Novas por contido

Nos últimos días coñecéronse novos anuncios de comisións de servizo na Consellaría do Medio Rural. Algunhas delas corresponden a prazas que xa foron adxudicadas de forma definitiva o 16 de outubro, e cuxas persoas titulares aínda nin sequera tomaron posesión. O persoal funcionario interino que se atopa ocupando esas prazas non foi cesado. Esta situación non é un feito illado, senón a mostra dun problema estrutural e prolongado no tempo na xestión do persoal público galego. Unha práctica irregular convertida en norma!

O 20 de outubro publicouse no DOG a resolución para as tomas de posesión das persoas  participantes nos concursos de traslados dos corpos especiais, e os destinos definitivos das diferentes convocatorias pendentes de acceso libre e estabilización. Trátase dun concurso de traslados que levaba máis de 12 anos sen convocar, e o problema é que, logo de tantos anos, e de ser un concurso de traslados tan accidentado, é posible que en tres meses quede totalmente desvirtuado.

Isto obedece a diferentes motivos, entre os que salientamos algúns, como que as persoas que se atopan ocupando prazas de libre designación que concursaron, automaticamente volven ás prazas de libre designación. Isto acontece por non teren a esixencia de permanecer un tempo mínimo nas prazas ás que concursaron. Se a isto lle engadimos a situación fraudulenta das prazas de concurso específico, observaremos como nos vindeiros meses van promover decenas de comisións de servizos que, como xa sabemos, se conceden de xeito totalmente clientelar.

Especialmente grave é o que aconteceu nas escalas de agronomía, onde, por poñer un exemplo, houbo dúas prazas, unha no FOGGA e outra en Infraestruturas agrarias, que quedaron vacantes após a publicación da convocatoria do concurso de traslados e fóronlle ofertadas a persoal funcionario que se atopaba pendente de lle seren adxudicados os destinos definitivos. Pola contra, houbo a redor de 60 prazas que quedaron vacantes após a resolución do concurso de traslados e non se lles ofertaron ao persoal funcionario ao que lle había que adxudicar un destino definitivo.

As informacións que están chegando á CIG sinalan que son prazas con moitas responsabilidades e é necesario que estean ocupadas, porque se trata de prazas de infraestruturas agrarias (concentracións parcelarias). Tamén son prazas que teñen que ver coas axudas da PAC e é fundamental a súa cobertura, máxime nesta época do ano, para o peche do exercicio económico.

Agora vemos de maneira continua como se publican anuncios de comisións de servizos para a cobertura destas prazas, polo que é evidente que a Consellaría do Medio Rural, lonxe de regular e controlar as comisións de servizo, o que fai é incentivalas de xeito opaco e clientelar.

Nos últimos anos, a Administración vén mantendo unha práctica sistemática de eludir a convocatoria dos concursos específicos, optando pola cobertura prolongada das prazas mediante comisións de servizo ou persoal funcionario interino, no lugar de convocar os procedementos ordinarios de provisión que marca a lei. Esta forma de actuar, alén de carecer de xustificación, constitúe unha evidente fraude de lei, pois mantén ocupadas durante anos prazas de carácter estrutural que deberían ser provistas con persoal funcionario de carreira mediante concurso específico.

A Xunta de Galiza adoita ampararse en supostos motivos de “interese xeral” para xustificar esta práctica, pero o resultado é a perpetuación dun sistema de cobertura irregular, que impide a mobilidade real, limita a promoción profesional e xera desigualdades entre o persoal.

Mentres se defende publicamente a transparencia e a estabilidade no emprego público, mantéñense bloqueadas prazas estruturais ocupadas irregularmente, incumprindo o límite legal de dous anos establecido no artigo 96.1 da Lei 2/2015, do Emprego público de Galiza. Esta política de feitos consumados desvirtúa os procesos de provisión de postos, reduce as oportunidades de acceso en condicións de igualdade e xera un clima de arbitrariedade e inseguridade xurídica incompatible cos principios de mérito, capacidade e publicidade que deben rexer o emprego público.

🚫 As consecuencias directas desta situación son as seguintes:

  • Bloquéase o acceso do persoal de carreira ás prazas vacantes.
  • Redúcese o número de postos ofertados nos concursos ordinarios.
  • Foméntase a opacidade e discrecionalidade na xestión de persoal.
  • Vulnéranse dereitos básicos recollidos no artigo 23.2 da Constitución Española e na Lei 2/2015 do Emprego Público de Galiza.
  • Perpetúase unha temporalidade estrutural que contradí os principios de estabilidade e profesionalidade na función pública.

Por iso, PROPOÑEMOS E ESIXIMOS:

  1. A convocatoria inmediata dos concursos específicos pendentes en todas as consellarías, especialmente na Consellaría do Medio Rural.
  2. A limitación efectiva das comisións de servizo ao seu carácter temporal e excepcional, así como a eliminación progresiva da cobertura de prazas estruturais con persoal interino cando proceda a súa provisión por persoal funcionario de carreira.
  3. A publicación de criterios obxectivos, públicos e verificables para a adxudicación das comisións de servizo.
  4. A actuación da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal  para garantir a legalidade, transparencia e igualdade na xestión do persoal público.
  5. Convocatorias dos concursos de traslados permanentes e abertos como se fai noutras administracións.

Conclusión

O abuso das comisións de servizo e a cobertura prolongada de prazas con persoal interino non son cuestións técnicas nin anecdóticas, senón un problema estrutural que afecta á calidade, equidade e credibilidade da Administración pública galega. Dende a CIG esiximos unha actuación inmediata e decidida para poñer fin a esta situación de fraude de lei, restaurar os principios de mérito e capacidade e garantir unha función pública profesional, estable e transparente ao servizo do interese común.

Outras novas recentes

Martes, 20 Outubro 2026

Destinos limpeza, cociña, mantemento, RRNN, etc. (DOG 30/09/26), inspección consumo, inspección turismo, veterinarios/as-2024. Convocator...

Información da Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario, do 20/10/26: Nomeamento das escalas convocadas a escoller destino no DOG 30/09/26 (limpeza, cociña, mantemento, RRNN, etc, que agrupou 18 convocatorias de procesos selectivos: afirma a DXEP que publicarán a resolución co nomeamento e destino adxudicado no DOG do 30/10/26. En canto á data de toma de...
Luns, 19 Outubro 2026

Convocatoria promoción interna A2-Inspección de consumo (para MSF 20/10/26)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convoca Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario para o martes 20 de outubro, para discutir a convocatoria da promoción interna á escala de inspección de consumo, subgrupo A2. Descargar. Outra vez nos envían a documentación sen tempo abondo para a súa difusión e preparación, sen unha negociación...
Venres, 23 Outubro 2026

Voto en contra do PP a máis cursos de galego e á xornada completa do persoal lingüista (Pleno do Parlamento do 20/10/26)

Un grupo nutrido grupo de lingüistas e unha representación da CIG acudimos ao Pleno do Parlamento o 20 de outubro, onde se debateu sobre a situación límite que está a soportar este persoal e a altísima demanda de formación en galego desatendida ano tras ano pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP). O BNG presentou unha iniciativa para ampliar a dotación de cursos...