Novas por contido

No DOG do 24/07/2026 publican a ORDE do 9 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida persoal, familiar e laboral, por redución da xornada de traballo, como medida de fomento da corresponsabilidade, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021- 2027, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento SI440A).

Poderá ser beneficiaria das axudas previstas nesta convocatoria a persoa proxenitora do/da menor que exerza o dereito á redución de xornada, e segundo as seguintes situacións:

a) No caso de unidades familiares en que a parella estea formada por persoas de distinto sexo, o proxenitor de sexo masculino, tendo en conta que o obxectivo do programa é o cambio de tendencia cara á corresponsabilidade real e que, polo tanto, sexan tamén os homes os que se acollan á redución da xornada.

b) No caso de unidades familiares en que a parella estea formada por persoas do mesmo sexo, calquera das persoas proxenitoras.

c) No caso de unidades familiares monoparentais, a persoa ao cargo da unidade familiar.

d) No caso de custodia compartida do/da menor, calquera das persoas proxenitoras.

Para obter a condición de beneficiarias, as persoas solicitantes deberán cumprir todos os requisitos, condicións e obrigas establecidos nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións, en particular os seguintes:

a) Estar empadroadas en calquera concello da Comunidade Autónoma galega.

b) Que se trate dunha persoa traballadora por conta allea, tanto na empresa privada como nas administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.

c) Que a redución de xornada sexa para o coidado dun fillo ou filla menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %. Exceptúanse do disposto no parágrafo anterior os casos de adopción ou acollemento familiar, en calquera das súas modalidades, en que para ter dereito á axuda non poderán ter transcorrido tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción, ou 12 anos se o/a menor ten recoñecida unha discapacidade de porcentaxe igual ou superior ao 33 %. En calquera caso, a/o filla/fillo por quen se solicita a axuda terá que ser menor de 12 anos.

d) Que a redución de xornada se produza no período comprendido entre o 1 de agosto de 2025 e o 31 de xullo de 2026, ambos os dous incluídos.

e) Convivir coa filla ou o fillo durante o período subvencionable.

f) A redución de xornada terá que ser de, polo menos, o 12,5 % da xornada.

g) Os ingresos da unidade familiar non poderán ser superiores a 7 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2025.

h) Non encontrarse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da persoa interesada.

i) No caso de familias monoparentais, que dispoñan dalgunha da seguinte documentación: certificado de familia monoparental; libro de familia ou inscrición no rexistro en que figure só a persoa solicitante; convenio regulador, ratificado polo xulgado, da nulidade, separación ou divorcio.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galiza. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Outras novas recentes

Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...
Venres, 30 Outubro 2026

Nomeamentos como persoal funcionario de carreira e apertura do prazo posesorio de varios procesos selectivos

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de condución, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas...