Novas por contido

A CIG denuncia publicamente o nomeamento de María José Echevarría como directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade

O pasado mes de setembro na Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático tomou posesión como directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade María José Echevarría, tras a dimisión do antigo director xeral, Ramón Martínez Boga.

Dentro das funcións desa dirección xeral están todas aquelas que teñen que ver coa avaliación e control da incidencia que sobre o medio ambiente provoque a actividade humana, ou a avaliación dos efectos que determinados plans ou programas teñen sobre o medio ambiente, entre outras.

Se a isto lle engadimos o feito de que María José Echevarría resulta ser a parella de Antonio Casal Lago, director territorial de ENCE para Galicia, lévanos como CIG a denunciar publicamente un nomeamento que consideramos cando menos dubidoso, ao poder existir un conflito de intereses.

Toda a cidadanía é sabedora das polémicas sociais que provocan algúns proxectos relacionados co eucalipto e coa produción de pasta de papel. Aí están os conflitos do proxecto de ALTRI ou as polémicas xeradas no seu día pola prórroga que Mariano Rajoy concedeu a ENCE a beira da ría de Pontevedra. 

A ninguén se lle escapa que é moi desconcertante e estraño que o antigo director xeral soamente ocupase o cargo durante catro meses tras o seu nomeamento. Iso lévanos na CIG a facernos as seguintes reflexións: Cales son os motivos que o levaron a dimitir? Podería haber presións dalgúns grupos de poder para condicionar as tomas de posesión de determinados postos? Acaso non existe en Galicia outra persoa para ocupar esa dirección xeral? Certamente resulta imposible de xustificar ante a cidadanía galega esta decisión do executivo galego.

Resulta acaído lembrar os grandes vínculos do Partido Popular coa pasteira de ENCE, en cuxo consello de administración chegaron a sentarse destacados militantes e ex-altos cargos da Xunta de Galicia e do propio goberno español como Isabel Tocino, ministra de Medio Ambiente na era Aznar, ou Carlos del Álamo, conselleiro de Medio Ambiente na presidencia de Manuel Fraga, entre outros, sendo estes uns claros exemplos de portas xiratorias.

Na CIG lamentamos e cuestionamos este tipo de nomeamentos, e como o Partido Popular obriga a Administración galega a pregarse diante de certos lobbies económicos e de poder para beneficiar a uns poucos e prexudicar a maioría, denigrando a Función Pública.

Libres designacións mediante comisións de servizo para evitar a publicación no DOG

Na estrutura organizativa desa mesma dirección xeral podemos observar o xeito de proceder para o nomeamento de cargos de libre designación como o caso da Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental ou a Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular, onde se actúa da mesma maneira que para o nomeamento de Eloína Feijóo como subdirectora xeral de Política Social, é dicir, mediante comisións de servizo.

Cómpre recordar que no nomeamento de postos de libre designación o razoable e o máis transparente é que se faga mediante un anuncio no DOG, pero ao facer a cobertura destes postos mediante comisións de servizo, a cidadanía non ten acceso a esa información.

Para rematar, subliñar que valoraremos cos nosos servizos xurídicos a legalidade do nomeamento da nova directora xeral por un posible conflito de intereses.

Outras novas recentes

Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...
Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...