Novas por contido

O martes 24 de xuño tivo lugar unha xuntanza da Comisión de Persoal (CP) na que se aprobaron as convocatorias de seis procesos selectivos, todos eles co voto en contra de CIG e CSIF, e a abstención de CCOO e UGT. 

Como cuestión previa, a CIG solicitou a suspensión da Orde do día, pois estas convocatorias non foron negociadas, xa que a única vez nas que puidemos ver os textos foi cando o levaron directamente á MSF sen tempo para o seu estudo, o que motivou a queixa de todos os sindicatos. Porén, a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) deu por boa esta falsa negociación.

Os procesos selectivos aprobados teñen todos eles as seguintes características:

  • Forma de acceso mediante oposición. A CIG reclamou concurso-oposición.
  • A promoción interna cumpre o mínimo que marca a lei (25%), permitida dende calquera escala do subgrupo inferior. Non aceptan a petición da CIG, de que a promoción sexa do 50%, e que permitan a promoción horizontal dende outras escalas do mesmo subgrupo.
  • Aínda que é certo que está anunciada unha data prevista para o primeiro exercicio, iso non é máis que información que pode mudar (xa o tentaron no pasado), polo que a CIG solicitou sen éxito que poñan un prazo máximo para a súa realización.
  • Solicitamos que as partes específicas sexan normas de dereito positivo, e non temas. E se manteñen os temas, que publiquen manuais ou como mínimo referencias bibliográficas.


A1.Profesores de escolas marítimo-pesqueiras, especialidade de procesos de cultivo acuícola

Son 3 prazas da OEP-2024, das que unha é para promoción interna. Sendo o primeiro exercicio obxectivo (test), e o segundo subxectivo (elaboración e defensa oral de unidades didácticas), queremos: 1) substituír o 2º exercicio por un suposto práctico test, 2) de mantelo, que o desempate sexa co primeiro, e non co segundo, 3) rexeitamos que teñan o mesmo peso, e optamos porque o 1º puntúe o dobre que o 2º.

A2.Mestre de taller de escolas marítimo-pesqueiras, especialidade de servizos ao buque

Unha praza de acceso libre da OEP-2024. Os argumentos son idénticos aos do proceso anterior. Pero este ten unha cuestión que deben corrixir: a exposición dunha unidade en A2, é sobre tres elixidas por sorteo de entre as catro elaboradas pola persoa candidata. Isto implica unha dificultade maior que no caso de A1, que elixen libremente a unidade que queren de entre as catro elaboradas, sen sorteo previo. Por tanto, en A1 hai máis opcións de elixir que en A2. A DXEP toma nota, pero non da resposta á nosa advertencia.

C1. Escala técnica de cociña e C2. Escala auxiliar de cociña

Para C1 son 15 prazas (OEP-2024), das que 1 é para persoas con discapacidade e 4 para promoción interna. Para C2 son 45 prazas, con 3 para discapacidade e 12 para promoción interna. 

Co proceso de funcionarización destas categorías de persoal laboral, a Xunta de Galiza montou un lío cos requisitos de titulación ata o punto de que pode quedar a cargo da cociña dun colexio unha persoa coa única formación de ESO, sen máis coñecemento de cociña. Deben solucionar a situación modificando a Lei do emprego público de Galiza (LEPG), e o que fan é poñer uns requisitos de titulación nestas convocatorias de oposicións que non coinciden co indicado na LEPG. Ao noso entender, isto pode supoñer un problema de inseguridade xurídica nas convocatorias, polo que solicitamos a paralización destes procesos e a modificación previa da LEPG. Como era de esperar, tiran para adiante. Veremos as consecuencias.

A CIG viña advertindo de que o modelo que viñan usando de facer un primeiro exercicio con dúas partes, no que para superalo había que superar cada unha das partes, era, de facto, dous exercicios cos seus respectivos cortes. E nestes procesos adáptanse á realidade: dividen o primeiro exercicio en dous, correspondendo o primeiro exercicio á primeira parte do anterior primeiro exercicio, e correspondendo o segundo exercicio á segunda parte do anterior primeiro exercicio. Modifican algo a nota de corte pero no fondo pensamos que non suporá cambios respecto do anterior. Pero esquecéronse de algo: no modelo previo, as persoas de promoción interna estaban exentas das preguntas da parte común do temario, e tal e como enviaron a convocatoria, non existe ningunha diferenza entre promoción interna e acceso libre.

En canto ao programa, incidimos en que teñen que retirar o tema de “conceptos básicos do programa de xestión CENPOS”, xa que non existe ningún manual ou guías ó dispor en internet que permita o seu estudo. O que teñen que facer é formar nesta aplicación posteriormente ás persoas que superen o proceso. E se o manteñen, pois esiximos que publiquen algún manual ou guía.

C2. Escala auxiliar de coidadores

Son 50 prazas, con 4 para discapacidade e 13 para promoción interna. Facemos as mesmas referencias anteriores tamén para esta convocatoria, á que engadimos que teñen que revisar o programa, xa que hai incremento respecto de convocatorias anteriores, hai partes repetidas, e hai temas que nada teñen que ver coas funcións do persoal desta escala.

AP-Subalternos/as

Son 35 praza da OEP-2022, con 5 para discapacidade. Non ten promoción interna vertical, pero mantemos a esixencia de que se oferte promoción interna horizontal dende outras escalas do mesmo grupo.

Neste proceso hai un cambio radical do temario. Cualificámolo de irracional por dous motivos:
    1. Hai temas con contidos que nada teñen que ver entre si agrupamos no mesmo tema. Por exemplo, no mesmo tema temos: vixilancia de centros de traballo, estruturas orgánicas da Xunta, e oficinas de información e atención ao cidadán.
    2. Hai materias que non teñen que ver coas funcións desta escala, como son o manexo do Rexel ou a práctica das notificacións. E menos mal que a última hora retiraron: a desratización, a desinfección, almacenaxe de produtos perigosos, etc.

Con tido isto, a CIG votou en contra das seis convocatorias de procesos selectivos que serán publicadas por decisión do Consello da Xunta.

Outras novas recentes

Martes, 28 Xullo 2026

Cadro de persoal de investigación de carácter laboral da comunidade autónoma; elección de destino de Gain (MX 23/07/26)

A creación do cadro de persoal de investigación laboral nos organismos de investigación veu á Mesa sen negociación previa coa representación das traballadoras e traballadores de cada entidade, deixando fóra 32 organismos dos 50 recoñecidos oficialmente, excluíndo ao persoal de xestión da innovación e omitindo as funcións efectivas dos postos, ademais dunha clasificación...
Martes, 28 Xullo 2026

Plantón sindical na Mesa Xeral pola non negociación dun acordo para o Persoal Non Docente

A Consellería da Imposición e falta de Educación, segue a mofarse do Persoal da Administración e Servizos dos centros educativos, e levan á Mesa Xeral de negociación a modificación da relación de postos de traballo (RPT), sin propoñer nin dar datas de cara á negociación dun Acordo Marco de condicións de traballo para o persoal non docente dos centros, motivo polo que xa...
Luns, 27 Xullo 2026

Nomeamento como persoal funcionario dos subgrupos A1, A2, C1, C2, persoal subalterno e apertura do prazo posesorio

No DOG do 27/07/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 2026 pola que se procede ao nomeamento como persoal funcionario de carreira do corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, das persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo convocado polas resolucións do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galiza número 244,...