Novas por contido

A Administración Hidráulica dependente da Xunta de Galicia pretende eliminar o servizo territorial de Ourense enviando a rúa ao seu persoal técnico e deixando a provincia sen este servizo público.

Esta oficina territorial da Axencia de Augas de Galicia encárgase da recepción de solicitudes de diversos procedementos pero tamén da xestión e control das obras de depuración de augas limpas e augas residuais, control de calidade e o acompañamento, control e xestión cos concellos destas obras hidráulicas dende o asesoramento ata a posta en funcionamento. Máis tamén informan e asesoran a cidadáns, comunidades veciñais usuarias de auga como as comunidades de regantes ou zonas urbanizadas.

Certo que as competencias de control e vixilancia así como outras de xestión ordinaria, están a ser levadas nesta provincia coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, por ser as bacías competencia do estado español. Mais para a CIG isto non xustifica a eliminación do servizo autonómico, que ten traballo dabondo coa creación de infraestruturas e xestión dos fondos autonómicos. Desta forma a Xunta está repregando competencias propias cara a administración do Estado que, lembremos, é moito máis lenta, farragosa e cargada de taxas para os cidadáns. É dicir, que na vez de loitar para asumir competencias a Xunta o que fai é abandonar a unha terceira parte do territorio galego.

Esta micro - oficina da Axencia de Augas de Galiza está sendo xestionada por tres persoas, un posto de auxiliar e dous enxeñeiros, unha dotación raquítica para levar adiante un servizo, e que agora pretenden eliminar cargándose os postos e enviando o persoal a rúa.

A Xunta executa a amortización destes postos do servizo aproveitando unha modificación de postos de traballo da Axencia: necesitan amortizar postos para sacar cartos para poder crear xefaturas en Santiago de Compostela. E cando esiximos unha xustificación, dise que “este traballo pódese levar perfectamente dende Compostela”. A realidade é que resulta imposible levar un control continuado de obras en infraestruturas en toda a provincia desprazando ao persoal enxeñeiro dende tan lonxe.

Na CIG opoñémonos a redución de servizos públicos de atención e a eliminación de emprego público. Este é o único servizo de augas da Xunta na provincia de Ourense, e si se pecha as persoas usuarias van ter que desprazarse a Santiago de Compostela ou acudir a xestorías privadas. En conclusión: de ir adiante coa amortización deste servizo deixaremos sen control de obras hidráulicas que aseguren o seu correcto funcionamento e calidade pero tamén sen o asesoramento e información ao cidadán, concellos e o tecido asociativo.

Outras novas recentes

Venres, 13 Novembro 2026

Promoción interna corpos xerais; funcionarización en excedencia (para CP 17/11/26)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha xuntanza da Comisión de Persoal que será o martes 17 de  novembro, coa seguinte Orde do día: Convocatoria do proceso de funcionarización para o persoal laboral fixo que está na situación de excedencia. Descargar Convocatoria de promoción interna ao corpo superior-A1. Descargar Convocatoria...
Venres, 13 Novembro 2026

Promoción interna de corpos xerais; funcionarización en excedencia; finanzas-veterinarios/as-agacal-gain-intecmar (MSF e MX 10/11/26)

O martes 10, véspera da Folga Xeral, asistimos á Mesa Xeral e Mesa Sectorial de Persoal Funcionario, nas que se trataron as convocatorias de promoción interna a corpos xerais e dos procesos de funcionarización de persoal laboral fixo que está en excedencia. Na rolda aberta de intervencións a DXEP deu información da escala de finanzas, da repesca de funcionarización de...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...