Novas por contido

Rematados os concursos de traslados de SPDCIF e axentes ambientais, a CIG volveu a preguntar na Mesa Xeral de Empregados Públicos do luns 4 de decembro, polas previsións das negociacións e convocatorias dos concursos de traslados. Unha vez máis deixamos claro que queremos que se convoquen TODOS os concursos para TODAS as escalas, de xeito que poidan estar resoltos TODOS a 31/12/2024.

A resposta do director xeral de Función Pública (DXFP) foi que "tentarán en xaneiro comezar coas escalas sociais ou administración especial", sen maior concreción ou compromiso. E nin unha palabra dos corpos xerais nin das escalas de administración xeral.

Eso si, tira das orellas aos sindicatos porque lle pedimos máis prazo para ver as cousas, pois segundo el iso é incompatible con pedir que se convoque todo. Esquece o DXFP que o que pedimos os sindicatos é que nos deixen algún día para ver as cousas, non que envíen a documentación un venres ás 14h para unha xuntanza do luns ás 10h, por exemplo. Iso sen ter en conta que o atraso en Función Pública mídese en anos, non en días.

A Oferta de Emprgo Público (OEP) do ano 2023 para as escalas sanitarias (Lei 17/1989), pasou o luns 4 de decembro pola Mesa Xeral de Empregados Públicos. Sobre o mesmo tiveramos unha xuntana previa coa Consellería de Sanidade o venres 1.

A proposta que traen é para cubrir 19 postos. Corresponde, segundo informaron, cunha taxa de reposición de efectivos do 110%, por 19 vacantes e un reingreso. A forma de acceso será concurso-oposición.

A CIG solicitou información das escalas ás que corresponden as vacantes para verificar que existe un equilibrio entre a oferta e as vacante.

Respecto da promoción interna, limítanse a dicir que cumprirán co mínimo legal, o que equivale a dicir que será do 25%. A CIG defende que sexa do 50%, máis tendo en conta que nalgunhas clases son números tan baixos que nin se vai poder aplicar o 25%. E na liña do que defendemos en todas as promocións internas, queremos que permitan a promoción horizontal dende outras escalas do mesmo subgrupo, e vertical dende outras escalas do subgrupo inferior, tanto de administración especial como xeral.

Limítanse a dicir que as respectivas convocatorias establecerán “o carácter” da proba de galego. Esto é, que máis adiante decidirán se é eliminatoria ou non, e pola experiencia de anos anteriores, unha persoa pode obter praza cunha nota de cero puntos na proba e, xa que logo, sen capacidade de atender no seu idioma a algún cidadán.

A previsión é que a OEP quede aprobada na Comisión de Persoal do luns 11 de decembro.

 Clase  Total prazas  Reserva discapacidade
 ATS/DUE 3  
 Inspector/a médico/a 5 1
 Licenciado/a en bioloxía 2  
 Licendiado/a en farmacia 4 1
 Licendiado/a en psicoloxía  2  
 Licendiado/a en químicas 3  

ANUNCIOS DO DIRECTOR XERAL DA FUNCIÓN PÚBLICA


• Publicada a elección de destino do persoal do SPIF.


• Nos vindeiros dias publicarán A1 e A2 de finanzas.


• Están traballando nas 8 enxeñerías para publicar elección destino tanto de libre como estabilización. Criterios previstos: primeiro os procesos de A1 e logo A2. Destes primeiro os que teñen PI, pode que sexa nuns casos acceso libre e noutros estabilización (depende de si teñen PI).


• Concursos de traslados persoal SPIF e axentes ambientais: do 11 ao 22 abren prazo solicitudes.


• Están traballando na orde de expediente electrónico polo que se podería publicar a resolución para acreditar os méritos dos procesos da Lei 20/2021 “despois de reis”. Comezarán polo A1 e irá en bloques completos. Antes de rematar o ano darán un cronograma.

 

PREGUNTAS DA CIG


• Reapertura do grao 2 da Carreira profesional para o persoal que foi excluído por ir fóra de prazo: NON CONTESTA.


