Novas por contido

Función Pública quere que sexamos os sindicatos quen decidamos quen vai quedar damnificado pola súa incompetencia. E mentres tanto, o concurso para cando?

Recibimos un correo de Función Pública (mércores 27) cos números de prazas que queren ofertar para destino definitivo ao persoal de corpos xerais que está actualmente en destino provisional (tanto de promoción interna como de acceso libre). E as contas non dan para A1, así que bótanse a un lado e piden aos sindicatos que decidamos quen vai resultar prexudicado.

O problema de falta de prazas de A1

Son 43 as prazas que necesitan para o destino definitivo de A1 (7 de promoción interna e 36 de acceso libre). E din dispoñer de 12 vacantes puras (non ocupadas por persoal interino) máis outras 48 ocupadas.

O problema está en que das 48 ocupadas, 38 o están con persoas anteriores ao 1/1/2016, dúas anteriores ao 1/1/2018, e 8 posteriores. É dicir, que a maioría das prazas estarían afectadas pola Lei 20/2021 (do abuso da temporalidade nas administracións).

Por tanto, que necesitando 43 prazas, fagan o que fagan para ofertar un número abondo, haberá persoas prexudicadas. E o que se lles ocorreu foi darnos aos sindicatos 24 horas para decidir, con consecuencias negativas digamos o que digamos.

Opción 1: pospoñer a elección de destino do A1-libre

Co conseguinte cabreo das persoas directamente afectadas, que verían adiado o seu posíbel interese en desprazarse de localidade.

Opción 2: incluír na elección de destino todas as prazas vacantes do concurso, incluíndo todas as afectadas pola Lei 20/21, co que ofertarían 60 prazas para 43 persoas.

Poderían ofertalas interpretando que a Lei 20/21 computa prazas e regula a súa cobertura, pero que non fixa dereitos sobre cada praza. A maiores de que estariamos despedindo a persoas que nuns meses poderían recuperar o traballo, é moi probable que esta opción acabara xudicializada.

Opción 3: incluír prazas en Compostela que non pasaron polo concurso. Serían 9 prazas de nivel 20, e 27 de nivel 25. En total disporíamos de 56 prazas para as 43 persoas.

Para a CIG é inaceptábel que se poidan ofertar xefaturas de sección a persoas recén chegadas ao corpo superior sen ofrecerllas primeiro ás persoas que levan anos neste e noutros corpos.

Opción 4: incluír prazas de nivel 20 vacantes en todas as localidades. Teríamos 47 prazas para 43 persoas

Ás compañeiras e compañeiros que leven anos querendo moverse a outra localidade, non lles faría moita graza ver como persoas recen chegadas ao corpo obteñen prazas en localidades do seu interese que non lles foron ofertadas previamente. Afectaría sobre todo a localidades de alta demanda de postos, como poden ser Vigo ou Ourense.

As responsabilidades

O escenario que defendeu a CIG estes anos é ben diferente do que temos:

  • Ofertas de emprego sen taxa de reposición limitativa, que permitise cubrir todas as necesidades de persoal que fose necesaria. Co seu modelo restritivo, as limitacións impediron mesmo cubrir as vacantes con persoal de carreira, e por tanto incrementaron a temporalidade.

  • Procesos selectivos áxiles, nos que entre a publicación da Oferta e a toma de posesión non mediara máis dun ano. O que temos é que ese tempo pode chegar a 5-6 anos con facilidade.
  • Concursos anuais, en todos os corpos/escalas/categorías. A realidade é que os máis afortunados son os corpos xerais, para os que van 6 anos dende que os anteriores tomaron posesión.
  • Que a toma de posesión dos procesos selectivos fose definitiva se hai concurso de traslados recente. De non ser o caso tería que ser provisional. Cando é definitiva se oferten todos os postos vacantes que pasaron polo concurso.. 

A CIG fai responsábel do panorama que temos aos gobernos galego e do estado polas súas políticas de recortes que impuxeron durante anos que dificultaron as ofertas de emprego, que forzaron á temporalidade e que destruíron emprego público.

E facemos tamén responsábel da situación á Dirección Xeral da Función Pública e en xeral ao goberno galego, pola falta de dilixencia na resolución dos concursos de traslados e procesos selectivos que remataron por cruzarse coa nova Lei 20/2021.

Así que a CIG non vai optar por ningunha das malas opcións ás que nos queren forzar. Terán que ser os/as responsábeis, as persoas que dirixen as políticas de persoal da Administración, as que procuren as solucións que teñen que poñer enriba da mesa, e no seu defecto decidiren e responsabilizarse de dano que van provocar. Busquen prazas, e se non existen terán que crealas.

Así están as prazas en A2, C1 e C2

Para A2 necesitan 40 prazas (13 de promoción interna e 27 de libre). Din dispoñer de 42 prazas sumando vacantes puras (non ocupadas) e 10 prazas ocupadas por persoas interinas posteriores ao 1/1/2018 (non afectadas pola Lei 20/21). Serían 42 prazas para 40 persoas. Non valoran outros escenarios. Moi xusto, o que levará a algúns compañeiros e compañeiras de promoción interna a pediren excedencia tirando pola borda o seu esforzo na promoción. 

Para C1 necesitan 22 prazas (todas de promoción interna), e para C2 107 prazas (57 de P.I. + 50 libre). Tanto para C1 como C2 din que contan con vacantes puras abondo. Tampouco valoran outros escenarios polo que tamén producirán excedencias.

O concurso de traslados de corpos xerais

Teoricamente a toma de posesión do concurso de traslados sería coincidente coa elección de destino definitivo de quen están agora en destino provisional, pois habería postos coincidentes. Xa que logo, calquera atraso na elección de destino tería efectos no concurso de traslados. 

A última información do concurso, persoal e directa de altos cargos de Función Pública, é que a elección de destino do concurso de traslados sería en maio-xuño, un novo atraso. Desmentirían así a información que fala de setembro. Pero con estes .. quen aposta?

Outras novas recentes

Martes, 17 Decembro 2024

Mesa de seguimento do acordo de funcionarios do SPIF: consecuencias dun acordo "sen letra pequena"

O día 13 de decembro 2024 celebrouse a 9ª reunión da mesa de seguimento do acordo de funcionarios do SPIF onde a Administración presentounos uns gráficos nos que se reflexa a porcentaxe de cobertura así como a de vacacións,  comparando os anos 2023 con 2024. Dende a CIG insistimos que: - Unha vez máis que, logo do traslado do acordo ao persoal laboral, é de recibo que se...
Xoves, 12 Decembro 2024

UGT torpedea e crispa a negociación do I Plan de Igualdade de Portos de Galiza (05/12/24)

Esta foi a reacción á postura manifestada pola CIG de rexeitamento a dar validez tanto á proposta de plan de igualdade como de diagnose elaboradas pola Dirección Xeral de Simplificación Administrativa da Xunta antes da constitución da comisión de igualdade, que Portos puxo enriba da mesa. A xuntanza de constitución da Mesa de Igualdade de Portos de Galiza foi, cando menos,...
Martes, 17 Decembro 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Incendios

O día 09 de decembro de 2024 tivo lugar a reunión do Comité S.S.L. de Incendios onde se abordaron os seguintes temas: -. Plan de formación 2025/2028. Dende a CIG pedimos que se abra un prazo de alegacións e que se incorpore a lexislación vixente da Lei básica de Bombeiros Forestais, de obrigado cumprimento, en canto neste caso permita un desenrolo do marco formativo, para...