Novas por contido

 

Oferta raquítica

Estamos outra vez ante unha oferta de emprego raquítica. Das 1.000 prazas de administración xeral recollidas neste borrador, 596 son de libre (e destas 334 son de 6 meses) e o resto de promoción interna que non computan na taxa de reposición. Isto tanto para as prazas de promoción interna de corpos xerais como para os procesos de funcionarización de persoal laboral fixo dos anexos III e IV.

Promoción interna de escalas e especiais, nada. Libre de corpos xerais, pouco

No caso da oferta de acceso libre é chamativo que non conste ningunha praza de corpos xerais agás as 19 do corpo superior e as 10 do corpo subalterno. Isto contrasta co extremo oposto no caso da promoción interna onde non se contempla ningunha praza para escalas e corpos especiais. De aí que pareza lóxico que todas as escalas e corpos especiais teñan en cada oferta de emprego prazas que non pechen un dereito ás persoas empregadas públicas.

A maiores disto, e tendo en conta que a promoción interna non computa na taxa de reposición, deberían, sen minguar a oferta de libre, incrementar a promoción interna da oferta de libre de xeito que fose o 50% do total da oferta libre e contemplar a posibilidade de unila en convocatorias únicas de cada corpo ou escala á promoción interna separada.

Promoción interna: hai vida máis aló de quedar ancorado a unha praza

No artigo 3.4 do borrador se establece que as persoas que superen o proceso de promoción interna se lles dará destino no mesmo posto que veñen desempeñando sempre que estivese aberto ao corpo ao que se acceda.

Excepto nunha anterior oferta de emprego onde se contemplaba que o mesmo podería suceder para aqueles que o seu posto non estivese aberto ao corpo inmediatamente superior, que se modificaría automaticamente pasando a ser aberto, non houbo ningún esforzo intelectual por mellorar este sistema, de tal xeito que hai persoas ás que promocionar lles pode supoñer renunciar á mobilidade e ao cambio de localidade, ao quedar no mesmo posto, e outros aos que lles gustaría ter a posibilidade de quedar no mesmo posto se van ver obrigados a elixir outro destino.

De aí que consideramos que se deixen abertas as tres posibilidades, a de acudir a unha elección de destino, a de permanecer no posto e que si está pechado a un corpo se abra ao superior, e a citada no borrador. Non hai ningún problema técnico que o impida; a informática, como San Bieito, é o santo máis milagreiro.

Promoción interna: obsesión pola exclusión de escalas

Xa hai anos que dende a CIG vimos defendendo a posibilidade de promocións internas cruzadas, tanto horizontais como verticais entre todos os corpos xerais, escalas e corpos especiais. Que existe unha problemática no caso dalgúns corpos e escalas onde é posible que existira un fluxo en determinado sentido e non no oposto, é algo do que somos conscientes. Pero a existencia de problemas nestas propostas non é algo que impida que deba ser estudado e tratado.

Somos tamén conscientes de que en certos casos é a normativa legal a que impide que se poida chegar a un horizonte de total mobilidade, pero o mínimo que ten que facer esta administración é tratar e estudar este tema, e no caso concreto desta oferta formular unha proposta de apertura a algunhas escalas ou buscar fórmulas para ponderar o impacto desa apertura nos procesos de promoción interna ou chegar a unha modulación da pertenza ou non a determinado corpo ou escala.

Propaganda co teito de gasto que non se reflicte na oferta de promoción interna

Reiteramos que a promoción interna non consume taxa de reposición e por tanto, despois de máis dunha década de ofertas de emprego minúsculas, nun ano que se presume expansivo e onde o teito de gasto segundo declara a Xunta de Galiza é o maior de todos os tempos, o persoal empregado público merece ser tido en consideración facilitando a súa mobilidade e promoción vertical.

Oferta de acceso libre: de concurso-oposición

Como demanda histórica da CIG sempre apostamos polo concurso-oposición como sistema de acceso ao emprego público. E creemos que así debe constar nesta oferta de emprego.

Funcionarización á baixa

Nesta oferta plásmase un dos problemas da funcionarización pactada, neste caso xa denunciado dende hai tempo o persoal coidador do grupo III-99 se funcionarizará no subgrupo C2 no canto do C1. Non están por crear a escala e seguen adiante.

