Novas por contido

A CIG non comparte o argumentario doutros sindicatos e da Dirección Xeral da Ordenación da Seguridade Social ao respecto da aplicación do novo Estatuto do persoal bombeiro forestal e a continuación imos explicar por que.

Dende a CIG levamos anos realizando accións encamiñadas a acadar o recoñecemento dos coeficientes redutores para o persoal bombeiro forestal. Xa dende a sinatura do V Convenio colectivo a CIG insistiu, e así se recolle no artigo 3.18. do Acordo de condicións especiais de traballo do persoal do servizo de prevención e defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) da Xunta de Galiza, no compromiso de cambio de denominación das categorías profesionais do SPDCIF (peón, peón-condutor, xefe/a de brigada, condutor de motobomba e vixilante móbil) a bombeiros forestais.

Para nós esta é unha cuestión básica xa que era o comezo para poder encadrar correctamente as categorías mal chamadas daquela coma peón, etc., recoñecer o carácter do servizo de incendios coma un servizo de emerxencias e ter acceso a unha xubilación por coeficientes redutores tal e coma xa se recollía no Real decreto 383/2008, do 14 de marzo, polo que se establece o coeficiente redutor da idade de xubilación en favor dos bombeiros ao servizo das administracións e organismos públicos.

Pero este foi só o comezo, xa que loitamos e insistimos en que se modificara a RPT da Consellería de Medio Rural para incluír a categoría de bombeiro/a forestal e se regularizara no INSS a inclusión deste persoal nos CNAE e CNO axeitados (CNO 5932-bombeiro forestal, e CNAE 8425-protección civil) e se adaptaran tamén axeitadamente ao grupo de cotización.

Agora veñen outros sindicatos a dicir que inda non se poden recoñecer os coeficientes redutores porque hai que modificar o Real decreto 383/2008.. Afirman entón que os/as bombeiros/as forestais non son xa bombeiros/as? Na CIG estamos abraiados con estas manifestacións.

En Galiza xa tiñamos algunha resolución dende fai anos que recoñecía os coeficientes redutores a persoal bombeiro forestal que os solicitaba amparado polo Real decreto 383/2008 (ben é certo que non dende o inicio da actividade). O único que entendemos que estaba en discusión, e así fixémolo constar cando mantivemos xuntanzas en Madrid cos grupos parlamentarios no Congreso no proceso de negociación da Lei, era implantar a retroactividade por asimilación de actividade.

A disposición adicional cuarta da Lei 5/2024, de 8 de novembro, básica de bombeiros forestais, veu a darnos a razón e estableceu que o réxime de xubilación do persoal obxecto desta lei réxese polo disposto na normativa en materia de seguridade social específica aplicable aos bombeiros ao servizo das administracións e organismos públicos (isto é Real Decreto 383/2008). Ademais, tamén recolleu que no prazo dun ano dende a entrada en vigor desta lei adoptaranse as medidas necesarias para o recoñecemento de todo o tempo traballado na actividade de vixilancia e extinción de incendios forestais para a concesión dos coeficientes redutores. Dende a CIG entendemos que entre estas medidas a adoptar non está unha modificación lexislativa, xa que é de aplicación directa o Real decreto 383/2008 e o único que se debe garantir neste prazo é a aplicación do dereito de xubilación anticipada dende o principio da actividade.

Outras novas recentes

Mércores, 28 Outubro 2026

Xuntanza para a modificación da Orde de horarios do Servizo de Gardacostas (23/10/2026)

Despois da reunión de mesa sectorial de hai un mes onde se abordou a modificación da Orde do 2 de maio de 2006 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza, é previo á levar o texto á Comisión de Persoal onde se aprobaría, a...
Venres, 30 Outubro 2026

Convocatorias de oposicións: xestión ambiental, C1, auxiliar de cociña, auxiliar de coidadores, subalterna e limpeza e cociña

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de concurso-oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, grupo B, escala de axentes...
Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...