco de colapso dos cursos de galego da EGAP

A Xunta asigna dous cursos simultáneos de teleformación ao persoal da Secretaría Xeral da Lingua, cuxos postos son a media xornadaA CIG esixiu á Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude a ampliación inmediata e con efectos retroactivos da xornada do persoal titulado superior lingüista da Secretaría Xeral da Lingua para garantir os cursos de...