Novas por contido

Nestes días vanse dar máis postos en comisión de servizos que no concurso de traslados de corpos xerais.

Remata un concurso de traslados de corpos xerais e volven dispararse as comisións de servizo. Nada novo baixo o sol da Administración da Xunta: dende o 16 de setembro de 2026 (día seguinte ao da resolución do concurso) xa se concederon 292 postos en comisión de servizo. Isto non é case nada se temos en conta que xa hai publicados 395 postos máis, é dicir, 687 postos en tan só 15 días. Isto é a punta do iceberg, xa que se espera que de aquí ata novembro se movan máis de 2.000 postos. Máis prazas que no concurso de corpos xerais. 

O problema non son as comisións en si, que son unha ferramenta “excepcional e necesaria para cubrir determinadas urxencias”, o problema é cando a Xunta as converte no sistema habitual de provisión de postos.

E para que haxa tantas comisións, primeiro hai que fabricar as condicións perfectas:

  1. Escalas que pasan unha eternidade sen poder concursar e enlentecemento progresivo dos concursos nos corpos xerais (superándose xa amplamente o intervalo de dous anos entre concursos)

  2. Concursos que tardan anos en resolverse

  3. Postos vacantes que “inexplicabelmente” quedan fóra das convocatorias

  4. Comisións de servizo encadeadas, cruzadas ou simplemente alongadas fora da norma como denunciamos aquí e a xustiza sentenzou e obrigou a Xunta a xustificar as prórrogas

Mentres tanto, quen precisa promocionar, conciliar ou achegarse ao seu domicilio acaba dependendo dunha comisión de servizo, pedindo favores para acadar o que tiña que ser un dereito. Porque si, porque segue sen haber un baremo obxectivo, e volvemos preguntarnos por que non fan o lóxico, o CONCURSO PERMANENTE.

En definitiva, as comisións de servizo son un negocio redondo para a Xunta: non convoca concursos coa periodicidade necesaria, non oferta todas as vacantes e despois presenta as comisións como a solución ao problema que ela mesma creou, xerando unha rede clientelar que silencia a revolta que deberiamos estar a facer os funcionarios e funcionarias, polos nosos dereitos e o noso salario.

Outras novas recentes

Mércores, 21 Outubro 2026

A loita polas condicións laborais do Persoal Non Docente dos centros de ensino

Logo de anos de loita semella que comeza a verse algo de luz ao final do túnel, estamos expectantes ante a reunión que nos agarda. Creemos que é fundamental unha regularización e actualización das funcións así como dotar dunha estrutura organizativa departamental encamiñada á profesionalización, acorde coas novas realidades técnicas  e  que dea resposta ás necesidades...
Venres, 23 Outubro 2026

Voto en contra do PP a máis cursos de galego e á xornada completa do persoal lingüista (Pleno do Parlamento do 20/10/26)

Un grupo nutrido grupo de lingüistas e unha representación da CIG acudimos ao Pleno do Parlamento o 20 de outubro, onde se debateu sobre a situación límite que está a soportar este persoal e a altísima demanda de formación en galego desatendida ano tras ano pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP). O BNG presentou unha iniciativa para ampliar a dotación de cursos...
Luns, 19 Outubro 2026

Destinos e convocatoria oposicións (axen. ambientais, c2-cociña, coidador, subalterno, limpeza, e P.I. administrativo) (MSF 16/10/26)

Na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF), discutimos coa Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP), as bases das convocatorias de varios procesos selectivos. Na rolda aberta de intervencións, a DXEP deu información sobre a convocatoria de elección de postos de diversas escalas. Convocatoria de procesos selectivos Respecto das...