Novas por contido

O luns 13 de febreiro participamos nunha xuntanza para tratar a proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da Presidencia da Xunta e da Axencia de Turismo de Galiza (ATURGA).

A representación da Consellería comunica uns cambios na súa proposta:

  • O incremento do complemento específico para os postos da Casa de Galiza en Madrid, que chegaría aos 2.800 € anuais.
  • Os negociados que se crean estarán abertos exclusivamente a persoal da Xunta de Galiza.
  • O custe do aumento do complementos e da creación destes postos finánciase coa amortización de vacantes non ocupadas.

Por parte da ATURGA a modificación ven derivada da futura aprobación do Decreto de creación dunha área de turismo termal en Ourense. Crearase unha praza de xefatura de área (libre designación A1/A2), aberta a persoal da Xunta de Galiza, outras administracións e persoal docente. Crearanse dúas prazas de xefatura de sección nível 25 (A1/A2/C1), abertas exclusivamente a persoal da Xunta.

A maiores propoñen que a xefatura de sección de supervisión técnico turística, aberta exclusivamente a corpos especiais, se abra só á Administración xeral, dadas as funcións administrativas e debido a problemas de cobertura. Esta modificación non ten custo orzamentario.

RPT da Consellería de Presidencia

Dende a CIG remitímonos ás alegacións presentadas:

1.-Cambios de adscrición de postos: solicitamos saber que postos están ocupados e cales non, porque consideramos que se está a producir un concurso encuberto entre as distintas unidades. Pois non ten sentido que se movan postos iguais entre direccións xerais se ademais estes teñen persoa ocupando o posto. Exemplo as secretarias das subdireccións e tamén pasa con xefaturas de sección. O concurso de traslados é o sistema legalmente establecido para estes cambios. Solicitamos que se manteñan os postos nas unidades que se atopan e, en canto ao resto, se amorticen os postos que se pretenden cambiar e, ao tempo, se creen nos novos departamentos onde sexan necesarios, de xeito que non se destrúa emprego público.

2.- Casa de Galiza: Referente ao incremento do complemento da Casa De Galiza en Madrid, está vencellado a subas salariais marcadas polo Estado en base ao IPC polo que entendemos que o argumento do custo da vida é para todas as persoas por igual ao tempo que supón un agravio para o resto do persoal desta administración.

Estamos de acordo en que se lles suba o complemento pero tampouco é moi coherente que sexa lineal porque hai agravio salarial entre os distintos niveis que ten o persoal deste centro. O lóxico sería modificar os níveis dese persoal e, dende logo, nunca utilizar amortizacións de postos para financiar o aumento dun complemento. Non entendemos que os novos postos de negociado que se crean sexan nivel 20 cando o que xa existe se quede nun 18.

Estamos totalmente en contra de que o crédito saia de amortizacións de postos na Axencia de Turismo para financiar un departamento que depende da Consellería de Presidencia.

RPT de ATURGA

1.- Decreto inexistente: Poñer na memoria que está aprobado en Consello o Decreto polo que se crea a área de Turismo Termal é faltar á verdade. E non podemos valorar unha modificación de algo que non está aprobado e que nin sequera nos achegaron o borrador.

2.- Apertura a docentes e xefatura de seccion: Pedimos explicación de por que abre a xefatura de Área Termal a docentes, pois non lle encontramos sentido a dita proposta. E solicitamos que o posto de xefatura de sección técnico-turística non so se abra a Administración Xeral se non que tamén se faga á escala de enxeñeiros técnicos de Obras Públicas.

3.- Escola Superior de Hostalería: Aproveitamos a negociación desta RPT para poñer en valor aos traballadores da Escola Superior de Hostalaría. Hai tempo que estaba prevista a integración do persoal desta escola na Xunta, integración que nunca se levou a cabo e nin sequera se iniciou. Queremos saber os motivos.

Non é serio que se estea a impartir un grao universitario dende o 5 de setembro nunha escola na que o persoal que o imparte ten o convenio de ensino non regrado e o persoal non docente o convenio de oficinas e despachos. Ao mellor teríase que estudar a posibilidade de que ese persoal debería pertencer á Consellería de Educación ou habería que ver outras posibilidades ( como o persoal das escolas náutico-pesqueiras ou as agrarias, por exemplo).

Temos queixas de que non se están a cubrir as baixas polo que o persoal sofre unha sobrecarga de traballo.

Por último, parécenos increíble que se pretenda pasar orzamento da Axencia á Consellería de Presidencia cando nin siquiera a Axencia se digna a negociar co persoal da escola unha carreira profesional. Nin os integran na Xunta, nin teñen un convenio digno, nin carreira profesional.

Hai un colectivo de persoas que traballan nesa escola que teñen uns dereitos e a Axencia terá que dar algunha explicación sobre o que está a pasar con este persoal que participou en procesos de libre concorrencia e incluso foi obrigado a facer un master universitario para poder impartir certo tipo de docencia neste centro. Temos escolas que imparten o ciclo de FP de hostelería e os seus docentes son funcionarios da Consellería de Educación e despois temos o persoal que imparte un grao universitario cun convenio de ensino non regrado, como se foran unha academia.

Entendemos que é un tema a tratar canto antes.

Outras novas recentes

Xoves, 21 Mai 2026

A CIG solicitou unha reunión de urxencia co conselleiro de Facenda ante o pasotismo da directora xeral de Emprego Público respecto ás tom...

Este luns 18/05/26, a CIG solicitoulle ao conselleiro de Facenda unha xuntanza para dar solución e que nos actos de elección de destino participen todas as promocións que estean nesa situación, sen que ningunha quede relegada a un futuro incerto. As case 500 persoas funcionarias de corpos xerais que concorreron á promoción interna do ano 2023 en convocatorias derivadas das...
Luns, 18 Mai 2026

A directora xeral de Emprego Público segue sen dar resposta para a promoción interna do 2023

Hoxe, 18/05/26, na mesa xeral a DXEP tampouco quixo dar resposta razoada á demanda de que a promoción interna do 2023 poida participar nos actos de elección de destino definitivo. A resposta que deu é que aínda hai un prazo de 20 días para presentar a documentación e que hai un prazo dun mes para presentar recursos de alzada. Sobre isto último supoñemos que coñece que o...
Luns, 18 Mai 2026

Aplicación do Decreto 37/2006 para a cobertura temporal dos postos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

No DOG do 18/05/2026 publican a RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se dispón a aplicación do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, na cobertura temporal dos postos dos corpos e escalas adscritos ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. A cobertura destes postos será realizada a través das...