Novas por contido

O día 18 de xullo de 2024 reuniuse de xeito ordinario o Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería de Medio Rural. O último comité tivo lugar en decembro, e lembróuselle á presidenta que segundo a Lei 31/95 de Prevención de Riscos, os Comités deben de ser trimestrais. O presidente comprometeuse a retomar os comités de xeito trimestral.

INCUMPRIMENTO da Orde de Uniformidade de Axentes Ambientais: A administración tratou de xustificar este incumprimento baseándose en que practicamente xa deran todo aos/ás axentes. Isto non é así, xa que ademais do incumprimento da 1º entrega e das entregas das reposicións, tamén incumpren de xeito reiterado a Orde do 27 de febreiro de 2020, en canto aos elementos identificativos do uniforme da escala nos EPIs. E por moito que digan inda quedan mais de 10 elementos do uniforme por entregar.

Segundo nos informan antes de rematar xullo entregaranse EPIs de incendios que xa cumprirán esta Orde.

AVALIACIÓN DE RISCOS das bases de Bombeiro/as Forestais: Pedimos, de novo, a avaliación dos centros, xa en funcionamento desde fai tempo, e que seguen sen avaliar como Vincios ou Guizán. Segundo di o Servizo de Prevención o problema é que non teñen xente abondo para facer as avaliacións. Pero o verdadeiro problema, que non dan resolto, é que a Consellaría de Medio Rural ten persoal traballando en centros sen avaliación de riscos.

RUIDO NOS VEHÍCULOS Toyota Land Cruise e Skoda Karoq (2023): Infórmannos de que xa están a solucionar o problema.

SOBREESFORZOS en AGACAL: Informamos do problema de sobreesforzos que están a soportar as persoas traballadoras do AGACAL por falta de cobertura de prazas. Isto fai que unha persoa teña que levar a carga de traballo de varias, ademais da súa propia. A Administración di que non teñen datos de baixas por sobreesforzos. Parece ser que mentres o traballo saia adiante, a Administración non ten problema con que o seu persoal asuma unhas cargas de traballo excesivas se elo non comporta baixa médica. Non é difícil pensar que se teñen que estar presentes tres persoas de quenda e só hai unha, esta sufrirá unha sobrecarga de traballo xa que, por exemplo, os animais non poden quedar sen atender. Pedimos unha solución rápida a este problema.

DISTRITO II: informan de que están a facer melloras nas instalacións de diferentes bases de bombeiros forestais.

CARRACHAS: No último comité, de decembro do 2023, aprobouse unha modificación do protocolo das carrachas pero que, por desleixo da dirección da Administración, este aínda non se fixo e por tanto non se mandou aos traballadores/as.

No protocolo anterior puña que había que quitar a carracha o antes posible, e debe poñer que “a persoa traballadora informe o centro de traballo e vaia quitar a carracha á mutua (ou ao centro de saúde se a detecta fora das horas de traballo)” para que así “quede constancia por escrito da picadura de carracha”. Xa que, como os síntomas poden tardar en aparecer un tempo, se o incidente non está informado a mutua non acepta que houbese unha picada anterior no tempo de traballo.

Debido ao alto grado de incidencias destes artrópodos no traballo diario e o risco para o persoal de contraer enfermidades graves, como a enfermidade de Lyme, consideramos de gran importancia que o novo protocolo de actuación fronte as carrachas se distribúa o antes posible.

A Administración resposta que van sacar unha circular e tamén din que SI van a dar repelentes. Xa estamos case no mes de agosto, non foi sen tempo!

ROGOS E PREGUNTAS: ROUPA DE AGACAL
Lembramos, como xa explicamos nos comités anteriores, que o prego de condicións para a roupa do AGACAL non pasou polo comité. AGACAL tampouco tivo en conta a decisión tomada neste comité de que a roupa tería que ir diferenciada por sexos, por cuestións de ergonomía e prevención de riscos. E informamos das queixas recibidas do persoal pola mala calidade das prendas. Pedimos que esta situación se solucione para os contratos menores deste ano, e que o próximo prego de condicións pase polo comité de seguridade e saúde, como ten que ser.

Outras novas recentes

Martes, 13 Outubro 2026

A Xanela. Boletín de CIG-Autonómica. Setembro/2026

Neste boletín: - E despois de todo isto? Que vai pasar cando rematen os concursos e tomas de posesión - Medio Rural asina acordos aos cachos para o persoal do SPIF - Concurso específico (a libre designación encuberta con estabilidade de 5 anos) - Movementos tras o concurso ou destino definitivo - Persoal non docente: chegou o momento de negociar Descargar
Domingo, 04 Outubro 2026

Os sectores de atención social e coidados únense para rematar coa precariedade de persoal e persoas usuarias

Lanzan unha campaña de mobilización para reclamar, ademais, a xestión directa dos servizos a través dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas eowpzSxtLVM Traballadores e traballadoras do sector de coidados -público e privado- veñen de unificar as súas loitas para denunciar a precariedade que padecen e as consecuencias que isto ten para as persoas...
Venres, 09 Outubro 2026

Ampliación do prazo de elección de destino na especialidade de limpeza e cociña

No DOG do 09/10/2026 publican a RESOLUCIÓN do 7 de outubro de 2026 pola que se amplía o prazo para a elección de destino na agrupación profesional, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de limpeza e cociña, convocada pola Resolución do 24 de setembro de 2026 (Diario Oficial de Galiza número 186, do 30 de setembro). Amplían o prazo...