Novas por contido

Na produtiva mesa xeral do día 15/10/2024 agromaron unha serie modificacións normativas que parecen ditadas pola ultradereita unhas e pola facción da boina outras, pero todas cunhas marcadas connotacións ideolóxicas e políticas.

 

Os homes por riba, por suposto...

En algo tan sinxelo como unha modificación do Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira relativa ás comisións de valoración dos concursos ordinarios introducen unha CLÁUSULA IDEOLÓXICA, que parece sacada dun texto de VOX: aplicar unha medida de discriminación positiva A FAVOR DOS HOMES, no sentido inverso ao que se establece na normativa en materia de igualdade utilizando medidas de acción positiva no sentido contrario. Non sabemos de onde saíu ese texto ou quen lle intentou colar este catecismo á DXEP.

O caso é que despois de que puxéramos de relevancia tal asunto e de que lles fixéramos ver que incluso iría contra a normativa de igualdade, a directora xeral reflexionou e finalmente retirou esa modificación.

 

¡FUERA GALLEGO!

Coa desculpa da falta de persoal en determinadas escalas e categorías, traen a mesa outro punto ditado por VOX. Propoñen eximir do coñecemento de lingua galega ao persoal de determinadas categorías sanitarias. Queren dar a entender que van ter que recorrer a persoas doutras comunidades, países ou estados, ante a insuficiencia de persoal sanitario na Xunta de Galiza. Facémoslle notar que isto se debe entre outros factores, a que unha parte importante de persoal que se formou neste país ESTÁ FORA, noutras comunidades e noutros países en condicións mellores. E que incluso o persoal propio marcha para o SERGAS en canto pode. Así que a cuestión non é que non haxa persoal formado en Galiza, senón que determinadas políticas teñen determinados efectos.

E a maiores, destacamos a indolencia negocial que leva a que nin se plantexaran buscar alternativas que incluso poderíamos valorar, como podería ser a forma de abordar a mesma cuestión na Comunidade Autónoma Vasca, onde non se exime do requisito de coñecer a lingua do país (que é un dereito da cidadanía e das persoas usuarias e polo tanto DEVÉN nun deber do persoal funcionario), senón que se adía a futuro facilitando que a formación dese persoal para obter os coñecementos na lingua propia se faga en varios anos.

Todo isto sucede ademais nun momento en que Rueda, aquel que se manifestaba contra o galego hai uns anos, manifesta a súa “preocupación” polo estado da situación lingüística provocada polo deterioro consciente que o PP producíu.

 

A facción da boina no PP: quitar persoal funcionario para meter exalcaldes

Pero non todo o que nos trae a Dirección Xeral de Emprego Púbico e inspirado por Vox. A modificación que pretenden facer da LOFAXGA para a creación de AXENTES POLÍTICOS parece ditada pola facción da boina do PP.

A maiores do anecdótico cambio de denominación das xefaturas territoriais que pasan a ser departamentos territoriais e de xefes/as territoriais a directores/as territoriais e que xa se fixo nos decretos de estrutura, o cambio relevante que nos traen é o da posibilidade de que estes/as directores/as territoriais NON SEXAN PERSOAL FUNCIONARIO.

É evidente que queren instaurar a figura do axente electoral, que tan ben lle resulta a este goberno do PP. O importante non é a dirección dos servizos dos departamentos territoriais senón “Representar oficialmente á consellería ante as autoridades e bla, bla, bla...” o que significa, que hai que nomear aos excedentes de alcaldías perdidas, deputados e senadores non electos, cargos e afiliados sobrantes. E colocar aos que teñan maña para saír nas fotos de prensa inaugurando fervenzas ou fenómenos naturais, farolas, paseando por colexios onde se cambiou unha tella ou recibindo aos xubilados do clube da boina.

Trátase, en definitiva, de usar a administración pública non para dar servizos á cidadanía, senón para servirse a eles mesmos. E ao mesmo tempo é un insulto a todo o persoal empregado público e especialmente ás persoas dos corpos e escalas dos subgrupos A1 e A2, que son quen teñen os coñecementos, capacidade e perfil para desempeñar as direccións territoriais

Outras novas recentes

Mércores, 28 Outubro 2026

Xuntanza para a modificación da Orde de horarios do Servizo de Gardacostas (23/10/2026)

Despois da reunión de mesa sectorial de hai un mes onde se abordou a modificación da Orde do 2 de maio de 2006 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza, é previo á levar o texto á Comisión de Persoal onde se aprobaría, a...
Luns, 19 Outubro 2026

Convocatoria promoción interna A2-Inspección de consumo (para MSF 20/10/26)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convoca Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario para o martes 20 de outubro, para discutir a convocatoria da promoción interna á escala de inspección de consumo, subgrupo A2. Descargar. Outra vez nos envían a documentación sen tempo abondo para a súa difusión e preparación, sen unha negociación...
Luns, 19 Outubro 2026

Destinos e convocatoria oposicións (axen. ambientais, c2-cociña, coidador, subalterno, limpeza, e P.I. administrativo) (MSF 16/10/26)

Na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF), discutimos coa Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP), as bases das convocatorias de varios procesos selectivos. Na rolda aberta de intervencións, a DXEP deu información sobre a convocatoria de elección de postos de diversas escalas. Convocatoria de procesos selectivos Respecto das...