Novas por contido

Segundo o acordado na xuntanza do xoves, 15 de decembro, presentamos por escrito as nosas consideracións sobre o Decreto de Competencias Dixitais ante o director xeral de Función Pública. Estas consideracións serán estudadas nunha vindeira xuntanza que terá lugar previsiblemente este mércores e na que tamén estará presente a Secretaría Xeral da Modernización Tecnolóxica.

En primeiro lugar, dada a complexidade e relevancia dos efectos deste decreto e a ausencia de negociación coas organizacións sindicais, consideramos que cómpre a súa retirada, así como a mora na súa aplicación mentres non sexan negociados coas organizacións sindicais todos os aspectos que afectan aos empregados públicos, deixando constancia da nosa disposición para recorrer contra o dito decreto ante os tribunais de xustiza se non se acada unha solución satisfactoria

En todo caso, solicitamos que se nos proporcionen aclaracións sobre as cuestións seguintes relacionadas coa entrada en vigor do devandito decreto, dado que foi aprobado sen a negociación preceptiva coas organizacións sindicais representativas:

1. En relación coa previsión do artigo 4 do decreto de que a nova certificación de competencias dixitais poida establecerse como requisito de participación en procesos de provisión de postos e selección de persoal:

  • Consideramos, en primeiro lugar, que se lle debe garantir a todo o persoal da Administración a formación esixida para obter a referida certificación con anterioridade ao seu establecemento como requisito indispensable de participación en procesos de provisión de posto ou selección de persoal.

  • Entendemos, en segundo lugar, que é necesario por parte da Administración un compromiso firme e inequívoco de que a previsión do artigo 4 do decreto 21/2011 non será efectiva mentres non se reformen os actuais decretos 93/1991 de provisión de postos e 95/1991 de selección de persoal, deixando claro que non será de aplicación para os procesos próximos ou en curso, como é o caso dos procesos de consolidación de persoal laboral ou os vindeiros concursos de traslado de persoal laboral ou funcionario.

  • É necesario, por outro lado, concretar se a implantación da certificación terá iguais repercusións para todos os grupos de clasificación de empregados públicos, ou se está previsto que só afecte a aqueles corpos ou categorías nas que prime un perfil que precise o manexo de ferramentas ofimáticas. Neste sentido, demandamos información sobre se existen previsións de incorporar esta certificación como mérito ou requisito nas Relacións de Postos de Traballo e, de ser así, as súas condicións e efectos, demandando que se regulen con carácter xeral.

  • Tendo en conta que o artigo 56.3 do Estatuto básico do empregado público dispón que, para o acceso ao emprego público poderá esixirse o cumprimento doutros requisitos específicos que garden relación obxectiva e proporcionada coas funcións asumidas e as tarefas a desempeñar. En todo caso, deberán establecerse de maneira abstracta e xeral, consideramos que debe aclararse se, para os efectos previstos no artigo 4 do decreto 218/2011, admitirase a validez das certificacións de competencia profesional emitidas por outras Administracións Públicas.

Así mesmo, entendemos que debe aclararse que disposicións se tomarán para compatibilizar a esixencia da certificación de competencias dixitais como requisito indispensable para participar en procesos de provisión e selección  co mantemento da libre concorrencia en condicións de igualdade, mérito e capacidade no acceso ao emprego público de todos os cidadáns.


2. Consideramos que, con carácter urxente, debe proporcionárselle a todo o persoal información clara e exhaustiva sobre as condicións de recoñecemento e validación dos contidos esixidos para obter a certificación de competencias dixitais:

  • Debe concretarse se serán válidos os cursos da EGAP anteriores a 2011 cuxos contidos sexan materialmente equivalentes aos cursos da actual convocatoria; así mesmo, debe aclararse se serán válidos só cursos de contido exclusivamente ofimático, ou tamén aqueles outros como os de Xefatura de Negociado, que conteñen formación ofimática equivalente.

  • Debe explicarse se é posible obter a certificación acreditando os coñecementos de maneira mixta, en parte por medio de cursos formativos e en parte a través de probas libres.

