Novas por contido

En xuño do 2022 foi convocada a promoción interna separada para a escala de vixilancia de estradas (C1), á que se podía presentar o persoal laboral fixo da categoría IV-031 (legoeiros). O proceso incumpre o que pactamos, e podería egochar un intento de privatización da vixilancia das estradas.

Un acordo que comprometía a creación de prazas

As organizacións sindicais e a Xunta negociamos un acordo e unha posterior addenda sobre o persoal da Axencia Galega de Infraestruturas (ano 2018). Entre os seus puntos, recollíase a creación dun mínimo de 57 prazas da escala de axentes de inspección, especialidade de vixilancia de estradas, e a convocatoria de 38 delas mediante promoción interna nunha primeira fase que remataría no ano 2019. As prazas non cubertas acumularíanse ás 19 restantes e ofertaríanse no ano 2020.

Non cumpriron coa fase inicial, así que OPE do 2020 ofertáronse xuntas as 57 prazas, convocadas no 2022. O proceso que tiña que estar rematado no 2019, está a piques de rematar agora, pendente da elección de destinos.

E aquí chega o lio: a Xunta non crea ningunha praza de vixilancia de estradas, e no seu lugar oferta unhas prazas que nada teñen que ver coas funcións da escala de inspección, especialidade de vixilancia de estradas: capataz de brigada, celador de estradas e operario de maquinaria pesada.

A recualificación e a creación de postos

Cando negociamos coa Xunta as bases da convocatoria, a CIG solicitou, como no resto das promocións internas, a recualificación dos postos das persoas que superen o proceso, ou como mínimo que se articulase algún sistema que facilitara manter a localidade.

Así o solicitamos nas alegacións escritas e nas intervencións orais nas mesas. Pero finalmente, a Dirección Xeral de Función Pública non aceptou engadir esa cláusula na convocatoria, e xunto a outras razóns, a CIG votou en contra das bases da convocatoria na Comisión de Persoal (CCOO abstívose, e CSIF e UGT votaron a favor).

Chegou o día de escoller destino, xa temos un listado de prazas, e as persoas que superaron a promoción interna ven como moitos/as deles/as corren o risco de térense que mover a outra localidade.

A Axencia Galega de Infraestruturas e a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, teñen que darlle unha volta á relación de prazas, mesmo modificar a Relación de Postos de Traballo para que as funcións de cada un dos postos teña que ver coas propias da escala segundo o recollido na Lei do emprego público de Galiza. E teñen que crear postos novos tal e como se comprometeran nos acordos: “adecuar a estrutura do persoal laboral da Axencia á necesidade de potenciar a vixilancia fronte á conservación directa das estradas”, “contar con postos dedicados á vixilancia das estradas”.

A privatización da vixilancia de estradas

Quen vai facer as labores de vixilancia das estradas que deberían realizar as persoas que superaron este proceso selectivo e que, por outra banda, xa viñan realizando antes do proceso?

Que persigue a Xunta de Galiza ao tentar derivar o persoal que realiza estas funcións e que superou un proceso selectivo para esa concreta especialidade de vixilancia das estradas, ao obrigalos a escoller prazas de capataz de brigada, celador de estradas e operario de maquinaria pesada?

Con esta xogada, están a asignar destinos con funcións non relacionadas coa vixilancia. Pero a Axencia Galega de Infraestruturas vai ter que seguir vixiando as obras, a explotación e a conservación das estradas de titularidade autonómica. Quen o vai facer?

Aquí é onde entra en escena a información que nos chegou sobre a intención da AXI de incluir a vixilancia nos pregos de cláusulas administrativas particulares para a contratación de obras. Todo cobra sentido. Por que ía ter tanto interese a Xunta en desfacerse dun persoal que vén realizando unhas funcións tan concretas e necesarias, aproveitando que superaron un proceso de promoción interna para realizar esas funcións?

Non imos utilizar a palabra que todos temos en mente e que vén acompañando a política de xestión dos servizos públicos por parte dos dirixentes políticos da Xunta de Galiza polo menos dende 2009. No canto diso imos utilizar un dito popular que se acae perfectamente á ocasión: a Xunta de Galiza quere poñer o raposo a coidar das galiñas.

Outras novas recentes

Mércores, 07 Outubro 2026

A CIG solicita oficialmente unha auditoría no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

Denunciamos que a Xerencia garda silencio mentres o persoal traballador está ao límite. Despois do peche que fixemos no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (CGSIB) e logo da reunión mantida o día 29 de setembro co xerente do Consorcio, a CIG vén de solicitar oficialmente unha auditoría.  Isto xa non é unha mala xestión: é unha situación insostíbel e un...
Martes, 06 Outubro 2026

Axentes ambientais: case un ano sen o plan de igualdade específico que esixe a lei

A Xunta suspende de novo en igualdade. A Lei 4/2024, do 8 de novembro, básica de axentes forestais e medioambientais, establece unha obriga específica para as administracións competentes. O seu artigo 14 (Igualdade de xénero), dispón literalmente: As administracións responsables, de acordo co fundamento de actuación de igualdade de trato entre mulleres e homes do artigo...
Martes, 13 Outubro 2026

Fondo de Acción Social de 2025: listaxe definitiva de persoas admitidas

No DOG do 13/10/2026 publican a RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se anuncia a exposición das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2025, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade....