Novas por contido

Na Comisión de Persoal do venres 21 de novembro quedou aprobada a convocatoria de proceso selectivo de estatística-A2 e unha relación de postos de traballo (RPT) de funcionarización duns postos de grupo III-99. Na rolda aberta de intervencións, a CIG solicitou información do estado dos concursos de traslados, da relación de prazas da Oferta de Emprego Público 2025, da emenda á Lei de medidas do PP no Parlamento de Galiza que ven a anular un proceso selectivo xa convocado, polo Consorcio e polos informes de gas radon.

Convocatoria de proceso selectivo á escala técnica de estatística-A2

Son dúas prazas, convocadas pola forma de acceso de oposición. Inicialmente as dúas prazas eran de acceso libre, e a CIG solicitara que houbera promoción interna do 50%. A directora xeral de Emprego Público (DXEP) aceptou, pero só permitindo promoción interna horizontal dende outras escalas do subgrupo A2, non vertical dende C1. Tampouco aceptou substituír os dous exames de desenvolvemento escrito de temas por outras probas tipo test (ben cuestionario teórico ou ben suposto práctico). Tampouco aceptou que a forma de acceso fora concurso-oposición.

A convocatoria quedou aprobada co voto en contra de CIG, CCOO e UGT, e a abstención de CSIF.

RPT de funcionarización de III-99

A proposta da DXEP pretendía a funcionarización do persoal laboral fixo do grupo III-99 (aux. coidador a extinguir) no subgrupo C2 (ben como auxiliares de coidador, ben como auxiliares de clínica), o que implica a rebaixa de grupo xa que o grupo III equivale a C1.

Para que non perdesen retribucións, engádeselles un complemento de 3.000 € anuais, que se perderán cando os postos queden vacantes.

A proposta, que pasou por mesa sectorial o 14/11/25, quedou aprobada co voto en contra dos catro sindicatos.

Concursos de traslados

Estatística: o proceso de estatística-A1 leva un ano parado dende que en novembro do 2024 publicaran a relación de aspirantes que superaron o proceso selectivo. Se pretenden darlles destino pronto, hai que ter en conta que o concurso de traslados anterior foi convocado en abril do 2022, fai 3,5 anos, polo que é de supoñer que dende entón xeraríanse algunhas vacantes. Non podemos aceptar que se oferten vacantes ao persoal de novo ingreso sen antes pasar polo concurso, polo que reclamamos a convocatoria do mesmo. A DXEP di que están a analizar as prazas vacantes para ver se procede ou non convocar concurso previamente aos destinos.

Informática: é outro dos concursos que leva lustros de atraso (xuño do 2013). A que esperan para convocalo. A resposta é similar, que están a analizar as vacantes para valorar se convocan ou non concurso.

Axentes ambientais: o actual concurso foi convocado en decembro do 2023. A última resolución, despois de moito tempo de inactividade, foi o 10/10/2025 (puntuación provisional). Vamos para dous anos dende a convocatoria, e teñen que resolvelo xa, e inmediatamente ir convocando outro concurso.

Gardacostas: convocado en febreiro do 2024, foi resolto en xullo deste ano, pero coa data de posesión e ceso pendente dunha posterior resolución. Pasaron 4 meses dende entón e seguen pendentes desa publicación en DOG para finalizar o concurso. Cando vai ser? A DXEP di que están pendentes de finalizar a elección de destino dos procesos de estabilización, pero non da datas.

Prazas da Oferta de Emprego do 2025

Estamos convocados á Mesa Xeral de negociación de Empregados Públicos para o luns 24. Achegáronos os criterios da OEP, pero non a relación de prazas, nin individual por escala, nin global para o conxunto da oferta. Esto demostra unha falta real de negociación, polo que reclamamos coñecer o anexo de prazas antes da mesa de negociación. A DXEP non resposta.

