O que Xunta, CCOO e UGT che quitaron a CIG devólvecho nos xulgados
Mentres a CIG gastaba tapas de zapato nos xulgados defendendo a dignidade do persoal laboral que obrigaban a funcionarizarse para cobrar a carreira profesional, os do "pacto da foto" (Xunta-CCOO-UGT) dicíannos de todo menos "bonitos/as" diante das traballadoras e dos traballadores. Axeonlláronse diante da chantaxe de San Caetano, asinando un acordo que vendía os dereitos do persoal laboral para saír guapos/as na prensa.
Para xustificar a súa submisión, puxeron a andar o ventilador do lixo contra nós para tapar as súas propias vergoñas. Fixéronnos culpables de todos os males do universo: que eramos uns esaxerados, que iamos perder, que asustabamos ao persoal e que por culpa da CIG non se cobraba o complemento. Dicíanlle ao persoal traballador todo o malo que se pode dicir para dinamitar a nosa imaxe, exercendo de voceiros da propia Xunta.
Mesmamente, a algúns compañeiros e compañeiras foíselles a fe a metade do partido. Tivemos persoas afiliadas que, procurando escoitar o relato doado e cansos de agardar por unha xustiza desacougante lenta, mercaron a moto que vendían os asinantes e os perdémolos polo camiño. Era o que procuraban os de sempre: aborrecernos, dividirnos e facernos pasar polo aro.
Mais, a forza e a coherencia da CIG non se venden. Mantivemos o pulso en solitario, porque sabiamos que o que facían co persoal laboral era ilegal e inmoral.
O Tribunal Supremo ven de darnos a razón sen paliativos e desmonta o castelo de naipes que Xunta, CCOO e UGT tiñan construído. E agora a pregunta que nos facemos é: con que cara van ir agora as delegadas e os delegados de CCOO e UGT a mirar os ollos aos traballadores e traballadoras que eles mesmos enganaron? Van colgarse a medalla dunha sentenza que eles combateron dende o minuto un?
O que os e as "asinantes” entregaron de balde nun despacho, a CIG tivo que pelexalo e rescatalo nos xulgados dando voltas e voltas durante anos. O tempo, por fin, pon a cada quen no seu sitio: a uns na moqueta e ao servizo do xefe, e á CIG defendendo á clase traballadora.
Un pouco de memoria histórica (porque a amnesia duns interesa ao relato doutros)
O comezo do atraco (2019): A Xunta publica o "Acordo de concertación" e o réxime extraordinario da carreira profesional excluíndo ao interino e temporal, e ao persoal laboral fixo que non acepte funcionarizarse. A CIG vai ao xulgado en solitario.
O primeiro xofre (2021): O TSXG dános a razón e anula esas discriminacións por violar o dereito á igualdade. A Xunta non executou as sentenzas, preferiu xogar ás agachadas.
A "chantaxe" do reintegro: Introduciron nas instrucións de confección de nóminas, a obriga de que se o persoal laboral fixo non pasaba polo aro da funcionarización forzosa, retirábanlle o diñeiro cobrado do complemento. Outra vez a CIG ao xulgado, e outra vez o Supremo dándonos a razón en 2023.
O milagreiro xiro de 180 graos do TSXG (2023): Nun dos capítulos máis inquietantes desta historia, a Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza —ese que hoxe en día aínda non foi quen de executar as sentenzas que gañamos en 2021— decidiu mudar radicalmente de opinión. O que antes era unha discriminación de libro, de súpeto pasou a ser legal e marabilloso. Copiando e pegando os seus propios argumentos e rexeitando sistematicamente os nosos recursos contra a confección de nóminas de 2021 a 2025, pretendían rendernos polo cansazo.
A tese do conflito colectivo (2022): Cando a Xunta publicou o "complemento de desempeño" para o persoal laboral (esas ordes de novembro de 2022 que hoxe tomba o Supremo), a CIG fuxiu da Sala do Contencioso e presentou un Conflito Colectivo na Sala do Social do TSXG. O resultado: unha Sala do Social que nin se preocupou en ler os nosos argumentos, limitándose a facer un copia-pega de manual do que dicían os seus compañeiros do Contencioso.
1. A funcionarización forzosa: compromiso ou chantaxe?
A Xunta, coas palmas dos seus sindicatos de cabeceira, inventou unha xenialidade: para cobrar o teu complemento de desempeño (a carreira profesional), tiñas que "comprometerte" a facerte persoal funcionario. Se querías seguir sendo laboral fixo, castigado sen o teu diñeiro. Unha especie de: "ou te fas do meu club, ou non hai paga".
O que di agora o Tribunal Supremo: se es laboral fixo e non quixeches pasar polo aro da funcionarización, a carreira e o complemento é teu. E se te funcionarizaches máis tarde e a Xunta che descontou algúns períodos deica a funcionarización,... a reclamar os atrasos!
2. O “milagre” do 31 de decembro de 2021
O acordo tamén tiña unha cláusula digna de Cuarto Milenio, para entrar no reparto do pastel, tiñas que estar en servizo activo xusto o 31/12/2021. Se eras persoal interino e o teu contrato remataba o 30 de decembro, para entrar na repartición do pastel tiñas que estar en servizo activo xusto o 31/12/2021. Se eras interino/a e o teu contrato remataba o 30 de decembro, para volver a empezar o de de xaneiro...¡ mala sorte! O “ Espíritu do Nadal non pasou pola túa nómina”, sexa como for, tamén tiñamos razón aquí!.
Todo o persoal temporal que tivese altas despois de decembro de 2021 ten dereito a reclamar o complemento e os atrasos.
Foi unha peregrinación moi longa. Sete anos de andar camiños escuros, de aguantar ataques, de ver como as institucións nos daban as costas e de sufrir a traizón dos que prefiren a comodidade da moqueta antes que a dureza da loita.
Foron tempos difíciles nos que tivemos que vogar a contracorrente. Pero o resultado demostra o que somos. A CIG non é un sindicato de despacho nin de fotos oficiais; somos un sindicato de clase que ten como única liña vermella a defensa real e firme dos dereitos das traballadoras e dos traballadores.
Agora toca organizar as reclamacións e esixir que paguen ata o último céntimo do que nos pertence.
A LOITA É O ÚNICO CAMIÑO!