Novas por contido

Coa entrevista co grupo parlamentario popular rematan as xuntanzas mantidas cos diferentes grupos do Parlamento de Galiza. O martes día 1 de xuño foi co BNG e o luns 7 de xuño co PSG.

A CIG-Autonómica mantivemos varios encontros cos grupos parlamentares para tratar achegas aos estatutos básicos de bombeiros e axentes forestais. Amais denunciamos a falla de vacinación do persoal esencial do SPIF e tratamos os problemas que trae a obrigatoriedade da comunicación dixital nos servizos forestais.

Reclamamos iniciativas na defensa da xestión propia das funcións estatutarias do noso País, pero tamén que estas leis marco ou estatutos básicos sirvan para dar cobertura ás competencias estatais na aplicación dos dereitos á xubilación anticipada e a seguridade e saúde laboral e instar a un catálogo de enfermidades profesionais. Tratamos a falta de vacinación do persoal do SPIF ás portas da tempada de verán de alto risco. Reclamamos a necesaria negociación previa a elaboración dos documentos tamén coa CIG, por ser máis representativa a nivel estatal e ter presencia na Mesa Xeral de Administracións Públicas.

Estatuto básico de bombeiros forestais

Presentamos achegas ao “borrador de contenidos para un anteproxecto de estatuto básico de bombeiros forestais” no marco dun proceso de participación pública. Este documento ten grandes eivas e incluso reduce os dereitos laborais que agora teñen os bombeiros forestais na Galiza, como son:

Formación. Dar formación debe ser unha esixencia para a administración pública como empregadora. Defendemos unha formación profesional continuada para todo o persoal, en tempo de traballo, coa PRL transversal e encaixada no marco do sistema de acreditacións profesionais.

• Dada a dispersión da poboación e a cantidade de zonas forestais temos que poder traballar noutras continxencias sempre e non de forma excepcional. O traballo habitual en multiemerxencias no medio natural e rural debe vir contemplado na lei marco.

• Con respecto a xornada para a CIG todo o tempo é efectivo, os nosos incendios son unha emerxencia habitual, e agora temos uns máximos limitativos de 12 horas. Non podemos ir a peor deixando uns tramos de ata 18 horas de traballo.

• A segunda actividade debería estar considerada por cuestión de idade, non só por cuestión de saúde. Non concordamos coa esixencia dos 25 anos de experiencia como lexislou Galiza na lei de medidas que acompañou a de orzamentos de 2021.

Saúde laboral. Aledámonos de que se propoña elaborar unha lei de prevención de riscos propia pero botamos en falta xa un estudo para a determinación das enfermidades profesionais e destacamos o impacto que tantos anos de lumes continuados esta a facer na saúde do bombeiros e bombeiras.

• A xubilación anticipada con coeficientes redutores non ven prevista, e este é o sitio onde debería regularse. Defendemos o 30% de factor de redución pola lesividade do traballo de incendios.

Suspende en igualdade. A linguaxe machista percorre todo o articulado e non promove ningunha soa medida que fomente o emprego de mulleres nesta profesión con alta infrarrepresentación. Para máis a conciliación ou a necesidade dun plan de igualdade específico se nomea de pasada e con termos futuribles e non impositivos. Destacamos o problema dos EPIS “unisex” que non están adaptados á anatomía feminina.

• Na CIG defendemos a subrogación do servizo da empresa privada cara ao público.

Preguntas ante a necesidade dunha lei básica de axentes forestais

No 2018 aprobouse no Senado unha lei básica de axentes parcial e que deixaba fóra ás funcións nos incendios forestais, que non regulaba a xubilación anticipada nin tampouco os accidentes laborais. Para máis, a proposta sometía aos axentes a ser auxiliares dos corpos e forzas de seguridade do Estado. Opuxémonos e fomos ao Congreso a tratar de parala e emendala antes do seu trámite. Estase a mover un novo intento, cun proceso previo de participación pública no mes de decembro de 2020, que trata dun cuestionario dirixido a validar o anterior anteproxecto.

Agora cos grupos políticos do Parlamento de Galiza reclamamos a necesidade de negociar un documento novo que resolva cuestións de ámbito estatal, como os coeficientes redutores para a xubilación anticipada e as enfermidades profesionais, pero sobre todo que de freo a invasión competencial dos corpos e forzas de seguridade do Estado dándolle a volta a intención inicial da lei marco.

Para nós é importante a inclusión en ambas normas da salvagarda de poder acollerse a lei básica de bombeiros, subsidiariamente e de xeito complementario, polas funcións de coordinación e DTE de incendios dos axentes forestais e ambientais adscritos ao SPIF na Galiza.

Avisamos da posible modificación da LECRIM na que se quere retirar a condición de policía xudicial xenérica e administrativa especial, algo que non se pode consentir xa que non se deben poñer trabas os profesionais máis cualificados na investigación de delitos Medioambientais.

Deixamos claro o noso malestar en que a Xunta de Galiza estea a formar a corpos estatais para a realización de traballos que son de competencia autonómica.

A vacinación da que nada se sabe a poucos días do comezo da campaña

Os bombeiros e axentes ambientais da Galiza son persoal esencial que non foi vacinado contra a Covid a día de hoxe. Como é posible cando o SPIF é un corpo de emerxencias e si se vacinou xa a protección civil ou aos bombeiros dos parques comarcais? Recordamos o peche de unidades e incluso o confinamento de distrito do pasado verán. Que pasaría hoxe no caso dun positivo en plena campaña de verán? Instamos a se vacine xa a este persoal antes do comezo do alto risco previsto para o 16 deste mes. Nesta cuestión todos os grupos amosáronse sorprendidos pola falla de vacinación deste persoal esencial.

As obrigas de administración dixital das persoas do rural

A consellería do Medio Rural meteu a machada a obriga de relacionarse dixitalmente a todas as persoas usuarias sen ter feito antes o Inventario de dixitalización previsto na LEXIDGA. Para solicitar un permiso de corta, queima ou incluso un dano por animais salvaxes é unha odisea. Ademais de boa conexión e de coñecementos dixitais para manexar a aplicación esixe a declaración dunha chea de datos como a referencia catastral da parcela, cubicación, afección de zonas de protección ou especies afectadas. Ao fin aboca a contratar unha xestoría cun custe elevado por permiso de corta por exemplo ou arríscanse a unha multa por non ter ben feita a xestión. Nós propoñemos que se pare a obriga ata ter feito o inventario previsto na lei e establecer medidas urxentes como o funcionario/a habilitado de rexistro nas oficinas agrarias ou do distritos e comarcas forestais que acompañen e asesoren as persoas nestes trámites.

En conclusión, parece viable que amais de tratar as achegas ás normas básicas nos seus partidos a nivel estatal, os deputados e deputadas que nos atenderon tomaran conciencia da realidade deste servizo público no medio rural. Acollimos positivamente a idea dunha iniciativa apoiada por todos os grupos que se dirixa ao Goberno na defensa das competencias propias de Galiza, e duns estatutos marco que protexan a seguridade e saúde do persoal.

Compromisos adquiridos

Por parte do BNG, presentar unha pregunta parlamentaria sobre a vacinación do servizo de incendios e preocuparse polo estado das normas.

O PSdeG vaise pór en contacto cos representantes estatais para a redacción das leis de bombeiros e axentes.

E o PP de Galicia vai falar co conselleiro de sanidade para poñer fin a esta humillación e falta de respecto por non ter vacinado o persoal do servizo de incendios antes da campaña de alto risco.

Todos os grupos quedaron en manter vindeiras reunións para afondar en reunións centradas en áreas especificas de Medio Rural e Función Pública.

Outras novas recentes

Martes, 23 Xuño 2026

Convocatoria de cursos de linguaxe administrativa galega

No DOG do 23/06/2026 publican a RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega, Celga, que se realizarán en varias escolas oficiais de idiomas de Galiza no curso académico 2026/27. Os...
Luns, 22 Xuño 2026

RPT de Aturga, concursos de traslados, vacacións e asuntos propios, devolución de taxas (MSPF 19/06/2026)

Na Mesa Sectorial de Persoal Funcionario (MSFP) do venres 19 de xuño tratamos a modificación da RPT de Aturga, e preguntámoslle á DXEP sobre varias cuestións a respecto dos procesos en marcha: as tomas de posesión das escalas sociais, as devolucións dos pagamentos de taxas de procesos selectivos do SPIF anulados, o concurso F0425, a IT no momento da elección de destino e as...
Venres, 19 Xuño 2026

A XUNTA "NOSTRA": uso de prácticas mafiosas no concurso de traslados

Ameazas de desterro de oficio a quen non ceda o seu posto Estrañas manobras en Emprego Público para que algunhas persoas renuncien aos postos obtidos no concurso. A lei do silencio chega á Función Pública galega. A DXEP pretende tapar os seus erros xudiciais roubándolle os postos aos persoal mediante a táctica do susto ou trato telefónico. O "trato" é que colles un posto...