Novas por contido

Mentres o Presidente da Xunta xa anunciou a OEP 2025 no Parlamento o luns 17 de novembro, a directora xeral de Emprego Público (DXEP) convoca unha Mesa para a semana seguinte sen os anexos das prazas

A CIG-Autonómica denunciamos que a directora xeral de Emprego Público pretende levar á Mesa Xeral de Persoal Empregado Público do luns 24 un borrador de Oferta de Emprego Público (OEP) para 2025 sen remitir nin un só anexo coa relación detallada das prazas, malia o correo enviado por esta organización solicitando esa información básica para poder negociar. A situación é grave despois de sabermos pola prensa —e non pola Xunta— que o presidente Alfonso Rueda anunciou no Parlamento 700 prazas de acceso libre e 300 de promoción interna. Este proceder desvirtúa completamente a Mesa Xeral, converténdoa nun trámite baleiro no que nada se decide porque todo chega xa pactado e pechado.

Sen anexos e cun borrador cheo de eivas

Como xa é costume, a DXEP convoca unha negociación sen datos fundamentais, pois só contamos co borrador do decreto da OEP 2025 sen os anexos cos números de prazas. Da súa análise inicial destacan estes aspectos:

  • Obrigan o persoal que acceda por promoción interna a permanecer no mesmo posto, sempre que este figure aberto ao novo corpo ou escala. Se o posto non está aberto, haberá que escoller destino. 
  • Anexo II (PI separada): a forma de acceso será concurso-oposición.
  • Anexo I (acceso libre): non se indica a forma de acceso.
  • Mantense a fraude do grupo B transformado en C1, sen avanzar na ordenación profesional.
  • Exclúense as escalas sanitarias da Lei 17, como xa ocorreu en anos anteriores (Sanidade irá por libre, publicando a súa propia OEP).
  • Composición paritaria dos tribunais no conxunto da OEP, non en cada tribunal: medida simbólica pero con pouca repercusión real. O que se necesita é o informe de impacto de xénero previo.

A Xunta repite as eivas habituais e evidencia a mesma falta de vontade negociadora: oferta insuficiente, atrasos perpetuos e dependencia crecente das externalizacións.

O atraso estrutural: catro anos de demora e milleiros de vacantes acumuladas

Coas 700 prazas anunciadas —sobre as que nin sequera sabemos a distribución— é evidente que as taxas de reposición non van aos máximos legais (taxa do 120% nos prioritarios/as).

A isto súmase un problema estrutural: entre a inclusión dunha praza na oferta e a súa cobertura efectiva poden pasar máis de 4 anos, o que engorda de maneira crónica a bolsa de temporalidade. Para reverter esta situación, as prazas deben resolverse no mesmo ano en que se ofertan, algo que a Xunta continúa sen garantir.

A alternativa da CIG: unha promoción interna extraordinaria, por concurso de méritos e sen límite de prazas

Coas 300 prazas de promoción interna anunciadas, o desleixo cara ao persoal empregado público faise evidente. Lembramos que levamos dende o 2022 facendo esta petición e que xa rexistramos unha proposta formal na Lei de medidas para garantir o dereito á carreira profesional:

  • Promoción interna extraordinaria no ano 2026.
  • Por concurso de méritos.
  • Sen límite de prazas.
  • Sen computar na taxa de reposición.
  • Garantindo a permanencia no posto ou a creación/adecuación dos postos necesarios.

Unha medida viable legalmente, realista e necesaria para corrixir anos de restricións e convocatorias insuficientes, así como para garantir a mobilidade profesional do persoal.

Outras novas recentes

Martes, 29 Setembro 2026

Campaña de revisións médicas 2026-2027 en centros de ensino

Prazos de inscrición Persoal nomeado antes do 25 de setembro: dende o 25 de setembro ao 31 de outubro. Persoal nomeado o 26 de setembro ou despois: dende o día 1 ao 20 do mes seguinte á súa toma de posesión. Persoal interino e substituto: dende o día 1 ao 20 do mes seguinte a aquel no que se cumpran os 65 días traballados de forma ininterrompida, contados dende o...
Luns, 21 Setembro 2026

Non á perda da axuda dos 180 € tras a estabilización

A CIG vén de solicitar a Función Pública que aquel persoal que supere un proceso de estabilización e que teña recoñecida a axuda por persoa con discapacidade do artigo 35 do V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza non deixe de percibila. Entendemos que, como xa pasou co persoal laboral que se funcionarizou, o persoal que estabilizou deixará de percibir esta axuda e cando...
Venres, 25 Setembro 2026

Novos actos de elección de destino, Consorcio, comisións de servizos en Política Social, INTECMAR (mesa sectorial do 23/09/26)

Preguntamos pola promoción interna de Psicoloxía xa que a primeira parte foi o día 30 de xuño e o segundo exame tiña que ser en 40 días e sacaran resolución ampliando 20 días máis. O prazo (coa ampliación) rematou o pasado 18 de setembro e non temos máis información. O que nos din da DXEP é que remataron de preparar o listado de postos e continuarán en breve, pero non da...