Novas por contido

O Consorcio non dá de baixa na Seguridade Social ao persoal das listas cando xa ten rematado o contrato e agora reclámalle o soldo e a cotización. A xestión do persoal no Consorcio de Igualdade e Benestar é un auténtico caos: nóminas de traballadoras a 0, altas e baixas na seguridade social ao chou ou a obriga de devolucións salariais son algo habitual.

Hai tempo que na CIG vimos denunciando irregularidades na confección de nóminas do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e incluso altas e baixas na Seguridade Social que non se corresponden coa situación laboral das traballadoras. Nestes días numerosas persoas das listas denunciaron o feito de que o Consorcio deunas de alta sen ter traballado e agora reclámalles o soldo e a cotización.

Pero non é o única desfeita coas nóminas, levamos á Valedora do Pobo o caso das traballadoras embarazadas, ás que ata que a mutua tivera todo certificado non lles pagaban e pasaban semanas sen cobrar. Agora, o Consorcio xa lles adianta o soldo pero despois, cando lles outorgan a prestación pola suspensión de contrato por risco para o embarazo, están obrigadas a devolver os pagos “indebidos”. O problema preséntase cando, dende o Consorcio, se lle indica que teñen que devolver tamén a cotización e a retención para o IRPF.

Co persoal substituto o caos é maior: danos de alta na Seguridade Social sen ter contrato ou, estando contratadas e co contrato finalizado, non lles tramitan a baixa. Logo, ao ingresarlles unha nómina que non lles corresponde, pídenlles a devolución, e tamén da cotización e da retención para IRPF e, para colmo, non lles fan chamamentos de listas para novos contratos porque figuran de alta.

Para mais, antes permitíanlles facer transferencia das cantidades cobradas indebidamente pero agora xa non; xeran débeda na nómina e vanlles descontando, deixando nóminas a cero euros ou reservándolles a débeda para cando volvan ser contratadas.

Este caos ten unha explicación a maiores da dinámica opaca e autoritaria que ten o Consorcio na relación coas súas empregadas: a sobrecarga do departamento que se ocupa da xestión do persoal. A CIG xa denunciou ante a autoridade laboral a situación polos riscos psicosociais aos que están sometidas. No departamento de xestión de persoal son as mesmas dende 2008 máis os centros e o persoal que xestionan multiplicouse dende esa data. A isto hai que engadir que o aumento de traballo por mor das baixas e as xestións co persoal ante a sexta vaga da Covid 19 que colapsaron o departamento .

Agora, recentemente avaliados os riscos psicosociais, conclúen unha situación nociva cun risco moi elevado para a saúde das traballadoras. Que vai facer agora a xerencia do Consorcio para remedialo?? E Política Social?

Dende a CIG pedimos que se adopten as medidas oportunas para corrixir esta grave situación e que se dote ao departamento de xestión de persoal do Consorcio en SSCC dos medios humanos e materiais que sexan necesarios .

Outras novas recentes

Domingo, 15 Xuño 2025

Oposicións varias: persoal subalterno; profesorado numerario-procesos de cultivo acuícola; mestras/es de taller-servizos ao buque; escalas ...

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha xuntanza para o luns 16/06/25 ás 12.00 h da Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario, coa seguinte Orde do día: OPOSICIÓN: ESCALA DE PROFESORADO NUMERARIO DE INSTITUTOS POLITÉCNICOS MARÍTIMO-PESQUEIROS, ESPECIALIDADE DE PROCESOS DE CULTIVO ACUÍCOLA (A1) Proposta de Resolución...
Luns, 16 Xuño 2025

É a Xunta de Galiza un espazo seguro para as mulleres?

Despois da denuncia por presunta agresión sexual do conselleiro Alfonso Villares, descubrimos varias cousas.     A primeira é que o seu homónimo, Alfonso Rueda, sabía dende hai meses da existencia da denuncia sobre o seu home de confianza. A segunda, que o presidente de todas as galegas prefire darlle unha aperta a un presunto agresor (os tribunais determinarán se o é ou...
Venres, 13 Xuño 2025

SOS Cociñas: non á rebaixa profesional

Boletín especial sobre a rebaixa profesional do persoal que traballa nas cociñas e dos dereitos laborais do Persoal de Administración e Servizos. Cociñas escolares sen persoal titulado, profesionais rebaixados A rebaixa profesional é produto dunha funcionarización chapuza e con equivalencias "á baixa". Pode unha persoa sen titulación técnica facerse cargo dunha cociña?...