Tribunais

Mentres non se acepte un sistema de sorteo, como noutras administracións, pensamos que a parte social ten que ter a capacidade de proposta dun membro de cada tribunal.

De onde saen os datos?

Como todos os anos, a administración pretende que comulguemos con rodas de muíño. Temos que supoñer que os datos derivados da taxa de reposición son os 596 postos de acceso libre (sin saber se iso representa o tope permitido da taxa de reposición do 110% ou 120% segundo os casos como se contempla na normativa básica e no borrador da lei de acompañamento dos orzamentos) sen que aporten as táboas dos postos que xeran esas prazas.

Parece prudente declarar que si non hai datos de todos e cada un dos postos, non podemos ter a seguridade de que a Xunta está chegando ao tope da taxa de reposición permitida.

Taxa de discapacidade

Débese repartir en concordancia cos datos facilitados polo Consello Asesor, e repartirse a taxa por igual entre subgrupos altos e baixos. Lembramos que está pendente de constituírse un grupo de traballo para determinar que postos son os acaidos para dar destino ao persoal con discapacidade intelectual.

A taxa adicional do RD-l 5/2023

E tal e como comentamos anteriormente, si hai prazas que non computan na taxa de reposición, a Xunta ten a obriga legal e moral de recollelas na oferta de emprego. A promoción interna non computa, a funcionarización do persoal laboral fixo non computa e finalmente, as prazas derivadas da lei 20/2021 tampouco computan. E por extensión as do RD-l 5/2023 tampouco.

Por iso solicitamos que den cumprimento ao art. 217 do citado Real Decreto-lei e se inclúa nesta OEP a taxa adicional computando o número de prazas de natureza estrutural, ocupadas de forma temporal a 30 de decembro de 2021, por persoal cunha relación desa natureza anterior al 1 de xaneiro de 2016, que non tivese superado o proceso de estabilización convocado con un sistema selectivo distinto ao previsto na disposición adicional oitava da Lei 20/2021, de 28 de decembro.

Grupo B para cando?

Igual que todos os anos seguen introducindo una disposición transitoria (algo que leva case 20 anos sendo transitorio en realidade é permanente) onde insisten en que o corpo de técnicos de carácter facultativo deberá desenvolverse regulamentariamente e mentres tanto se encadrarán no subgrupo C1.

Parece unha broma que quen ten a capacidade de facer tal desenvolvemento regulamentario, como é a Xunta de Galiza, nolo presente como que é algo alleo á súa vontade. A indolencia non é desculpa, e o encadramento debe realizarse no grupo B sen que teña que existir ningunha regulación adicional

Outras novas recentes

Luns, 23 Decembro 2024

Asuntos propios na Área de escolas infantís do Consorcio: vai pedindo que xa chos vou denegando

A escasos días de comezar o período de Nadal, o Consorcio ordena ás direccións que deneguen os AP porque non se vai substituír ao persoal. Ponse ás traballadoras nunha situación imposible de aturar, sen os días que precisan para a conciliación da vida familiar 1. Dende a área de escolas mándase a seguinte instrución ás direccións dos centros Ao igual que en anos anteriores...
Mércores, 18 Decembro 2024

Consellarías de Educación e de Economía van adiante co traspaso forzoso e non negociado de persoal propio, laboral e funcionarial de GAIN

A última hora da xornada laboral do 16 de decembro, dende a dirección da Axencia Galega de Innovación (GAIN) remítesenos o texto oficial do 2º Acordo de traspaso: adscripción de postos con nivel orgánico inferior a sevizo e traspaso de créditos asignados aos servizos traspasado, entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Consellería...
Mércores, 18 Decembro 2024

A CIG reclama a recuperación de dereitos do persoal das administracións públicas

A lei de Orzamentos para 2025 perpetúa os recortes de 2012 e non avanza nengunha mellora, excepto para a escala de letrados, polo que dende a CIG solicitamos a extensión desa mellora para todo o persoal A CIG concentrouse o martes 17/12/2024 diante do Parlamento de Galiza, coincidindo co debate dos Orzamentos da Xunta para 2025 para denunciar que con esta lei se perpetúan...