Novas por contido

Pronunciamento das xuntas de persoal dos servizos centrais e dos servizos periféricos das provincias de Ourense e Pontevedra en contra do peche do paritorio e das urxencias pediátricas no hospital de Verín. Aprobados por unanimidade.

Por unha sanidade pública e de calidade en clave de xénero no rural galego.

Ao longo destes últimos anos foron desaparecendo postos de traballo no Hospital Público de Verín en áreas tan importantes como Medicina Interna, Paliativos, Bloque cirúrxico, Traumatoloxía ou Enfermería, chegando incluso a desaparecer servizos como o de Dermatoloxía, e agora o goberno da Xunta insiste no esmorecemento paulatino deste hospital público pechando o Paridoiro e as Urxencias pediátricas.

As motivacións son as seguintes:

- Unha recomendación, non normativa, que aconsella a non apertura de novas maternidades en zonas con posibilidades inferiores a 600 nacementos ao ano. Esquecendo que esas mesmas recomendacións tamén propoñen a revisión e avaliación das opcións, e non o peche, das maternidades xa abertas. Esquecendo tamén que esta cifra non a cumpre ningún dos hospitais comarcais galegos, polo que se entende que no futuro tamén se vai propor o peche dos seus paridoiros, así como os de tódalas clínicas e hospitais privados galegos que non acaden esas cifra, aos cales, por certo, se derivan as pacientes da sanidade pública por falta de persoal.

- O suposto perigo de perda de destreza dos profesionais sanitarios para atender partos xustificándoo na baixa natalidade da zona, co fin de agachar a falta de pediatras na sanidade pública galega. Esa suposta falta de destreza solucionaríase proporcionando formación aos profesionais ou creando equipas itinerantes sen eliminar o servizo. Ata o de agora os pediatras nin sequera poderían ter perdido destreza porque a súa praza non era en Verín, eran itinerantes.

- A pretendida escasa distancia e tempo de traslado dende o Distrito Sanitario de Verín ao Hospital Universitario de Ourense, que dende a EOXI calculan en 43 minutos. Este dato é totalmente falso, pois ese tempo só se cumpre nun concello dos 11 que conforman o Distrito Sanitario de Verín (Verín, Monterrei, Cualedro, Castrelo do val, Oímbra, Laza, Riós, Vilardevós, A Gudiña, A Mezquita e Vilariño de Conso). Calquera pode comprobar que a gran maioría das poboacións destes concellos están a máis dunha hora de Ourense e incluso algunhas a máis de 1h:40m. E doado imaxinar o que pode pasar se xurde unha urxencia pediátrica dun neno de 0-14 anos en Pradoalbar, Mormentelos ou Chaguazoso, por poñer un exemplo, todos eles lugares a máis de 1h:40m de Ourense. E non estamos a falar só de potenciais pacientes que residan alí todo o ano, senón tamén dos posibles pacientes que pasen os seus períodos vacacionais nesas aldeas, que non son poucos, debido á grande emigración sufrida por todas as poboacións do rural ourensán.

Por todo isto e

- Porque non queremos que se perdan postos de traballo da sanidade pública no Hospital Comarcal de Verín nin queremos que o seu persoal se vexa obrigado ao traslado forzoso do seu posto de traballo a Ourense.

- Porque non deron ningún motivo nin existe ningunha escusa técnica, médica ou política que xustifique o peche das urxencias pediátricas, deixando a moitas crianzas en perigo.

- Porque os propios protocolos de transporte sanitario do SERGAS recomendan evitar que a muller grávida paira no transporte e a propia Xerencia da EOXI de Ourense recoñece que os profesionais do Hospital de Verín van ter que seguir atendendo os partos urxentes que non poidan chegar a Ourense, mais sen contar con pediatra nin servizo de paridoiro.

- Porque non queremos que se poña en perigo a saúde e a vida das mulleres e das crianzas do rural nin que teñan menos dereitos que nas zonas urbanas.

Dende as xuntas de persoal de servizos centrais e dos servizos periféricos en Ourense e Pontevedra da Xunta de Galiza reclamamos o mantemento dos postos de traballo do Paridoiro e das Urxencias pediátricas, por unha sanidade pública e de calidade en clave de xénero que non desatenda as necesidades sanitarias do rural galego.

 

Outras novas recentes

Venres, 16 Outubro 2026

A Dirección Xeral de Emprego Público pasa o rolete pola Lei de medidas e a Lei de orzamentos de 2027, sen negociar (CP 15/10/26)

Na xuntanza da Comisión de Persoal do 15 de outubro, a directora xeral volveu ás andadas de facer imposíbel calquera posibilidade de negociación efectiva, impedindo que haxa calquera avance nas condicións laborais do persoal da Administración xeral da Xunta e entes. Xa se está a convertir en costume ter que dicirlle á diretora xeral de Emprego Público que coa CIG non conte...
Martes, 13 Outubro 2026

A Xanela. Boletín de CIG-Autonómica. Setembro/2026

Neste boletín: - E despois de todo isto? Que vai pasar cando rematen os concursos e tomas de posesión - Medio Rural asina acordos aos cachos para o persoal do SPIF - Concurso específico (a libre designación encuberta con estabilidade de 5 anos) - Movementos tras o concurso ou destino definitivo - Persoal non docente: chegou o momento de negociar Descargar
Mércores, 14 Outubro 2026

Lei de medidas 2027: negociación real ou pura farsa?

A documentación do anteproxecto da Lei de Medidas para 2027 chega o martes 13 ao mediodía, reunímonos o mércores 14 e o xoves 15 xa vai á Comisión de Persoal. A pesares de pedir adiamento por este motivo négase a mudar de data! Que negociación é esta? Unha farsa! Sen tempo para estudar, consultar co persoal nin presentar alegacións. Convocan mesas para cubrir o expediente...