  • Debe clarificarse a validez dos cursos sobre as materias obxecto da certificación impartidos polas organizacións sindicais no marco dos acordos de formación oficiais AFCAP e AFEDAP.

  • Debe facilitarse unha relación completa das titulacións universitarias e de formación profesional que serán validadas para os efectos de obter a certificación.


3. En relación coas previsións do decreto 218/2011 de que a formación poida ser impartida por medio de organismos ou entidades colaboradoras, demandamos que se concrete que tipo de organizacións serán recoñecidas para estes efectos e baixo que condicións (outras AAPP, universidades, empresas privadas, academias de oposicións...).

Neste sentido, consideramos que debe respectarse por parte da Xunta de Galicia o marco de colaboración das organizacións sindicais na formación dos empregados públicos disposto nos acordos AFCAP e AFEDAP, sempre partindo da premisa de que o custo da formación dos empregados públicos para o posto de traballo debe ser asumido pola Administración e non polos propios traballadores, especialmente tendo en conta que o decreto 218/2011 anticipa a certificación de competencias dixitais sexa requisito indispensable para participar en concursos de traslado e procesos selectivos de promoción interna.


4. En relación coas probas libres para acreditar os coñecementos esixidos na certificación, consideramos que cómpre descentralizar a súa realización en todo o territorio para lle facilitar a todo o persoal o acceso ás ditas probas, ademais de garantir unha realización periódica das probas que permita que todo o persoal poida acceder a elas progresivamente segundo adquira a formación necesaria. Así mesmo:

  • Entendemos que, dado que se procura promover e facilitar a adquisición de competencias ofimáticas, deberían abrirse ao acceso de todo o persoal os contidos dos cursos de ofimática da páxina web da EGAP.

  • Consideramos que se debe aclarar se a superación das referidas probas será asimilada  á realización de cursos formativos e recoñecida para os efectos de computar no apartado de formación nos vindeiros concursos de traslados.

  • Neste sentido, consideramos tamén de interese que se aclare se existe algunha previsión sobre como afectará a entrada en vigor da certificación de competencias dixitais ao sistema de valoración da formación en ofimática en concursos de traslado e procesos de selección.

  • Solicitamos que a inscrición nas probas libres non compute para os efectos do límite máximo anual de cursos formativos que se poden solicitar na EGAP.


5. En relación co sistema de actualización da certificación de competencias dixitais prevista no decreto 218/2011, entendemos que debe aclararse se a non actualización da certificación pasados cinco anos limitará a súa validez para os efectos de participación en procesos de provisión de postos e selección de persoa.   


Outras novas recentes

Martes, 23 Decembro 2025

A CIG nin frea a suba salarial, nin anulou a carreira. Máis bulos de CSIF

O luns 22 de decembro tivemos a sorpresa de Nadal. Segundo CSIF a CIG frea a suba salarial acordada por eles, entre outros, para os seguintes catro anos. En primeiro lugar, a CIG impugna un acordo, non o Real Decreto-lei que mantén as ridículas subas, co cal esas subas están garantidas. Como explicamos aquí, isto non implicaría en ningún caso o decaemento do RD-lei que...
Luns, 29 Decembro 2025

Convocatoria de concurso-oposición de diversas clases da escala de saúde pública (Lei 17/1989)

No DOG do 29/12/2025 publican a RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso en diversas clases de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro). Convócase concurso-oposición para o ingreso nas clases de persoal...
Martes, 30 Decembro 2025

Fin do bloqueo á xubilación anticipada de axentes ambientais e bombeiras/os forestais: regúlanse as cotizacións

Publícase o Real Decreto-lei que regula as cotizacións adicionais do persoal bombeiro forestal e axentes ambientais e que desbloquea a xubilación anticipada do persoal axente ambiental A CIG-Autonómica valora positivamente a publicación no BOE do Real Decreto-lei 16/2025, do 23 de decembro, que regula as cotizacións adicionais para axentes forestais, ambientais e persoal...