Novas por contido

Hai máis de 3.000 compañeiros/as que no caso de emerxencias ou traballos especiais poden actuar


Un mes despois de que a Xunta coñecera a chegada destes residuos as praias non ten mobilizado a ningún medio propio (a maiores do habitual nesa zona en calquera época do ano) para o seu control, coordinación ou recollida aínda que á CIG-Autonómica cónstalle que o persoal si llo pediu e ofreceuse voluntario.

A Consellaría de Medio Ambiente ten persoal de campo, vixiantes de recursos, peóns e oficiais de recursos naturais e axentes ambientais en todo o territorio. Máis de 3.000 compañeiros e compañeiras que no caso de emerxencias ou traballos especiais poden actuar.

En concreto, que no colectivo de persoal funcionario hai 107 axentes; 2 axentes ambientais coordinadores; 19 axentes territoriais e 35 axentes zonais. E no colectivo de persoal laboral, 63 peóns forestais; 3 técnicos/as ambientais; 15 técnicos/as superiores ambientais e 98 vixiantes de recursos naturais.

Xunto a isto a Xunta conta con medios e vehículos e que están preparados. Ademais, no caso das e dos axentes ambientais pode activarse o período extraordinario cun sistema de gardas, polo que pasan a facer xornadas de 12 horas e poden mobilizarse por todo o territorio nacional.

Porén, a Consellaría de Medio Ambiente considerou que non era necesario, ignorando as capacidades do seu propio persoal que poderían ter unha función relevante, non só no control, senón tamén na coordinación de que as tarefas de limpeza non danaran áreas protexidas como os complexos dunares, especies catalogadas ou alteraran zonas de nidificación nestas contornas de alta sensibilidade ambiental. Ángeles Vázquez na súa batalla política preferiu minimizar a crise ambiental e despois derivar a responsabilidade contra o Gobierno na vez de mirar para dentro e contar co seu propio persoal tanto técnico como o de campo.

Para que contratar empresas?

Segundo a propia Administración, o persoal da Consellería do Mar e o persoal da zona da Consellería de Medio Ambiente si fan súas funcións en carteleira e zona habitual, sen activarse ningún reforzo porque non é necesario e non é un Prestige . Por iso preguntámonos entón por que contratan empresas? Para que fan falla voluntarios/as? Para que pedir recursos da Administración do Estado?

Ignorar ao persoal propio non é a primeira vez que sucede coa Consellería de Medio Ambiente de Ángeles Vázquez, pois nos lumes que asolaron a Rede Natura ou mesmo os Parques Naturais, nestes anos, non activou nin sequera o período de gardas dos seus axentes ambientais (período extraordinario) para contar con maior cobertura de persoal, nin antes nin durante nin despois, para xestionar as posibles tarefas de restauración ambiental.

Antes, ou ao tempo de contratar ao persoal de empresas públicas, como nestes días fixo con SEAGA e TRAGSA, debería ter solicitado ao outro persoal de emerxencias que ten a Xunta por toda Galiza, comarca a comarca: os bombeiros e bombeiras forestais e o axentes ambientais da Consellería de Medio Rural, que traballan as 24 h todos os días do ano e poderían traballar desde a primeira chamada. E temos tamén a mais de 600 compañeiros e compañeiras fixos e fixas descontinuas en período de suspensión de contrato. En síntese, máis de 3.000 efectivos preparados en emerxencias no medio natural ignorados.

Dende a CIG-Autonómica lembramos que no caso do Prestige si se mobilizou a todo este persoal, tarde e mal, cando xa se autoorganizaran. Por iso lamentamos que non se aprendera desa experiencia. A realidade é que non existe un protocolo nin unha planificación clara para estas emerxencias, sexan do nivel que sexan, máis cando hai que actuar rápido e a Xunta ten os medios, ten o persoal no territorio e ten o coñecemento.

Outras novas recentes

Venres, 30 Outubro 2026

Nomeamentos como persoal funcionario de carreira e apertura do prazo posesorio de varios procesos selectivos

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de condución, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas...
Xoves, 29 Outubro 2026

Primeira xuntanza con Educación por un Acordo para o Persoal Non Docente: unha perda de tempo

A CIG denuncia a falta de compromiso e de vontade negociadora da Consellaría e advirte de que non vai permitir que se siga adiando unha reivindicación histórica do persoal non docente. As expectativas xeradas pola apertura dunha vía de negociación coa Consellaría de Educación para acadar un acordo que dea resposta ás demandas do persoal non docente quedaron frustradas na...
Mércores, 28 Outubro 2026

Xuntanza para a modificación da Orde de horarios do Servizo de Gardacostas (23/10/2026)

Despois da reunión de mesa sectorial de hai un mes onde se abordou a modificación da Orde do 2 de maio de 2006 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza, é previo á levar o texto á Comisión de Persoal onde se aprobaría, a...