• Queixámonos polas súper présas por, despois de 15 anos de espera, abrir agora o prazo para participar nos concursos de traslados en pleno decembro nas escalas en que a maioría do persoal está de vacacións nestas datas por telas limitadas no verán e Nadal.


• Asuntos propios en Política Social: segundo o DXFP, non hai dereito a 8 dias de AP nos centros e xustifica a negativa porque “ese persoal ten outras compensacións”.


• Solicitamos os criterios de elección de destino das enxeñarías (por escrito) xunto cos buzóns de postos. Comezarán a ofertar polas vacantes ocupadas en CS e interinos de pouca antigüidade xa que é un destino provisional? Veremos que fan finalmente en cada proceso. O que aseguran é que non van tocar prazas ocupadas por interinos/as da Lei 20/21.


• Excedencias: poden quedar se a elección de destino é anterior a entrada en vigor da Lei de medidas (limitan poder quedar en excedencia para ocupar unha praza de interino/a) e por outra parte non afecta a Lei da temporalidade xa que estes non son procesos de estabilización da Lei 20/21 (só se poderá tomar posesión nun proceso). Con isto entendemos entón que nestas eleccións de destino non haberá problema coas excedencias.


• Buzón de postos para a elección de destino dos procesos selectivos de bombeiros da OEP 2019: pídese revisión xa que hai postos ocupados por persoal indefinido non fixo. Non enviaron criterios e o prazo comeza o luns 4 de decembro.

A Administración convoca 4 mesas de negociación en unha hora para dar saída a varias cuestións, entre eles os concursos de traslados de bombeiros e axentes ambientais. Levabamos 15 anos sen concurso e en apenas 2 días sacan as bases sen prazo de alegacións e sen tempo entre Mesa Sectorial e Comisión de Personal. Iso si, nestas bases aceptaron retirar dúas cuestións fundamentais das bases xerais en negociación: a valoración do traballo desenvolvido en comisión de servizos e a caducidade da formación.

Atención: prazo previsto para a presentación de solicitudes entre o 11 e o 22 de decembro

CONCURSO DE PERSOAL BOMBEIRO FORESTAIL E VIXIANTE-EMISORISTA

Non aceptan baixar o mínimo de horas de formación para ser valorada e tampouco formación impartida pola consellería. O tempo traballado será valorado no posto de orixe. Mudan o texto das adscricións provisionais para que a adxudicacións vaian cunha listaxe de postos en orde de puntuación introducindo o seguinte nas bases:

“A adxudicación realizarase de conformidade cos criterios dispostos no artigo 38.3 do D 151/2022, tendo en conta a puntuación obtida e o numero de secuencia dos postos ofertados”

Apróbase en Comisión de Persoal co voto favorable de todas as organizacións sindicais (CIG+CCOO+CSIF+UGT)

CONCURSO DE TRASLADOS DE AXENTES AMBIENTAIS

As bases traen un erro garrafal no ámbito que, de manterse non podería concursar nin un só axente, pois ven para o B. Entendendo que é un erro que correxirán, pero non aclaran se poderán participar os axentes forestais funcionarios de carreira do C2. Solicitamos que corrixan e abran para todas as escalas e postos que son C1/C2.

Valoración de méritos específicos: Algúns postos teñen méritos como o PER para as Illas Atlánticas e o curso superior de investigación de incendios nas UIFO. Pedimos eliminar ambos, xa que o PER é de embarcacións de recreo e non ten sentido xa que non é valido para as profesionais e o curso superior non se lle ofertou a maioría do persoal.

E, se mudan a RPT, deberían meter as prazas das novas unidades, xa que sospeitamos que lle viñeron as presas con este concurso xustamente para asignar os novos postos “a dedo” en comisión de servizo. Non aceptan.

Reitérase que valoren a formación impartida polas consellerías, MITECO e CENEAM pero tampouco aceptan.

