Algúns departamentos de persoal están a esixir documentación innecesaria ás persoas que toman posesión de posto de concurso de traslados ou ás de novo ingreso. Documentación innecesaria porque ou xa foi presentada ante quen ten a competencia de verificar o cumprimento dos requisitos, ou por conter datos que non hai razón para entregalos.
O primeiro, e máis grave, é a esixencia da fotocopia da tarxeta sanitaria que solicitan tanto ás persoas de concurso como as de novo ingreso. Quen teña este documento non vai poder acceder ao teu historial médico, pero si vai poder acceder e coñecer as túas consultas médicas programadas ou pendentes, e mesmo solicitar ou anular unha cita. En realidade, o único dato que necesitan nos departamento de persoal é o NUSS (número de afiliación á seguridade social). Este número podes obtelo dende o web da Tesorería da Seguridade Social, e tamén é un dos que constan na tarxeta sanitaria. Así que entrega ese número, pero non a totalidade da fotocopia da tarxeta sanitaria. E se xa a entregaches, reclama que destruan a fotocopia.
En canto a solicitar o DNI, entendemos que é correcto. Pero non teñen dereito a ter a totalidade dos datos do documento. Por exemplo, o equipo de expedición, a data de validez, ou o número de soporte, non teñen ningún valor para a Administración, e pola contra, son datos de interese para realizar algún trámite e que non deben circular. Non teñen ningún dereito a escanear a totalidade do DNI; no seu lugar, entregao con datos tapados. Se manteñen a esixencia de escanealo todo, tes a posibilidade de poñer unha denuncia ante a Axencia Española de Protección de Datos.
Tanto para a tarxeta sanitaria, como para o DNI, é aplicable o principio de minimización de datos do RUE 16/679 no seu art. 5.1.c como dereito do interesado: deben ser pertinentes, adecuados e limitados.
Outros documentos que están a solicitar, neste caso ás persoas de novo ingreso, son os títulos académicos, certificado Celga, certificado negativo de delitos sexuais, ou o certificado médico. Estes documentos xa os tiveches que entregar á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) como requisito para que che nomeasen persoal funcionario e, no caso do certificado de delitos sexuais, para o destino de determinados postos de traballo.
Dunha banda, dicir que a DXEP é a competencia para requirir e verificar esa documentación, non os departamentos de persoal (non é a súa función). Pero inda que si tivesen esa competencia, o art. 28.2 da Lei 39/2015 di que non hai que presentar documentos que xa ten a Administración ou que elaborou ela. A maiores, o art. 53.1.d da mesma norma recolle o dereito a non presentar documentos que xa están en poder da Administración. Que o centro non teña acceso ao teu Fides (onde están eses documentos que subiches e xa están verificados), é un problema interno de coordinación entre órganos da mesma Administración, non unha carga para a persoa traballadora que non ten por qué asumir. Se o necesitan por algún motivo, que llo soliciten á Dirección Xeral de Emprego Público ou que o arranxen, que é o seu deber. Só falta que as persoas traballadores teñan que resolver os problemas de coordinación interna.
Certo que o certificado médico ten un tempo de validez. Pero entendemos que ese tempo non se computa dende que tomas podesión do posto, senon dende que a DXEP cho solicitou (que necesariamente foi antes do nomeamento). Só no caso de que existise algunha dúbida certera que cuestionara o mantemento das condicións de saúde, poderían ter argumentos para reclamar novamente o certificado médico. E iso collido con pinzas: buscamos e rebuscamos na lexislación vixente e non atopamos base legal algunha que sirva de sustento para que os departamentos de persoal teñan capacidade para volver a reclamar o certificado médico xa presentado (en todo caso, sería unha cuesitón da DXEP).
O documento que si é necesario entregar no departamento de persoal é o modelo 145 da Axencia Tributaria, que serve para comunicar os datos para a aplicación do IRPF que corresponde.
En conclusión:
- Non entregues a tarxeta sanitaria, entrega tan só o NUSS
- Entrega o DNI para escanealo con algúns datos tapados (podes utilizar notas adhesivas)
- Non tes que entregar a documentación que xa entregaches antes de ser nomeado persoal funcionario (titulos académicos, celga, certificado negativo de delitos sexuais, e certificado médico). Xa os ten a Administración, e xa foron revisados e validados por quen ten a competencia de facelo
