Novas por contido

Hai días nos que un pensa que a capacidade de Emprego Público para sorprendernos chegou ao límite, pero despois supéranse. Vaia cristo formaron! Se o obxectivo era xerar o caos absoluto e cabrear a todo o persoal, temos que darlles un aplauso. Conseguírono.

Non sabemos moi ben quen está aos mandos da cociña en San Caetano, pero decidiron que a mellor forma de xestionar os recursos humanos era facer unha boa queimada administrativa: todo para dentro, que arda, e que Deus reparta sorte.

Cunha falta de respecto total e absoluta para os que levamos anos traballando aquí, meteron nunha barafunda monumental a todo quisqui. Da igual a túa categoría, a túa traxectoria ou o teu esforzo. Na pota de Emprego Público entrou por igual o persoal dos subgrupos A1, A2, C1, C2 e maila Agrupación Profesional de persoal funcionario subalterno da administración xeral.

Todos xuntos e revoltos, sen orde nin concerto. Procesos cruzados onde mesturaron sen pudor o acceso libre, a promoción interna (esa gran esquecida á que agora lle dan a estocada final), os procesos de funcionarización e como o ingrediente estrela, para que a mestura fose aínda máis explosiva, sumáronlle as prazas de estabilización da Lei 20/21.

O resultado? Unha elección de destino que parece un xeroglífico exipcio redactado tras unha noite de verbena. Unha auténtica falta de consideración para miles de opositores/as e persoal funcionario que se xoga o seu futuro laboral nestes procesos e que merece claridade, non unha tómbola.

Sinceramente, dende a CIG non atopamos unha explicación lóxica nin racional para este despropósito. Para darlle o visto bo a semellante desfeita hai que estar moi fóra da realidade.

En vez de traballar con rigor, de planificar de xeito transparente e de respectar os dereitos de cada colectivo, a Administración optou pola vía rápida: a do chapeu e o barullo.

Toca amañar isto XA!

Dende a CIG advertimos: por aí non imos pasar. Non imos ser cómplices deste circo nin imos permitir que se tire ao lixo o respecto polo persoal funcionario. Esiximos a Emprego Público que baixe do planeta no que está a vivir.

Se pensaban que iamos tragar con esta receita do caos, esquecéronse de que o persoal ten memoria e moito orgullo. Imos dar a batalla para que se rectifique de inmediato. Se non hai cambios rápidos, que teñan por seguro que nos van ter en fronte.


UNIÓN E LOITA !!!

Outras novas recentes

Luns, 19 Outubro 2026

Destinos e convocatoria oposicións (axen. ambientais, c2-cociña, coidador, subalterno, limpeza, e P.I. administrativo) (MSF 16/10/26)

Na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF), discutimos coa Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP), as bases das convocatorias de varios procesos selectivos. Na rolda aberta de intervencións, a DXEP deu información sobre a convocatoria de elección de postos de diversas escalas. Convocatoria de procesos selectivos Respecto das...
Mércores, 21 Outubro 2026

A loita polas condicións laborais do Persoal Non Docente dos centros de ensino

Logo de anos de loita semella que comeza a verse algo de luz ao final do túnel, estamos expectantes ante a reunión que nos agarda. Creemos que é fundamental unha regularización e actualización das funcións así como dotar dunha estrutura organizativa departamental encamiñada á profesionalización, acorde coas novas realidades técnicas  e  que dea resposta ás necesidades...
Luns, 19 Outubro 2026

Convocatoria promoción interna A2-Inspección de consumo (para MSF 20/10/26)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convoca Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario para o martes 20 de outubro, para discutir a convocatoria da promoción interna á escala de inspección de consumo, subgrupo A2. Descargar. Outra vez nos envían a documentación sen tempo abondo para a súa difusión e preparación, sen unha negociación...