Buzón de postos: voltamos solicitar que metan 4 postos de xubilacións recentes e pedimos solución para os postos do buzón (uns están e outros non) que ocupan persoal do C2, tanto de interinos de longa duración (a Administración non quixo sacar as prazas a concurso de méritos) como do persoal das tres oportunidades que tiña que ter pasado a laboral fixo.

O director xeral de Función Pública argumenta que “non poden estabilizar porque non teñen a titulación e que van retirar todas as prazas do buzon do C2”. Pero nos insistimos que todos SI a teñen (a titulación hoxe segundo a LEPG é capataz forestal/ciclo medio). Deses malfaceres coa estabilización da lei 20/2021 veñen hoxe estes líos que afectan ao arredor de 20 prazas e compañeiros.

Como non houbo ningún arranxo destas bases, na CIG abstivémonos na votación na Comisión de Persoal xa que non podemos dar a nosa aprobación cando está cheo de eivas e erros. Pola contra, CCOO, UGT e a CSIF votaron a favor.

 

A consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén de convocarnos a unha xuntanza que terá lugar o 4/12/2023 para tratar a modificación parcial da RPT de Centros de Educación.

Se resulta do teu interese, aquí tes a súa proposta: descargar.

A dirección xeral de Función Pública convocounos a unha Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos para o luns 4 de decembro, para discutir a proposta de Oferta de Emprego Público (OEP) do ano 2023 de escalas sanitarias (Lei 17/1989).

Previamente vamos ter unha xuntanza coa consellería de Sanidade o venres 1.

Achágannos dende a Dirección Xeral de Función Pública o listado de postos que ofertarán para a elección de destino de Emisoristas-Vixiantes Fixos, Bombeiros Forestais e Bombeiro Forestal Condutor Motobomba. Descargar

No DOG do mércores 29/11/23 publicaron a relación de persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo (con corrección de erros no DOG do xoves 30/11/23), que terán que escoller destino provisional segundo se indica no DOG.

Temos en funcionamento unha canle de WhatsApp para enviar información ás persoas que desexen recibila. Podes subscribirte (ou tan só botar un ollo), tanto dende PC como dende móbil, seguindo esta ligazón: https://i.gal/wasapcigaut. Se non te amañas envía unha mensaxe ao 644707434 ou escríbenos.

Dentro de WhatsApp, as canles están no teu móbil en "novidades" (parte inferior da pantalla). Aí terás a nosa canle da CIG-Autonómica e as mensaxes que enviamos.

Por defecto, a subscrición vai ter desactivada as notificacións, polo que non recibirás aviso cada vez que enviemos unha mensaxe. Se queres recibir aviso, terás que activar as notificacións da canle premendo na campá.

Despois de semanas negociando as bases do concurso de traslados de Administración especial (que servirá de modelo para o resto de concursos), o director xeral de Función Pública (DXFP) convocounos para discutir e votar o día 30/11/23 os concursos de traslados das escalas do SPDCIF e de axentes técnicos ambientais.

CONCURSO DE TRASLADOS DA ESCALA DE AXENTES TÉCNICOS AMBIENTAIS

Convocatoria do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de axentes técnicos medioambientais. O borrador vai para a Mesa Sectorial de Negociación de Persoal funcionario e para a votación na Comisión de Persoal. Descargar o borrador e o anexo de postos

CONCURSO DE TRASLADOS DAS ESCALAS DO SPDCIF

Convocatoria do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escalas de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. O borrador vai tamén para a Mesa Sectorial de Negociación do Persoal funcionario e para a votación na Comisión de Persoal. Descargar o borrador e o anexo de postos

RETIRAN AS COMISIÓNS DE SERVIZO E A CADUCIDADE DA FORMACIÓN

Grazas á presión sindical finalmente Función Pública recuou e nestes borradores retiraron os dous principais problemas que existían:

  • Comisións de servizo: no baremo de traballo desenvolvido, o traballo nun posto en comisión de servizos vai ser valorado como no posto de orixe, non no ocupado en comisión. Para a CIG era inaceptable que se valorase como mérito un traballo que se obtiña exclusivamente por decisión arbitraria, sen criterios, sen obxectividade, pola vontade de persoas superiores.
  • A formación non caduca: finalmente os cursos de formación non van caducar aos 20 anos, como insistentemente mantiña o Goberno de Rueda. Así que todo o esforzo na formación vai ser valorado.

OS DEMÁIS CONCURSOS

As últimas intencións manifestadas polo DXFP é que os seguintes concursos serían o de escalas sociais, seguido do resto de escalas de administración especial. Do concurso de administración xeral (corpos xerais e escalas), non sabemos nada, simplemente non resposta cando mesa tras mesa manifestamos que queremos que se convoquen TODOS, para que poidan estar TODOS resoltos a 31/12/2024.

A Xunta publica a licitación da xestión das novas residencias de Compostela e Lugo

O goberno galego renuncia a que a xestión das residencias de maiores doadas pola Fundación Amancio Ortega sexa pública

Segundo un informe do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Galiza está das últimas no cociente entre as prazas en residencias de maiores e as potenciais persoas usuarias. Hai 3,3 prazas por cada 100 persoas con 65 anos ou máis, segundo os datos a setembro de 2022.

Hai 11 comunidades autónomas no Estado nas que o cociente é mellor. Galiza é a terceira comunidade con máis porcentaxe de poboación por enriba de 65 anos, que representan o 26,1% dos habitantes.

Este informe confirma o peso da iniciativa privada neste sector, xa que o 77,4% das prazas que hai na Galiza son privadas e só o 22,6% son públicas. En cifras absolutas, dun total de 22.865 prazas, hai máis de 17.700 en mans privadas e menos de 5.200 en mans públicas; e nas provincias de Pontevedra e Ourense a porcentaxe que controlan as empresas privadas supera o 80%.

Pero a cousa non queda aí, porque varias das residencias públicas son de xestión privada, é dicir: constrúese a residencia con diñeiro público, dótase de material, mobiliario, etc., e despois entrégase a xestión ás empresas privadas, para o que se lle dá unha substanciosa cantidade de diñeiro público para que estas empresas contraten persoal e dean o servizo de atención as persoas usuarias.

No caso das residencias da Fundación Amancio Ortega, a Xunta recibe unhas residencias rematadas e dotadas de material e regala a xestión ás empresas privadas.

Con toda esta febre privatizadora, intrínseca ao modelo de xestión da dereita e extrema dereita, pérdense unha morea de postos de traballo no emprego público, que é o único que garante a calidade do servizo co foco posto nas persoas e o benestar social e non no beneficio empresarial, como xa se veu durante a pandemia da COVID.


Non ao expolio dos recursos públicos! O público é servizo, o privado beneficio!!

Outras novas recentes

Mércores, 21 Outubro 2026

A loita polas condicións laborais do Persoal Non Docente dos centros de ensino

Logo de anos de loita semella que comeza a verse algo de luz ao final do túnel, estamos expectantes ante a reunión que nos agarda. Creemos que é fundamental unha regularización e actualización das funcións así como dotar dunha estrutura organizativa departamental encamiñada á profesionalización, acorde coas novas realidades técnicas  e  que dea resposta ás necesidades...
Luns, 19 Outubro 2026

Destinos e convocatoria oposicións (axen. ambientais, c2-cociña, coidador, subalterno, limpeza, e P.I. administrativo) (MSF 16/10/26)

Na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF), discutimos coa Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP), as bases das convocatorias de varios procesos selectivos. Na rolda aberta de intervencións, a DXEP deu información sobre a convocatoria de elección de postos de diversas escalas. Convocatoria de procesos selectivos Respecto das...
Luns, 19 Outubro 2026

Convocatoria promoción interna A2-Inspección de consumo (para MSF 20/10/26)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convoca Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario para o martes 20 de outubro, para discutir a convocatoria da promoción interna á escala de inspección de consumo, subgrupo A2. Descargar. Outra vez nos envían a documentación sen tempo abondo para a súa difusión e preparación, sen unha negociación...