Novas por contido

A creación do cadro de persoal de investigación laboral nos organismos de investigación veu á Mesa sen negociación previa coa representación das traballadoras e traballadores de cada entidade, deixando fóra 32 organismos dos 50 recoñecidos oficialmente, excluíndo ao persoal de xestión da innovación e omitindo as funcións efectivas dos postos, ademais dunha clasificación heteroxénea variábel segundo os criterios propios de cada entidade. Na «elección de destino» de Gain a Axencia di que cadaquén quedará onde estaba e que a toma de posesión será o 1 de setembro.

Proposta de creación do cadro de persoal de investigación de carácter laboral

  • Na reunión da Mesa Xeral de Persoas Empregadas Públicas do 23 de xullo de 2026, a DXEP presentou a memoria funcional da proposta de creación do cadro de persoal de investigación coa relación dos postos que considera afectados polo Decreto 12/2024, regulador da organización, promoción e carreira profesional do persoal investigador laboral da Xunta de Galiza. O devandito decreto estabeleceu un marco común para o persoal investigador e persoal técnico dos organismos públicos de investigación da Xunta, incumprindo a Lei da ciencia ao deixar fóra ao persoal de xestión da innovación
  • Segundo explicou a Administración, após a aprobación do Decreto en xaneiro de 2024, constituíuse un grupo de traballo integrado por varias direccións xerais, entre elas Emprego Público, e Gain. En outubro dese ano solicitaron ás entidades un primeiro listado dos postos afectados e, durante 2025, remitiron un novo requirimento para diferenciar entre postos R3 e técnicos/as de investigación sénior. Con esa información elaboraron esta memoria, sen realizar ningunha avaliación individual dos currículos profesionais das persoas afectadas, nin das súas funcións efectivas actuais. Unha vez aprobada abrirase un proceso voluntario de adscrición para o persoal fixo, que implicará un cambio do vínculo xurídico e a creación dun novo instrumento de ordenación do persoal.
  • Na memoria, identifícanse 167 postos (investigadores/as e técnicos/as) distribuídos nas seguintes categorías:

- Investigador/a establecido/a (R3): 64 postos
- Investigador/a sénior (R4): 4 postos
- Técnico/a de investigación sénior: 32 postos
- Técnico/a superior de investigación: 67 postos

  • Para elaborar esta clasificación, a Administración afirma que tomou como criterio principal se o doutoramento era un mérito ou un requisito para acceder ao posto: se o doutoramento era un mérito, clasificou os postos como técnico/a superior de investigación, mentres que se era requisito clasificounos como técnico/a de investigación sénior ou investigador/a establecido/a (R3), segundo uns criterios indicados polas entidades, dos cales non deron conta.  
  • No caso dos postos R4, a propia memoria indica que se utilizaría como criterio que se tratase de postos de dirección de centros, organismos, unidades ou estruturas de investigación ocupados por persoal doutor. 

A CIG critica a falla de negociación, a clasificación con criterios dispares e a exclusión de persoal e esixe máis tempo 

  • Por parte da CIG puxemos enriba da mesa que se nos remitiu a documentación o venres 17 ás 14:00 horas, apenas uns días antes da Mesa, salientando, ademais, que é a primeira vez que se trae este documento para negociar coa representación sindical. 
  • En consecuencia, solicitamos ampliar o prazo como mínimo até setembro, para poder presentar as nosas alegacións despois de escoitar a nosa afiliación e a todo o persoal, tendo en conta o gran número de organismos e entidades afectadas, a dificultade de contactar co persoal durante o período estival e o feito de que a listaxe presentada xa nace desfasada.
  • O texto do Decreto xa foi debatido e aprobado noutra Mesa Xeral, pero desta vez pretenden aprobar a relación de persoal afectado sen que previamente esta relación fora consultada coa representación de cada centro de traballo. Solicitamos que se trate nos órganos de representación de cada organismo-consellaría como paso previo a traelo aquí. 
  • O cadro de persoal abrangue só 19  das 50 entidades declaradas no ámbito da investigación, sen motivar as exclusións. Engaden unha entidadade que non está entre esas 50.
  • Non existe unha descrición funcional individualizada nin un sistema común de valoración de postos. Solicitamos información concreta de como se fixo a clasificación dos postos:

- Criterios obxectivos aplicados
- Metodoloxía
- Documentación ou informes empregados
- Órgano responsábel da clasificación

  • A clasificación depende excesivamente das RPTs históricas, do doutoramento, do certificado R3/I3 e do criterio manifestado por cada organismo.
  • Postos equivalentes reciben categorías diferentes e postos distintos reciben a mesma categoría sen comparación horizontal.
  • Non se separan con precisión investigación, apoio técnico, control oficial, servizos tecnolóxicos, transferencia e xestión.
  • Os niveis R3 e R4 non se sustentan en indicadores verificábeis de autonomía e liderado científico.
  • Non se analiza a figura do persoal de xestión da I+D+i nin a exclusión de entidades como Gain, entre outras moitas (un total de 30).
  • Non presenta un estudo de impacto de xénero.
  • A motivación é insuficiente para unha decisión que condicionará carreira, promoción, mobilidade, avaliación e potencial retribución futura.
  • Non temos ningunha información en canto aos criterios económicos, procedemento e tempos de aplicación.

A directora xeral de Emprego Público rexeita o noso pedimento e mantén o prazo para presentar alegacións até o martes 28 de xullo. Comprométese a enviar unha memoria económica, tal como reclamamos.

A nosa conclusión é que a Xunta quere meter neste novo cadro a todo o persoal investigador con calzador e sen negociación real, con condicións económicas, de mobilidade, de estrutura e funcionamento sen definir, e con vacacionalidade e aleivosía.

Rolda de intervencións: elección de destino de Gain

Por parte da CIG expoñemos o seguinte:

  • O 2 de xullo de 2025 presentamos un escrito solicitando as características dos postos, xa que non existe RPT deste persoal. Gain non respondeu.
  • O 2 de xullo de 2026 presentamos outro escrito reiterando que se nos facilitasen as características económicas e outras dos postos. Non houbo resposta de Gain.
  • O 22 de xullo a Axencia publicou a convocatoria de elección de destino e as instrucións correspondentes.
  • A orde de prelación no proceso queda totalmente inutilizada, dado que todas as prazas se diferencian unicamente no código de RPT (agás 4 postos que están en Ferrol, e algún pertencente a Igape ou Industria).
  • Os códigos de todos os postos  responden á codificación da Consellaría de Educación, pero unha vez consultada a RPT, ningún dos postos figura nela.
  • Os postos carecen das características mínimas: non figuran requisitos, méritos, características económicas (complementos, etc.).

Motivo polo que preguntamos:

  • Onde está a columna de onde se sitúan os postos, como nas restantes ofertas de destino, tal e como fixeron noutras Axencias Aquí fanse depender todos os postos de Gain da Dirección?
  • Vai impedir que as persoas elixan posto para despois á hora de facer a RPT distribuílos ao seu gusto?
  • Cales son os complementos de cada posto?
  • Que requisitos e méritos teñen os postos?
  • Chegou algunha renuncia máis? Hai persoal que figura na elección de destino dos procesos convocados por Función Pública.
  • Cal vai ser a data de toma de posesión?

Únicas respostas de Gain:

  • «Polo bo funcionamento todo o mundo ten que seguir onde está».
  • A dirección de Gain determinará, unha vez que o persoal elixa destino e tome posesión, que funcións fará no posto adxudicado (para que fagan o mesmo que facían).
  • A toma de posesión pretenden facela o 1 de setembro.

Outras novas recentes

Luns, 20 Xullo 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo de educación infantil e auxiliar coidadores

No DOG do 20/07/2026 publican a RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A2, escala de técnicos facultativos,...
Luns, 20 Xullo 2026

Esiximos novas avaliacións de riscos para gardas e axentes ambientais

A CIG reclama avaliacións de riscos para todo o persoal axente ambiental e garda de recursos naturais en base as novas directrices do INSST Nestes días estamos a solicitar á Xunta a elaboración de novas avaliacións de riscos laborais adaptadas á Lei 4/2024, básica de axentes forestais e medioambientais, e ás novas directrices do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no...
Luns, 27 Xullo 2026

Apertura do prazo posesorio do concurso de traslados da Administración xeral

No DOG do 27/07/2026 publican a RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se modifica a Resolución do 13 de abril de 2026 pola que se resolve o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, e se abre o prazo posesorio dos postos...