Novas por contido

A CIG Autonómica denuncia que Protocolo de intervención do acoso laboral na Xunta non funciona e esixe dar resposta as persoas solicitantes para que se poidan defender noutras vías.

A Xunta abandona as vítimas e non resposta as solicitudes de intervención ante o acoso laboral, peticións que leva ata dous anos de atraso.

Ante a súa propia inutilidade e inoperancia co Protocolo de intervención contra o acoso e outras discriminacións laborais, o que fai a Xunta é aumentar os prazos de un a seis meses. Así que, si un mes “xa era moito” para moitas compañeiras e compañeiros que están a sufrir esta situación, decidiron agora atrasar a seis o prazo para intervir e resolver as peticións de axuda que cheguen ao Comité de Intervención.

Ademais o feito de que “exista o Protocolo” pero non funcione, provoca un bucle de indefensión intolerable. A vía de denuncia e resolución dunha situación de acoso laboral é a prioritaria no caso de denuncia por acoso laboral, sobre a denuncia na inspección de traballo ou o xulgado. Así que, a resposta moitas veces de inspección de traballo é que ten acudir “ao protocolo contra o acoso”.

Ante isto a CIG Autonómica denunciamos a parálise e esiximos á Secretaria Xeral Técnica a reactivación do protocolo e a convocatoria do comité de intervención. Ademais solicitamos que resposte ás persoas solicitantes, ás que manteñen parado o seu expediente, para que se poidan defender no seu caso por outra vía (fiscalía, inspección de traballo ou no xulgado).

En definitiva, á Xunta é cómplice do acoso e dos acosadores e acosadoras, promovendo un sistema torto no que o Protocolo para a prevención, a detección, a actuación e a resolución de situacións de acoso laboral e outras discriminacións no traballo na Administración da Comunidade Autónoma de Galiza é a ferramenta para perpetuar a situación, e en definitiva aumentar o conflito e reforzar ao acosador/a.

Unha mostra máis da actuación da Xunta é a propaganda que fornecen no seu web, cargada de declaracións de boas intencións que non coinciden, na práctica, coa teoría que venden: non teñen intención real de loitar e erradicar esas situacións dramáticas, dantescas e mesmo traumáticas que moitos traballadores e traballadoras da Xunta sofren todas as xornadas laborais, de xeito que para eles/elas, vir a traballar acaba sendo un calvario.

Ante a solicitude da intervención por unha situación de acoso ou discriminación, a Xunta de Galiza nin resposta se chegou, nin acorda medidas cautelares, nin reúnen ao comité de intervención, nin separa preventivamente á persoa acosadora... e ao fin aumenta o conflito no lugar de traballo, abuso, sometemento, terror, acoso, depresión, baixa.. Estas son palabras que soan nestas situacións.

Pode ser o xefe ou xefa, o compañeiro ou compañeira, quen che faga a vida imposible. O caso é que cando se decide a actuar normalmente xa hai un longo percorrido de insultos, menosprezos, ou accións máis maquiavélicas e ben elaboradas por auténticos/as psicópatas, con derivas a baixas longas, intervencións sanitarias por estrés, depresión ou cadros similares. Chegan cun importante esnaquizamento que mesmo bate na súa vida familiar.

En vista do nulo funcionamento do Protocolo, haberá quen xa nin se atreva a presentar os papeliños por rexistro, non vaia ser peor o remedio que a enfermidade. As persoas responsábeis da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia primeira e da Subdirección Xeral de Coordinación de Servizos Transversais, poden durmir tranquilas ante esta responsabilidade?

É penoso que nestes tempos que corren sigamos coma naquelas administracións decimonónicas onde había que agocharse ao paso de señor secretario e saudalo cun “muy buenos días tenga usted don Julián, cafelito talvéz?”

Outras novas recentes

Luns, 19 Outubro 2026

Convocatoria promoción interna A2-Inspección de consumo (para MSF 20/10/26)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convoca Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario para o martes 20 de outubro, para discutir a convocatoria da promoción interna á escala de inspección de consumo, subgrupo A2. Descargar. Outra vez nos envían a documentación sen tempo abondo para a súa difusión e preparación, sen unha negociación...
Venres, 16 Outubro 2026

A Dirección Xeral de Emprego Público pasa o rolete pola Lei de medidas e a Lei de orzamentos de 2027, sen negociar (CP 15/10/26)

Na xuntanza da Comisión de Persoal do 15 de outubro, a directora xeral volveu ás andadas de facer imposíbel calquera posibilidade de negociación efectiva, impedindo que haxa calquera avance nas condicións laborais do persoal da Administración xeral da Xunta e entes. Xa se está a convertir en costume ter que dicirlle á diretora xeral de Emprego Público que coa CIG non conte...
Mércores, 21 Outubro 2026

A loita polas condicións laborais do Persoal Non Docente dos centros de ensino

Logo de anos de loita semella que comeza a verse algo de luz ao final do túnel, estamos expectantes ante a reunión que nos agarda. Creemos que é fundamental unha regularización e actualización das funcións así como dotar dunha estrutura organizativa departamental encamiñada á profesionalización, acorde coas novas realidades técnicas  e  que dea resposta ás necesidades...