Novas por contido

O Goberno galego négase a aplicar con carácter xeral a sentenza gañada pola CIG que dá 22 semanas de permiso a outra persoa proxenitora e busca gañar tempo coa presentación dun recurso perante o Tribunal Supremo.


A CIG gañou no mes de xuño unha sentenza que recoñece a un traballador da administración autonómica (Consorcio Galego de Benestar e Servizos Sociais) o dereito a gozar dun permiso polo nacemento da súa filla coa mesma duración -22 semanas no canto de 16- que o que ten a súa parella, nai biolóxica.

O sindicato demandou a continuación que a Administración autonómica á aplicación xeral a todo o persoal da Xunta deste novo dereito recoñecido na sentenza, contundente na súa fundamentación, ao entender que se deben ter presentes os dereitos de conciliación e a corresponsabilidade e a garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e a ocupación, estabelecendo idéntica duración para o permiso por nacemento da nai biolóxica que para o permiso derivado do nacemento para o proxenitor distinto dela.

Así, desde a CIG instouse á Dirección Xeral de Función Pública a:

1. Modificar o artigo 124 da Lei 2/2015 no sentido do que recolle a sentenza, recoñecendo a extensión a 22 semanas desde as 16 actuais para a persoa proxenitora diferente da nai biolóxica en casos de nacemento, acollemento, garda con fins de adopción ou adopción dun fillo ou filla.
2. Publicar, mentres non se faga efectivo ese cambio, as instrucións ou normas legais necesarias para que recoñeza ese dereito a todos os empregados e empregadas públicas da Xunta de Galiza.
3. Negociar, no marco da Mesa Xeral, a extensión dos permisos para ambos proxenitores, dos permisos no camiño da proposta da CIG de amplialos, cando menos dun xeito progresivo, até as 52 semanas


A CIG lamenta que a Xunta, lonxe de dar pasos inmediatos para garantir o dereito ao pai ou outra persoa proxenitora a aumentar en 6 semanas o seu permiso e ter a mesma duración que a súa parella, nai biolóxica, fai exactamente o contrario e busca evitalo mediante a presentación dun recurso de casación perante o Tribunal Supremo.

Desde o sindicato animamos a todos os pais ou nais non biolóxicas, cuxo fillo ou filla aínda non cumprira os 12 meses a presentar unha solicitude perante o órgano de persoal que lle corresponda para prolongar 6 semanas -se xa está a desfrutar ou se rematou o permiso das 16 semanas- ou a desfrutar as 22 semanas se o nacemento se produce máis adiante. De non se reclamar antes do ano de vida do neno ou nena perdería o dereito a reclamalo, que é o único que busca a Xunta que primeiro lexisla sen ter en conta a discriminación en materia de igualdade para despois negarse á evidencia de estender un dereito que descansa precisamente na corresponsabilidade plena nos coidados e crianza dos nosos fillos e fillas.

Outras novas recentes

Mércores, 14 Outubro 2026

Lei de medidas 2027: negociación real ou pura farsa?

A documentación do anteproxecto da Lei de Medidas para 2027 chega o martes 13 ao mediodía, reunímonos o mércores 14 e o xoves 15 xa vai á Comisión de Persoal. A pesares de pedir adiamento por este motivo négase a mudar de data! Que negociación é esta? Unha farsa! Sen tempo para estudar, consultar co persoal nin presentar alegacións. Convocan mesas para cubrir o expediente...
Venres, 16 Outubro 2026

A Dirección Xeral de Emprego Público pasa o rolete pola Lei de medidas e a Lei de orzamentos de 2027, sen negociar (CP 15/10/26)

Na xuntanza da Comisión de Persoal do 15 de outubro, a directora xeral volveu ás andadas de facer imposíbel calquera posibilidade de negociación efectiva, impedindo que haxa calquera avance nas condicións laborais do persoal da Administración xeral da Xunta e entes. Xa se está a convertir en costume ter que dicirlle á diretora xeral de Emprego Público que coa CIG non conte...
Martes, 06 Outubro 2026

Elección de destino de varias escalas de C1, C2 e AP

No DOG do 05/10/2026 publican a Resolución pola que se modifica a Resolución do 24 de setembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo...