Novas por contido

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos

Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade.

1. Cal é a miña situación laboral no día de folga?
Durante a xornada de folga, o contrato de traballo está suspendido, ficando sen efecto as obrigas recíprocas da persoa traballadora e a empresa: traballar e pagar o salario. Para os efectos da Seguridade Social, a persoa traballadora permanece nunha situación asimilada á alta.

2. Canto me poden descontar pola folga?
No día de folga, descóntase a parte proporcional dos conceptos salariais e extrasalariais que correspondan a esa xornada, así como das partes proporcionais das pagas extraordinarias. O teu dereito ao goce de festivos, vacacións e descanso semanal non se ve prexudicado polo feito de ires á folga.

3. A empresa pode substituírme se vou á folga?
Non. Esa conduta denomínase esquirolaxe e é ilegal tanto nas súas modalidades externa, interna e tecnolóxica.

4. Teño a obriga de comunicarlle á empresa que vou á folga?
Non, o dereito á folga faise efectivo unha vez que esta comeza. Non tes a obriga de comunicarlle á empresa se vas facer folga ou non. É máis, pedir a unha persoa traballadora que asine un escrito manifestando a súa intención de ir ou non ir á folga é unha infracción administrativa e pódese denunciar perante a Inspección de Traballo.

5. Se asinei un papel na empresa dicindo que non vou facer folga, podo mudar de opinión?
Aínda que llo asinases con sangue. O dereito á folga é un dereito irrenunciábel e exércese no momento en que a folga comeza.

6. Pódenme despedir ou sancionar por ir á folga?
De ningunha maneira. O dereito á folga é un dereito fundamental. En caso de sanción ou despedimento, sería considerado nulo e a empresa tería que reincorporarte nas mesmas condicións que tiñas.

7. E se a empresa é unha túzara e quere sancionarme ou despedirme igual?
Non asines nada. Asinar un finiquito pode implicar unha renuncia a reclamar. Vén ao sindicato de contado, porque os prazos son curtos, e dirémosche como proceder.

8. Pode calquera empresa fixar servizos mínimos?
Non. Os servizos mínimos están destinados á estrita prestación dos «servizos esenciais para a comunidade» (sanidade, educación, hixiene pública, transportes públicos, etc.) durante a folga, polo que é a Administración pública (autoridade laboral) a que estabelece en que empresas e Administracións hai que facelos e en que consisten. As empresas que non prestan estes «servizos esenciais para a comunidade» só poden impor «servizos de mantemento», destinados a garantir a seguridade das persoas e locais e o seu mantemento (instalacións, maquinaria, materias primas, etc.) cando sexa necesario, mais nunca con carácter produtivo.

9. Se me designan para os servizos mínimos e son abusivos, teño que ir traballar?
En principio, si. Non ires traballar cando es persoa designada para os servizos mínimos pode ser motivo de sanción ou mesmo de despedimento disciplinario. Así pois, debes ir ao teu posto de traballo e recorrer xudicialmente os servizos mínimos impostos se entendes que son indebidos ou excesivos.

10. É delito que a empresa me diga que se non vou traballar o día de folga me ateña ás consecuencias?
Por suposto que o é. A folga é un dereito fundamental, polo que a coacción para evitar o seu exercicio está tipificada como delito. Se a empresaria ou empresario fai iso, debes comunicalo ao sindicato para presentarmos a correspondente denuncia.

11. Compútase o día de folga para os efectos de cálculo do absentismo laboral?
Non. Está expresamente excluído este suposto para os efectos de cálculo do absentismo laboral.

Outras novas recentes

Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...
Venres, 30 Outubro 2026

Nomeamentos como persoal funcionario de carreira e apertura do prazo posesorio de varios procesos selectivos

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de condución, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas...