Novas por contido

Despois de mais de 15 anos, aprobouse na Comisión de Persoal do 01/08/2023 co voto en contra da CIG o I Plan de Igualdade: falto de contido, con medidas xa contempladas nas leis e meras declaracións de intencións

A Administración autonómica estaba obrigada a elaborar un Plan de Igualdade para o seu persoal (máis de 26.000 traballadoras e traballadores) dende a Lei 3/2007. Foron numerosos anos reclamando a negociación deste Plan, e numerosas reunións nas que non se avanzaba por falta de vontade negociadora por parte da Xunta. A principios do ano 2022 comezou este proceso negociador que finaliza agora.

Foron numerosas reunións nas que a CIG negociou até a última hora para que se cumprira a normativa de elaboración dos Plans en canto a contidos mínimos e propostas que incorporaran medidas reais para acabar con certas discriminacións e se incorporaran as nosas achegas ao texto.

No caso do “Protocolo contra o acoso e as violencias sexuais e psicolóxicas no traballo”, a CIG votou a favor pois achega novidades e solucións en temas de acoso que estaban pendentes e trae unha nova regulación noutras cuestións que non contaban con protección ou procedemento específicos, como as violencias sexuais e violencias no traballo e na protección da identidade e expresión de xénero.

No Plan de Igualdade aprobado no día de hoxe a nosa postura foi sempre facer unha boa diagnose da situación, cos contidos establecidos na normativa que nos permitira extraer conclusións reais da situación da igualdade na Xunta de Galiza, e así propor medidas efectivas para mellorar a situación de igualdade do persoal empregado público.

A diagnose está incompleta, e incumpre o RD 901/2020 en:

Datos de formación: están mesturados con datos doutras administracións que non son a Xunta e están computados polo número de cursos realizados e non por persoas; faltan número de solicitudes, de denegacións, de abandonos e as súas causas.
Na análise dos datos económicos como establece a normativa, xa que non se analizan salarios reais, senón salarios normalizados, e non se establece unha análise por postos de igual valor. Falta auditoría retributiva que queda para máis adiante.
Na prevención de riscos con perspectiva de xénero, e ademáis non existen resultados da análise de riscos psicosociais.
As distintas xornadas, horarios, e lugares de prestación de servizos, etc., non se poden avaliar pois non se proporcionan datos.
Falta Protocolo de violencia de xénero. Nin se negociou o procedemento nin as medidas ás que se poden acoller as vítimas de violencia de xénero.
Nivel de estudos do persoal da Administración, independentemente da titulación de acceso requirida.
Na enquisa cualitativa feita ao persoal, as respostas, estudo e conclusións non están desagregadas por xénero, cousa incomprensible nunha enquisa que vai achegar unha visión de como está a percepción da igualdade entre o persoal e tendo en conta que eses datos si se recolleron.

Como consecuencia dunha diagnose incompleta en cuestións tan importantes para un Plan de igualdade temos unhas conclusións parciais que non permiten analizar realmente a situación de igualdade para o persoal da Xunta e trasladan estas carencias ás medidas a adoptar para corrixir as eivas detectadas. Dentro das medidas, por unha parte queren corrixir o que debería de estar feito na diagnose (protocolo de violencia de xénero), e por outro, propóñense medidas que quedan en declaración de intencións (“procurarase”, “estudarase”…).

Nas medidas que se propoñen, tampouco son quen de adoptar as que acaben, dunha vez por todas, coas discriminacións directas; das retributivas no caso dos incrementos salariais nas situacións de embarazo e baixa por maternidade; no acceso a postos vacantes dende as listas de contratación cando se está en situación de suspensión de contrato ou incapacidade temporal por embarazo e/ou lactación natural. Tampouco se recolleu o incremento do permiso para o outro proxenitor até equiparalo co permiso de maternidade na Xunta de Galiza como establece unha recente sentenza do TSXG.

As mulleres e homes da CIG non estamos dispostas a aceptar calquera Plan polo simple feito de telo. Seguimos empeñadas en ter un verdadeiro Plan de Igualdade para o persoal da Xunta de Galiza.

A CIG, sempre comprometida cos avances en dereitos e a non discriminación, seguirá a loitar por acadar a igualdade real e efectiva.

Outras novas recentes

Xoves, 11 Xuño 2026

Persoal de secretaría dos centros de ensino. Acordo PND xa!

O persoal auxiliar e administrativo dos centros de ensino continúa a sufrir unha situación de infravaloración e abuso organizativo que resulta inadmisíbel. A pesar da percepción errónea de que se trata de “persoal de mesa e ordenador”, a realidade evidencia que non está exento de soportar decisións arbitrarias por parte dalgunhas direccións, que non comprenden —ou non...
Venres, 12 Xuño 2026

Crónica dun enchufe anunciado: como a Xunta adaptou a praza da dirección do CGAC á súa candidata

Na CIG denunciamos que o nomeamento da nova dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) constitúe a crónica dun enchufe anunciado e exemplifica un padrón cada vez máis habitual na Xunta do PP, cando pretende favorecer unha persoa determinada: primeiro modifica o posto, despois adapta os requisitos de acceso e, finalmente, nomea a persoa que encaixa exactamente...
Venres, 12 Xuño 2026

Xuntanza coa SXT de Medio Rural (10/06/2026)

Cobertura de prazas SPIF Din que a día de hoxe a cobertura no servizo e superior ao 90% e que rematarán de cubrir os postos mediante chamamentos que sairán previsiblemente esta semana. Respondemos que sempre imos tarde co tema da cobertura xa que non se trata de ter o dispositivo ao completo en xullo-agosto-setembro, este ano xa tivemos o primeiro GIF en abril, moito antes...