Novas por contido

Concentración en San Caetano ante a falta de solucións e información transparente por parte da Consellaría de Facenda

Centos de compañeiras e compañeiros da promoción interna de 2023 concentrámonos este mércores 27/05/2026 diante do complexo da Xunta de Galiza en San Caetano para exixirlle á directora xeral de Emprego Público e ao conselleiro de Facenda unha solución de urxencia que garanta o dereito a acceder ao destino definitivo “simultaneamente co resto dos outros 8 procesos de corpos xerais que van poder facelo en breve”.

Na protesta, denunciouse a situación discriminatoria que afecta a estas case 500 persoas funcionarias de corpos xerais, que concorreron á promoción interna do ano 2023 en convocatorias derivadas das ofertas de emprego dos anos 2020 e 2021, pero non van poder tomar posesión do seu destino definitivo. De aí que a concentración se desenvolvera baixo o lema “Promocións internas e non eternas. Máis axilidade e menos dilacións”.

Dos diferentes procesos que están pendentes dos actos de elección de destino e que afectan a 2.600 persoas, a un deles, a promoción interna do 2023 que abrangue a unhas 500 persoas, non as van deixar participar.  “Descoñecemos por que agora, unha vez rematado o concurso de traslados, se lles denega este dereito a case medio millar de traballadoras e traballadores da Xunta, cando en boa parte dos casos nin sequera terían que cambiar de posto”.

Criticaron a inacción da directora xeral de Función Pública que se nega a facilitar os datos de postos de cada corpo que quedaron sen cubrir no concurso xeral de traslados e incluso interpelada nunha reunión por esta problemática se limitou a dicir que se trata dun asunto do que ‘non toca’ falar.

Resulta de especial gravidade que a Xunta non só impida a estes funcionarios e funcionarias participar na elección de destino e toma de posesión, senón que as deixan nun limbo ao non fixar unha data concreta para a celebración de tales actos.

Neste senso, no manifesto lido ao remate da concentración denunciouse que a duración incerta e o incumprimento reiterado nos prazos estabelecidos para os procesos de mobilidade interna provocan que “na administración xeral da Xunta de Galiza se necesiten máis de 25 anos para chegar dende o corpo subalterno ao corpo superior”.

Diante da “incompetencia demostrada pola directora xeral”, a CIG xa se dirixiu por escrito ao conselleiro de Facenda para que asuma as súas responsabilidades e ofreza unha solución de inmediato porque “sen toma de posesión este persoal non pode promocionar”.

Outras novas recentes

Venres, 30 Outubro 2026

Convocatorias de oposicións: xestión ambiental, C1, auxiliar de cociña, auxiliar de coidadores, subalterna e limpeza e cociña

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de concurso-oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, grupo B, escala de axentes...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...
Xoves, 05 Novembro 2026

Seaga paraliza o seu primeiro plan de igualdade após tentar aprobalo sen negociación efectiva

A sociedade mercantil pública autonómica cancelou dúas reunións consecutivas e deixou a negociación sen nova data. A CIG Administración Autonómica exixe retomar de inmediato os traballos, completar a diagnose e acordar medidas reais para o persoal. A CIG, sindicato maioritario nos comités de empresa da Coruña, Lugo e Ourense, denuncia as actuación da Empresa Pública de...