Emenda do PP que anula os procesos selectivos de SPIF xa convocados

O grupo Popular do Parlamento de Galiza presentou unha emenda é Lei de medidas do 2026 que anula os procesos selectivos de persoal laboral do SPIF da OEP-2023 xa convocados en agosto do 2025 (xefe/a de brigada, bombeiro/a forestal, e bombeiro/a forestal condutor/a).

Ante os ruxe-ruxe previos, en dúas ocasións preguntamos en mesa pola existencia de conversas entre a DXEP e outros sindicatos sobre tal anulación, e a resposta foi expresamente que non existían tales reunións nin negociacións. Pero agora chegou a emenda do PP, que obrigará a convocar en estabilización as prazas de persoal fixo-descontinuo do SPIF das categorías mencionadas. Esa emenda indica claramente que si existiron xuntanzas e negociacións, polo que a DXEP mentiu á CIG.

A CIG esixe a convocatoria dunha Mesa Xeral extraordinaria para tratar o asunto. A DXEP non resposta.

Consorcio Galego de I+B

A CIG comunica que este martes 18 chegaron correos a moitos centros de traballo indicando o cese de moito persoal polo retorno ao seu posto de orixe do persoal laboral fixo que está en adscrición temporal. O problema é que levan sen concurso de traslados dende hai case 20 anos, polo que a xente tivo que buscarse a vida para moverse. E agora, cando os concursos de traslados están en marcha ou debería faltar pouco para a súa convocatoria, van a producir un caos nos servizos e na vida persoal das traballadoras e traballadores. Ante esta situación, o xefe de persoal do consorcio limítase a afirmar que “melasuda”. 

A CIG sospeita de que existen intereses nalgunhas persoas en producir caos e retardar os procesos selectivos e concursos, polo que pedimos que tomen medidas.

A DXEP afirma que están a ter conversas co Consorcio para coordinarse e que as tomas de posesión teñan a menor incidencia posible. Di que terán xuntanzas na semana do 24.

Gas radon

CIG comunica que xa pasaron meses dende que se levaron os aparellos de medición de niveis de radon, e seguimos sen ter información do resultado. A DXEP afirma que aínda non os teñen, e que prevén que estarán dispoñíbeis para a segunda quincena de decembro.

Outras novas recentes

Xoves, 20 Novembro 2025

Funcionarización do persoal laboral da categoría III-99

Chapuza para consolidar a rebaixa retributiva de 17 postos de traballo Na mesa sectorial celebrada o pasado venres día 14/11 evidenciáronse as costuras rotas do Acordo de concertación social do emprego público de Galiza, asinado pola Administración da Xunta mais CC.OO e UXT,  no que  a funcionarización do persoal laboral se refire. Dezasete postos de traballo de persoal...
Luns, 17 Novembro 2025

Carreira extraordinaria para o acceso aos graos I, II e III: nin unha mellora con respecto ás convocatorias anteriores

A Administración volve a insistir cun modelo de carreira que non cumpre as mínimas expectativas nin da CIG nin das persoas empregadas públicas. De todos os problemas, eivas, discriminacións e desigualdade que leva consigo este modelo, e que levamos anos denunciando, non corrixen nin un. Tráennos, ademais, un texto que foi negociado fóra das mesas e sen a presenza da CIG...
Martes, 18 Novembro 2025

Oposicións a corpor xerais, PSX, psicoloxía, aux. de clínica e estatística (libre e/ou P.I.). Concursos pendentes. Gas radón (CP e MSF 18...

O martes 18 quedaron aprobadas en Comisión de Persoal as bases das convocatorias dos seguintes procesos selectivos: Acceso libre a corpos xerais (superior-A1, xestión-A2, administrativo-C1 e auxiliar-C2) Acceso libre e promoción interna a psicoloxía-A1 Acceso libre e promoción interna a auxiliar de clínica-C2 Promoción interna separada a persoal de servizos xerais (PSX)-C2...