Novas por contido

Na Comisión de Persoal do venres 26 de xuño de 2026, o único punto da orde do día foi a modificación da RPT da Axencia de Turismo de Galiza (Aturga) na que non se tivo en conta ningunha das alegacións feitas pola CIG na mesa sectorial de persoal funcionario ante a D.X. de Emprego Público e onde a súa directora cercenou a negociación previa dos sindicatos coa Axencia na cal se conseguira a posibilidade de incremento do complemento especifico dos dous postos de técnicos/as de cociña, polo cambio substancial de horario. Ante iso, o noso voto foi en contra desta modificación.

Na rolda de intervencións recordamos que o día anterior rexistramos un escrito dirixido á DXEP no que expresamos o noso total desacordo coa retirada para os vindeiros actos de elección de destino de postos que xa pasaron polos concursos de traslados. Pedimos transparencia nestes procesos e esiximos unha explicación de por que actúan como actúan, así como polos criterios de elaboración das listaxes de postos para os diferentes actos de elección de destino.

Cando o normal sería que esas listaxes estivesen conformadas cos postos que non se adxudicaron no concurso de traslados, o que nos atopamos son listaxes nas que desaparecen postos sen argumento ningún, tendo que facer investigacións e suposicións do que sucede, xa que recibimos multitude de chamadas de parte do persoal notificando que faltan postos, en moitos casos en centros periféricos, co que supón isto nun acto de elección de destino tan masificado. Mentres, o que si inclúen son postos que non pasaron previamente polo concurso de traslados.

As respostas da directora xeral resultan abraiantes, tanto como a súa actitude non negociadora, xa que o que nos viu a dicir en repetidas ocasións no transcurso da xuntanza é que a única obriga que ten é a de ofrecer tantos postos como persoas aprobadas. Que simpática! Sen máis explicacións nin argumentos sólidos, resulta cruel a súa negativa a incluir todos os postos vacantes, como sempre esiximos dende a CIG, condenando ao persoal a ter que desprazarse ao longo da xeografía galega en busca dun destino definitivo.

Tamén insistiu en que as listaxes de postos que figuran na web de Emprego Público son totalmente informativos, que os postos que van para o acto de elección de destino son "cousa" da dirección xeral de Emprego Público, co cal "non se retira nada" e que a directora creou esas listaxes como considerou oportuno. Tal cual.

Pedimos explicacións polas comunicacións que se fixeron por carta ás persoas que demandaron o destino definitivo nos postos que ocupan actualmente en destino en provisional, nas que se lles cominaba a elexir entre continuar coa demanda ou optar por presentarse no acto de elección de destino.

Fixemos tamén unha interpelación polas chamadas telefónicas que recibiu parte do persoal para que optase por acudir ao acto de elección de destino co argumento de que as extensións de sentenza estaban sendo desestimadas. Pedimos máis información ao respecto, mais o único que dixo é que é cousa da semana pasada e que van sair todas así. Se logo alguén recorre xudicialmente e gaña, di que xa se verá, pero que de momento actúan así. 

Ante a cuestión de se consideraban axeitado que unha administración pública se comunique co seu persoal a través de chamadas telefónicas cando menos intimidantes ou pouco defendibles, a súa resposta é que si que poden, que de non facelo así, o persoal directamente se daría por enterado a través da publicación no DOG. Ou sexa, que as chamadas foron un acto de xenerosidade pola súa parte. 

En relación a outras cuestións vinculadas cos concursos de traslados pendentes, actos de elección de destino e convocatorias afectadas, nin se molesta en contestar.

Dende a CIG consideramos que deberían chamarse mesas de non negociación xa que actúan con mala fe a cada decisión que toman.

A Xunta debería recapacitar sobre a quen puxo diante desta dirección xeral de Emprego Público, pois temos unha directora que non dirixe. Aínda que... quen sabe, ao mellor ese é o obxectivo.

Outras novas recentes

Martes, 28 Xullo 2026

Asistencia a sinatura electrónica. Procesos selectivos agronómica, agrícola, obras públicas, informática e arquivos (CP 23/07/26)

Emprego Público pasa outra vez o rolo e aproba varios procesos selectivos co voto en contra de todas as organizacións sindicais Na Comisión de Persoal (CP) do 23 de xullo constátase unha vez máis o desprezo negociador da Dirección Xeral de Emprego Público (DXEP) que usa ás organizacións sindicais, representantes lexítimos do persoal da Xunta de Galiza, como meros...
Martes, 28 Xullo 2026

Cadro de persoal de investigación de carácter laboral da comunidade autónoma; elección de destino de Gain (MX 23/07/26)

A creación do cadro de persoal de investigación laboral nos organismos de investigación veu á Mesa sen negociación previa coa representación das traballadoras e traballadores de cada entidade, deixando fóra 32 organismos dos 50 recoñecidos oficialmente, excluíndo ao persoal de xestión da innovación e omitindo as funcións efectivas dos postos, ademais dunha clasificación...
Luns, 27 Xullo 2026

Apertura do prazo posesorio do concurso de traslados da Administración xeral

No DOG do 27/07/2026 publican a RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se modifica a Resolución do 13 de abril de 2026 pola que se resolve o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, e se abre o prazo posesorio dos postos...