Novas por contido

Milleiros de persoas participaron nas 15 mobilizacións convocadas pola CIG con motivo da xornada de paro xeral

O paro xeral por Palestina está a ter un importante seguimento entre a clase traballadora galega, que unha vez máis amosa a súa solidariedade ao participar tamén de xeito masivo nas mobilizacións para reclamar a fin do xenocidio e da ocupación ilegal. A sinatura do cesamento ao fogo, malia que aínda non se materializou sobre o terreo, atende á reivindicación máis urxente para a poboación de Gaza, pero supón un paso insuficiente na reclamación que motivou esta xornada de loita: esixir unha solución que leve xustiza e paz para o pobo palestino, que faga valer o seu dereito de autodeterminación e que supoña a fin da ocupación ilegal por parte do Estado xenocida de Israel.

 

O seguimento do folga, aínda que desigual, ten unha elevada incidencia en sectores como ensino e os grandes centros de traballo. A solidariedade evidenciouse tamén nas concentracións realizadas polo persoal nos propios centros de traballo e nas mobilizacións que a CIG desenvolveu ao longo da mañá nas sete cidades máis en Vilagarcía, Carballo, Verín, Ribadeo, Monforte, Ribeira, A Estrada e A Guarda, nas que participaron milleiros de persoas.

Mención á parte merecen os servizos públicos, pois como vén sendo práctica habitual e a CIG xa denunciou, os abusivos servizos mínimos decretados pola Xunta de Galiza impiden na práctica o exercicio á folga e confirman a negativa  do Goberno galego a romper as relacións bilaterais que mantén con Israel. Este boicot ao paro xeral forma parte do silenciamento do xenocidio do pobo palestino nos medios de comunicación públicos galegos e do soporte permanente ao Estado soinista.

A CIG denunciou que a inhumanidade amosada polo PP ante a realidade palestina é inaceptábel, e reclamou ao Goberno de Rueda que deixe de estar de perfil e tome unha postura clara na defensa da legalidade internacional.

 Cómpre seguir mobilizándose por Palestina

Antes do inicio da manifestación de Compostela, a CIG puxo en valor a resposta dada polas traballadoras e traballadores galegos nunha xornada que se suma ás máis de mil cen mobilizacións convocadas na Galiza ao longo destes dous últimos anos para denunciar o xenocidio do pobo palestino e a complicidade dos gobernos occidentais diante desta barbarie.

Neste senso, a CIG advirte que, a pesar do recente acordo para o cesamento dos ataques en Gaza, as accións de protesta non poden rematar porque o pobo palestino é vítima dunha brutal ocupación dende hai 77 anos. Sen a ocupación por parte do Estado sionista de Israel non se pode entender o xenocidio en Gaza.

A CIG denunciou que Israel, co permanente apoio das potencias internacionais, nomeadamente os EUA, vén aplicando un réxime de apartheid contra o pobo palestino, roubando as súas terras e obrigando ao desprazamento forzoso da poboación local, executando detencións e encarceramentos sumarios e sometendo a poboación palestina a un acoso permanente.

A CIG lembrou que a impunidade nestas actuacións favoreceu o desmembramento de Palestina e a creación da Faixa de Gaza como o maior campo de concentración da historia, hoxe reducido a cascallos e exemplo da barbarie coa que actúa o Estado xenocida de Israel.

Garantir o dereito de autodeterminación

Por parte da CIG aseveramos que ao igual que viñemos facendo dende o inicio da agresión á Faixa de Gaza, non debemos cesar na nosa acción de denuncia e repulsa a esta persecución e na exixencia do dereito á vida, á paz, á dignidade e á xustiza para o pobo palestino. Salientamos, igualmente, que cómpre seguir presionando para garantir que o acordo de cesamento do fogo non constitúa un novo atranco nas lexítimas aspiracións do pobo palestino a contar cun estado propio, con soberanía plena e integridade territorial do río Xordán ao mar Mediterráneo, e para que se garanta o dereito ao retorno de todas as persoas refuxiadas.

Así mesmo, reivindicamos unha investigación exhaustiva do xenocidio e dos crimes contra a humanidade cometidos por Israel e o resto de responsábeis directos que permitiron e colaboraron nesta barbaridade.

Rachar as relacións bilaterais e boicot a Israel

A CIG engadiu que esta xornada de paro e mobilizacións ten que servir tamén para esixir medidas políticas e económicas reais e efectivas contra o Estado xenocida de Israel, que pasan por que a UE, o Goberno español e o Goberno galego rompan as relacións militares, comerciais e diplomáticas mentres non remate a ocupación ilegal da Palestina.

Nesta liña reclamamos que nin un céntimo dos impostos que paga a clase traballadora (que representan un 60% dos ingresos totais do Estado) se dedique  a colaborar cun réxime xenocida e que eses recursos económicos sexan destinados a mellorar as condicións de vida da propia clase traballadora.

Ao tempo, requirimos tamén que se recoñeza o dereito á obxección de conciencia das persoas traballadoras das empresas e administracións que manteñen relacións comerciais ou doutro tipo con Israel,“que poderán negarse a prestar os seus servizos laborais en traballos ou proxectos que impliquen colaboración coa entidade sionista.

Finalmente, a CIG reivindicou que se recoñeza o estatuto de refuxiadas ás persoas palestinas que o desexaren, con permisos de residencia e traballo.

 

Outras novas recentes

Venres, 30 Outubro 2026

Nomeamentos como persoal funcionario de carreira e apertura do prazo posesorio de varios procesos selectivos

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de condución, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas...
Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...