Novas por contido

Despois da denuncia por presunta agresión sexual do conselleiro Alfonso Villares, descubrimos varias cousas.    

A primeira é que o seu homónimo, Alfonso Rueda, sabía dende hai meses da existencia da denuncia sobre o seu home de confianza.

A segunda, que o presidente de todas as galegas prefire darlle unha aperta a un presunto agresor (os tribunais determinarán se o é ou non) á vista de todo o mundo, antes que solidarizarse, aínda que fose dun xeito xeral, coas vítimas de agresión sexual.

Vaia, que en vez dun presidente prudente (perdón pola rima) que acepta a dimisión do seu conselleiro sen máis comentario e que se solidariza con todas as vítimas de agresión sexual, este HOME, con maiúsculas, non dubida en falar da posibilidade de recuperar a Villares para a política e de darlle unha aperta fraternal en público. Só lles faltou poñer unha alfombra vermella e despedilo con bágoas e panos, un agasallo e promesa de que farán todo o que sexa para que retorne. A verdade que case o fixeron... O espectáculo foi vergoñento.

En paralelo, faise un xuízo mediático pola dereita periodística escudriñando até o último detalle da vida da presunta agredida, como se non tivera suficiente coa experiencia.

Pero imos ó importante: que tipo de mensaxe está transmitindo ás mulleres? Que tipo de mensaxe está transmitindo á sociedade?

Está dicindo ás mulleres e a todos nós que se o agresor é alguén poderoso ou amigo dun poderoso, non merece a pena denunciar. Que hai determinadas persoas que van recibir o apoio do poder fagan o que fagan, e que as presuntas vítimas destes personaxes van a ser revitimizadas unha e outra vez e van sufrir as consecuencias do seu "descaro" até o infinito.

Na esfera privada, Alfonso Rueda pode facer o que queira: apoiar ao exconselleiro, crer a súa versión e tomarse un viño co seu “compiiogui” ou “compibici”, mentres falan do malas que son as mulleres e que por calquera cousa poden montarcha, que xa nada é como antes. No público debe ou debería estar á altura do seu cargo, pero, como vimos, non está á altura agora nin o está nunca. Non pensa cales son as consecuencias dos seus actos e das súas palabras. Ou si o pensa, pero non lle importa porque cre estar por enriba do ben e do mal.

Estamos acostumadas e acostumados. Alfonso Rueda sempre se pon de parte dos presuntos agresores, das persoas poderosas. Neste caso, dunha persoa física: Alfonso Villares, de quen, insistimos, aínda non está probada a súa culpabilidade. Noutros casos, dunha persoa xurídica: ALTRI.

Desculpade a comparación, pero é que non podemos deixar de ver o paralelismo do asunto. Alfonso Rueda ponse a favor dunha empresa que quere agredir a nosa terra dun xeito brutal, deixando a súa posible vítima, Galiza, absolutamente desamparada.
Pero estámonos desviando. Vaiamos coa pregunta do principio. É a Xunta de Galicia un espazo seguro para as mulleres?

A resposta, para nós, é un rotundo si, a pesar do seu xefe. Porque a maioría de nós nunca andariamos dando apertas por aí en público ós presuntos agresores, nin prexulgariamos a denuncia da vítima ignorándoa como se non tivese importancia, nin falariamos de recuperar ao presunto agresor para a vida pública. Simplemente, actuariamos dun xeito prudente e apoiariamos á posible vítima con todos os medios ao noso alcance. Por sorte, a maioría dos homes, con minúscula, que traballan na Xunta de Galiza, son moito mellores que Alfonso Rueda.

E, para rematar, gustarianos lanzar outra pregunta ó aire: sabes que está a facer Fabiola García, conselleira, entre outras cousas, de Igualdade? Nós no o sabemos, pero cremos que temos a resposta. Seguramente estea pensando en dar unha rolda de prensa para solidarizarse coas vítimas de agresións, denunciar o comportamento inaceptable do presidente Rueda e presentar a súa dimisión irrevogable ante a tremenda ignominia protagonizada polo seu xefe... Cremos que por iso non dixo nada até agora, porque estará preparando moi ben a posta en escena para dar unha mensaxe clara e contundente que empodere ás mulleres agredidas e que as invite a denunciar. 

Pensas o mesmo?

 

Outras novas recentes

Venres, 13 Novembro 2026

Promoción interna de corpos xerais; funcionarización en excedencia; finanzas-veterinarios/as-agacal-gain-intecmar (MSF e MX 10/11/26)

O martes 10, véspera da Folga Xeral, asistimos á Mesa Xeral e Mesa Sectorial de Persoal Funcionario, nas que se trataron as convocatorias de promoción interna a corpos xerais e dos procesos de funcionarización de persoal laboral fixo que está en excedencia. Na rolda aberta de intervencións a DXEP deu información da escala de finanzas, da repesca de funcionarización de...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...
Xoves, 05 Novembro 2026

Seaga paraliza o seu primeiro plan de igualdade após tentar aprobalo sen negociación efectiva

A sociedade mercantil pública autonómica cancelou dúas reunións consecutivas e deixou a negociación sen nova data. A CIG Administración Autonómica exixe retomar de inmediato os traballos, completar a diagnose e acordar medidas reais para o persoal. A CIG, sindicato maioritario nos comités de empresa da Coruña, Lugo e Ourense, denuncia as actuación da Empresa Pública de...