Novas por contido

A Xunta pretende facilitar os trámites de proxectos cun grande impacto ambiental

Na CIG Autonómica tomamos a decisión de impugnar o Decreto 102/2023, do 15 de xuño, polo que se regulan as entidades de colaboración ambiental e se crean o rexistro de entidades e o banco de persoas expertas en avaliación ambiental. Dende a CIG Autonómica denunciamos que se trata dunha estratexia da Xunta ao abeiro da lei de simplificación administrativa aprobada polo Goberno do PP para substituír o traballo do persoal funcionario público co obxectivo de facilitar a autorización de proxectos con impacto ambiental como os parques eólicos ou a minería extractiva.

Deste xeito a Administración pública botará man de empresas privadas colaboradoras e dunha bolsa de expertos/as contratados/as directamente para facilitar as autorizacións e legalizar así a venta dos recursos naturais do noso país. E o que é máis grave, mediante este Decreto non se privatizan unicamente as funcións de informe previo, senón tamén o seguimento das obras e actuacións, permitindo o levantamento de actas con valor probatorio, cando estas funcións están unicamente reservadas por lei a persoal funcionario público.

Dende a CIG Autonómica denunciamos publicamente que algúns/has empregados/as públicos/as están a ser apartados/as das súas funcións porque non “facilitan” as autorizacións dos parques eólicos cando teñen incidencia sobre o medio ambiente. O persoal afectado, biólogos/as, enxeñeiros/as e incluso axentes ambientais, está preocupado polo perigo evidente que corren especies protexidas, hábitats prioritarios, espazos da Rede Natura ou afloramentos singulares, xa que as empresas terán que seguir as liñas marcadas pola Xunta, unhas liñas que segundo denuncian os propios empregados/as públicos/as a Xunta non se atreve a publicar porque son un disparate.

Ademais da substitución de funcións das que até o de agora se encargaba o persoal público, a medida obrigará os funcionarios/as a ter que autorizar a cegas ao non ter realizado eles/as o informe, o que os/as porá nunha situación de inseguridade xurídica. Por maior abastanza, tamén se lles substitúe nas funcións de control.

Por non falar do gasto que suporá, xa que o control das empresas que van realizar os informes obrigaría a realizar de novo o informe e auditar a empresa para ver que non forma parte dun grupo de empresa; polo tanto, o traballo será maior para o persoal funcionario público, que por unha parte ten que elaborar o informe e por outra investigar a empresa que o fai.

Outra cuestión negativa do Decreto é a creación dunha bolsa paralela ás listas de contratación de persoal empregado público para contratar expertos/as, cando a Administración podería botar man das listas de contratación propias se precisa máis persoal. E tamén o feito de que se lle permita a empresas privadas acceder a procedementos realizados por persoal funcionario público e a expedientes propios da Administración pública.

En definitiva, dende o sector de Autonómica da CIG-Administración denunciamos que a lei de simplificación administrativa aprobada polo Goberno do PP persegue facer posíbel o até de agora imposíbel: pagar a empresas privadas para facer os trámites de autorización atribuídos a persoal público. O que se pretende con esta normativa é que si os funcionarios/as da Xunta informan negativamente, a Xunta poida comprar informes positivos para favorecer ás grandes empresas que espolian os recursos naturais do país. Unha práctica mafiosa á que lle deron cobertura legal a través da “lei de depredación” de Galiza.

Dende a CIG-Autonómica denunciamos que a Xunta artellou un plan para a aprobación exprés de actuacións que poden repercutir no patrimonio natural ou cultural do país: parques eólicos, minería, infraestruturas, industria, etc. Pero, como a redución de prazos garantistas non lle chega para sacar adiante proxectos de grande impacto, o que fai agora é directamente comprar as autorizacións pagando a empresas privadas para que substitúan o papel imparcial das persoas funcionarias públicas.

Ademais, esta nova actitude gangsteril vén acompañada das denuncias de presións que nos trasladaron os empregados/as públicos/as coas que a Xunta pretende que dean o positivo á aprobación de proxectos.

Outras novas recentes

Martes, 06 Outubro 2026

Axentes ambientais: case un ano sen o plan de igualdade específico que esixe a lei

A Xunta suspende de novo en igualdade. A Lei 4/2024, do 8 de novembro, básica de axentes forestais e medioambientais, establece unha obriga específica para as administracións competentes. O seu artigo 14 (Igualdade de xénero), dispón literalmente: As administracións responsables, de acordo co fundamento de actuación de igualdade de trato entre mulleres e homes do artigo...
Martes, 06 Outubro 2026

A Consellaría da Lingua  mantén o abuso laboral do persoal lingüista e segue sen achegar os datos necesarios para negociar (xuntanza do 5...

A segunda xuntanza remata sen compromisos concretos para garantir a xornada completa e doce meses de actividade. O luns 5 de outubro tivo lugar a segunda mesa de negociación das condicións de traballo do persoal titulado superior lingüista da Secretaría Xeral da Lingua, do grupo I, categoría 40.  Un mes despois da anterior xuntanza, a Consellaría de Cultura, Lingua e...
Martes, 06 Outubro 2026

Elección de destino de varias escalas de C1, C2 e AP

No DOG do 05/10/2026 publican a Resolución pola que se modifica a Resolución do 24 de setembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo...