- Detalles
Terá lugar o vindeiro día 14 de xuño, ás 12:00 h, na Illa de Arousa
Dende a CIG chamámosche á participación masiva na mobilización convocada polas plataformas Ulloa Viva, contra a mina de Touro e en Defensa da Ría de Arousa para o vindeiro día 14 de xuño. A marcha de terra arrancará da praia do Vao, na Illa de Arousa, ás 12:00 h, baixo o lema «Pola defensa do Ulla e da Ría de Arousa. Re-matemos Altri e a mina de Touro-O Pino».
Esta manifestación forma parte da campaña comezada no mes de marzo, coa recollida de sinaturas, para exixirlle a Rueda o peche definitivo de Altri e da mina de Touro e demandarlle ao Goberno galego que proceda á denegación definitiva e posterior arquivamentos de ambos os dous proxectos.
Até hai unhas semanas, a Xunta mantiña que Altri «estaba morto» pero, malia estas afirmacións, e a piques de rematar o prazo, a empresa presentou alegacións a favor do proxecto. Na nota de prensa, a compañía di que nesas alegacións achegan unha solución ao problema do subministro eléctrico, que é a mesma que xa figuraba cando presentaron o proxecto en marzo de 2024. Altri minte dende o primeiro día e segue a mentir agora, como cando dixo en 2023 que non se implanta en territorios nos que a xente non os quere.
Mina de Touro-O Pino
A mina de Touro-O Pino, tanto o primeiro proxecto como o segundo, supoñen un impacto ambiental negativo e son esencialmente iguais. A recente sentenza do TSXG anula a declaración da Xunta sobre o primeiro proxecto en xaneiro de 2020 só porque se fixeron mal os trámites. Reclamamos que se manteña a declaración de impacto ambiental negativa neste proxecto, así como o que Cobre San Rafael presentou en 2024, coa fraude de que é o mesmo proxecto, pero cunha nova lei que nos deixa máis indefensas que no proxecto de 2017, xa que a actual tramitación limita moito máis o dereito de defensa.
Os anuncios feitos pola conselleira no Parlamento sobre novos dereitos mineiros teñen unha realidade tráxica co proxecto da mina de Touro-O Pino. Digan o que digan dende a Xunta ou dende calquera ámbito xudicial, a actividade mineira de Cobre San Rafael implica un risco moi elevado para a veciñanza dos concellos afectados e representa un novo intento de espoliar os nosos recursos. Queren impoñernos unha herdanza envelenada, afondar o papel colonial e subministrador de recursos a outros territorios mentres en Galiza avanza a desertización económica e social, mentres sectores produtivos que xeran riqueza e asentamento de poboación no territorio se ven arrasados.
Crítica situación da Ría de Arousa
Todo isto cando é moi crítica a situación que atravesa a Ría de Arousa, cun deterioro constante das súas condicións sen que a Xunta asuma a súa responsabilidade. Mais ben ao contrario, o que fai a Xunta é promover estes proxectos e outros como a planta de betume de Vilagarcía ou o punto de vertedura dos dragados do Lérez na boca de Sálvora. Proxectos que son unha ameaza para a ría e que van en contra de milleiros de familias que viven honestamente dela.
Altri e a mina de Touro-O Pino representan un conflito ambiental, territorial e social que segue máis vivo ca nunca, é un conflito no que nos xogamos o dereito a vivir e a traballar na nosa terra, porque nos impoñen un proxecto depredador.
Por todo isto, dende a CIG facemos un novo chamamento á mobilización en defensa da ría e para rexeitar todos os proxectos que a poñen en perigo.
Autobuses fletados pola CIG
- Pontevedra: saída ás 10:30 h desde o Pavillón dos Deportes. Inscrición no 986 847 610.
- Lugo: saída ás 8:45 h desde o edificio sindical. Inscrición nos teléfonos 982 225 812 e 616 950 778 (WhatsApp).
- Ferrol: saída ás 9:00 h desde o local da CIG en Esteiro, con paradas en Caranza, Fene e Vilar do Colo. Inscrición no 981 358 750 ou en ferrol@galizacig.gal.
- Santiago de Compostela: saída ás 10:15 h desde o campo Vero Boquete. Inscrición no 627 912 542 (ata o 10 de xuño).
- A Coruña: saída ás 9:00 h desde o Campo da Leña, con paradas en San Pedro de Mezonzo e no edificio sindical (SEAT). Inscrición no 981 169 293.
- Val Miñor-Vigo-Redondela: saída ás 9:45 h da Ramallosa, ás 10:15 horas do local da CIG en Vigo e ás 10:30 horas de Redondela-Chapela. Inscrición no 986 827 900 (ata o venres 12).
- Ourense: saída ás 9:30 horas desde o Pavillón dos Remedios, con parada ás 9:50 h na rotonda de Viña Costeira. Inscrición nos teléfonos 988 782 726 e 674 227 824.
Non faltes!!

- Detalles
A CIG denuncia que o nomeamento da nova dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) constitúe a crónica dun enchufe anunciado e exemplifica un padrón cada vez máis habitual na Xunta do PP, cando pretende favorecer unha persoa determinada: primeiro modifica o posto, despois adapta os requisitos de acceso e, finalmente, nomea a persoa que encaixa exactamente no novo deseño da praza. Por iso afirmamos que non se trata dun episodio illado, nin dunha decisión discrecional máis da Administración, senón dunha cadea de decisións que remata chocando coa propia Lei de museos de Galiza aprobada pola Xunta en 2021.
Imaxes da protesta SÓS CGAC o 12 de xuño de 2026 ante o conselleiro, o director xeral e a nova directora
Primeiro paso: modificar a praza
A dirección do CGAC xa era un posto de libre designación e non precisaba modificar o seu sistema de provisión. Porén, poucas semanas antes da convocatoria modificouse a RPT para ampliar de maneira significativa quen podía acceder a el.
Até febreiro de 2026, a praza estaba configurada como un posto de libre designación do subgrupo A1, adscrito ao corpo Xeral e á especialidade de Museos (ESB3), reservado exclusivamente ao persoal funcionario da Administración Xeral da Xunta de Galiza (AXG). Após a proposta presentada na Mesa Sectorial do 20 de febreiro, aprobada pola Comisión de Persoal o 26 de febreiro e publicada no DOG o 12 de marzo, o posto pasou a estar aberto a persoal doutras administracións públicas e ao persoal docente destinado na comunidade autónoma galega (A20). Para a CIG non foi unha simple modificación técnica, senón unha ampliación do perímetro de persoas elixíbeis xusto antes da convocatoria.
Segundo paso: deixar sen efecto a Lei de museos
Esta ampliación dos colectivos admitidos entra directamente en conflito co modelo establecido pola Lei 7/2021, de museos e outros centros museísticos de Galiza. Durante máis de vinte anos, as RPT da Xunta adscribiron o posto á Administración Xeral da Xunta, aínda que a normativa anterior permitía que a dirección do CGAC puidese ser desempeñada por profesionais externos mediante a figura da alta dirección. Foi precisamente a Lei de museos a que modificou este modelo.
En concreto, o artigo 21.2 estabelece que «as funcións directivas dos museos de titularidade ou xestión autonómica serán asumidas tanto pola escala facultativa superior como de grao medio de museos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza».
Segundo a perspectiva da CIG, a redacción deste precepto resulta dificilmente conciliábel coa apertura posterior do posto a colectivos alleos ás escalas de Museos. A configuración coherente da praza coa lei sería, polo tanto, unha dirección de libre designación reservada ás escalas de Museos da Administración Xeral da Xunta. Ao abrir a praza a outros colectivos da Administración, a Xunta non só modificou a RPT, senón que deixou sen efecto práctico a exixencia legal de pertenza ás escalas de Museos (que só se aplicaría ao persoal da Administración Xeral, pero non ao doutras administracións).

A fraudulenta apertura ao persoal docente
Para xustificar a reforma, a Administración apelou ao artigo 38.6 da Lei de emprego público de Galiza, argumentando a necesidade dun perfil técnico con coñecementos específicos en arte contemporánea e promoción da creación artística.
Porén, na CIG consideramos que esta interpretación resulta, cando menos, forzada. O precepto invocado está pensado para determinados postos directivos relacionados coas competencias de educación, sanidade ou xustiza, mentres que a dirección do CGAC depende organicamente da Dirección Xeral de Cultura e as súas funcións non son propias do ensino secundario nin gardan relación directa co exercicio da docencia.
Acusamos á Xunta de valerse dunha excepción legal para crear outra que a propia Lei de museos non contempla. Ademais, considera contraditoria a argumentación empregada: se o obxectivo era reforzar a especialización do posto, o lóxico sería fortalecer os requisitos vinculados á museoloxía e á pertenza ás escalas especializadas. O que se fixo foi exactamente o contrario: eliminar na práctica a principal garantía de especialización que xa existía.
Un procedemento cheo de sombras
Advertimos tamén de posíbeis incumprimentos durante o proceso selectivo. O artigo 22.2 da Lei de museos estabelece que entre as persoas integrantes do órgano de selección debe figurar obrigatoriamente polo menos un técnico ou técnica profesional de museos dunha das administracións públicas galegas. Segundo a composición coñecida do tribunal correspondente á convocatoria publicada no DOG o 8 de abril, este requisito non se tería cumprido.
Lembramos, ademais, que a libre designación non é un mecanismo para nomear arbitrariamente a quen se queira. O artigo 80 do TREBEP, os artigos 88 e 92 da Lei de emprego público de Galiza e o Decreto 151/2022 estabelecen que a elección debe basearse na apreciación discrecional da idoneidade das persoas candidatas. Mais, subliñamos que «discrecionalidade» non é «arbitrariedade».
A Administración non está obrigada a aplicar un baremo matemático, pero si a explicar por que a persoa elixida é a máis idónea en relación coas funcións do posto, cos requisitos da convocatoria e cos principios de mérito e capacidade.

Resultado: A persoa que encaixaba no novo deseño obtivo a praza
A persoa finalmente nomeada, mediante a resolución publicada no DOG do 28 de maio pertence, precisamente, a un dos colectivos incorporados pola modificación da RPT: é catedrática de ensino secundario.
Non entramos a valorar se é ou non a candidata máis capacitada, cuestión que está a ser debatida por unha parte importante da comunidade artística e cultural galega, estatal e internacional. Mais consideramos que os feitos son evidentes: primeiro modificouse a RPT, despois ampliáronse os colectivos que podían acceder á praza, desenvolveuse un procedemento no que existen serias dúbidas sobre o cumprimento da Lei de museos e sobre a motivación da libre designación e, finalmente, resultou nomeada unha persoa pertencente ao colectivo incorporado pola reforma. Demasiadas casualidades para un único procedemento.

Para a CIG este caso exemplifica a «institucionalización da dedocracia» na Administración galega. Non se modificou a lei que impedía o nomeamento, adaptouse a praza; non se reforzou a especialización, eliminouse; non se acreditou a superior idoneidade da candidata, simplemente designouse”, denuncian.
Dende a CIG exixímoslle á Presidencia da Xunta que rectifique, que respecte a legalidade vixente e que deixe de estragar a credibilidade das institucións públicas galegas. Así mesmo, anunciamos que o noso gabinete xurídico promoverá cantas actuacións e accións legais correspondan para depurar as responsabilidades que procedan.
Vergoña, dimisión, dedazo... SÓS_CGAC!
- Detalles
A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha Mesa Sectorial de Persoal Funcionario que terá lugar o vindeiro mércores 17 de xuño de 2026, coa seguinte orde do día:
- Proposta de convocatoria de proceso selectivo pola quenda de acceso libre e promoción interna na escala técnica de análises de laboratorio (subgrupo C1). Descargar
- Proposta de convocatoria de proceso selectivo pola quenda de acceso libre e promoción interna na escala de enxeñeiros/as, especialidade enxeñaría de camiños, canais e portos (subgrupo A1). Descargar
- Detalles
Cobertura de prazas SPIF
Din que a día de hoxe a cobertura no servizo e superior ao 90% e que rematarán de cubrir os postos mediante chamamentos que sairán previsiblemente esta semana. Respondemos que sempre imos tarde co tema da cobertura xa que non se trata de ter o dispositivo ao completo en xullo-agosto-setembro, este ano xa tivemos o primeiro GIF en abril, moito antes da época fixa de alto risco. O servizo debería estar ao 100% sempre.
Axilizaron a contratación dos laborais para que poidan incorporarse de maneira más rápida logo do chamamento.
Avisan de próximas xubilacións ( 3 BFXB e 1 BF ) que cubriran mediante comisión de servizos. Intentarán sacar todo primeiro a CS/ads antes de sacalo por listas. Queixámonos de que este ano non sacaron adscricións baseándose en que o persoal acabara de elixir destino nos procesos, pero que o persoal funcionario tamén tivo eleccións de destino no mesmo tempo e a eles si que lles ofertaron comisións, isto supuxo unha perda de mobilidade ao persoal laboral fronte ao funcionario.
Hai 15 persoas traballadoras interinas que van chegar a máximo dos tres anos de contrato e que, segundo unha instrucción de FP, os postos teñen que sair a CS/adscrición antes de poder aplicar a excepcionalidade da lei que prorrogar o contrato ao estar xa procesos selectivos desas categorías en marcha. Van consultar con FP, igual que imos facer nós xa que que descoñecemos esta instrucción, a posibilidade de prorrogar os contratos sen sacar antes os postos a cs/ads.
Productividade en laborais (pago de domingos e festivos)
Din que teñen un compromiso de orzamento para poder facer o pago dos domingos e festivos ao persoal laboral, pero que iría por tramos. Tería efectos económicos dende o 1 de xullo do 2026 comezando polo cobro do 50 %, esta porcentaxe sería do 75% no ano 2027 e alcanzaría o 100% no ano 2028. Din que podería estar negociado para outubro.
Levamos pedindo que trasladen o acordo ao persoal laboral desde que se asinou este. Levámolo varias veces ao Comité Intercentros. Está ben que se decidan a dar o paso e por fin deixemos de ter traballadores de primeira e de segunda no servizo, pero lembrámoslles que o persoal laboral XA leva sufrindo unha mingua económica desde fai dous anos e que a día de hoxe un traballador laboral cobra un mínimo de 160 euros menos ao mes que un traballador funcionario ...A igual traballo igual salario, xa!
Tampouco sabemos como pretenden facer esta negociación xa que para esta mesa non nos aportaron nada de documentación nin ningunha proposta. De igual xeito, non falaron nada do resto das condicións (vacacións en agosto, ampliación de quenda só en nivel 2...)
Melloras nas bases/lugares de traballo
Xustifican que dependen de ter o orzamento suficiente e din que teñen que priorizar porque non poden facer todo á vez. Entendemos que para o arranxo das bases fai falla un orzamento, pero tamén sabemos e así o dicimos no CSSL que as bases teñen moitas eivas. Non están adaptadas para as quendas de 10 horas que ten o servizo, faltan lugares de descanso e cociña, e en moitas delas non hai circuíto de limpo e sucio, ou está mal deseñado. Preguntamos como van priorizar a saúde do persoal, a quen se lles vai priorizar estar menos expostos a sufrir un cancro.
Regularizar o batracio
Queren “normalizar” o colectivo batracio que traballa en situacións de especial risco e con maquinaria pesada.
Está ben que queiran regularizar, pero pedimos que se regularice todo. Non só se trata das condicións nas que traballa a unidade, senón tamén de quen traballa na unidade e como se accedería a ela (requisitos a cumprir polo persoal aspirante, se sería necesario unha categoría/escala nova,...)
Limpeza de EPI’s
Xa teñen un encargo para a limpeza de EPI’s que vai durar ata o 31 de decembro. Logo farán os axustes que vexan necesarios. Vai haber 40 puntos de entrega/recollida de EPI’s, e a cadencia destas recollidas será dunha semana no AR e dun mes no BR, mentres a entrega sempre se efectuará a semana seguinte da recollida.
Seguimos indo tarde nos temas de prevención pero agardamos que desta vez as entregas sexan rápidas e non se confundan prendas. Animamos a todo o persoal a entregar os EPI’s para a súa limpeza, xa que é fundamental para protexer a súa saúde (e tamén a das persoas convivintes se usan a mesma lavadora).
- Detalles

O persoal auxiliar e administrativo dos centros de ensino continúa a sufrir unha situación de infravaloración e abuso organizativo que resulta inadmisíbel. A pesar da percepción errónea de que se trata de “persoal de mesa e ordenador”, a realidade evidencia que non está exento de soportar decisións arbitrarias por parte dalgunhas direccións, que non comprenden —ou non queren comprender— que este colectivo desenvolve funcións profesionais definidas e non está ao servizo persoal nin dos equipos directivos nin do profesorado.
Dende a perspectiva da CIG, resulta inaceptábel que se pretenda dispoñer deste persoal de maneira permanente, con requirimentos constantes e en horarios irregulares, co único obxectivo de “telo a man” ante calquera eventualidade. Non se pode normalizar que o persoal administrativo teña que cubrir, de facto, todo o horario de apertura dos centros para suplir a falta de planificación das direccións. Esta dinámica supón unha clara vulneración das condicións laborais e unha mostra de desorganización que a Administración non pode seguir tolerando.
Nun contexto no que a administración electrónica é xa a canle ordinaria de relación coa cidadanía, carece de sentido manter prácticas baseadas na improvisación e na urxencia permanente. As solicitudes, trámites e xestións da comunidade educativa poden —e deben— realizarse por medios telemáticos, dentro dos prazos establecidos e sen necesidade de someter ao persoal administrativo a unha dispoñibilidade constante e inxustificada.
Sobrecarga e responsabilidades impropias
A situación agrávase pola evidente insuficiencia de persoal administrativo na maioría dos centros de ensino. Os rateos actuais, baseados no número de alumnado matriculado, están completamente obsoletos e non responden ao volume real de traballo nin á crecente complexidade da xestión administrativa.
Na práctica, moitos centros contan cunha única persoa, habitualmente do subgrupo C2, que carece de competencias recoñecidas para asumir responsabilidades de xestión. Porén, ante a falta de persoal de categorías superiores e o desleixo organizativo de determinadas direccións, este persoal vese obrigado a asumir tarefas de maior responsabilidade: xestión de bolsas e axudas, tramitación económica, emisión de pagos ou xestión de servizos complementarios, entre outras. Esta situación supón un claro abuso funcional e unha desvalorización profesional inaceptábel. Ademais, increméntase a sobrecarga ao trasladarse ao persoal auxiliar administrativo tarefas propias do profesorado, como a introdución de cualificacións, o rexistro de faltas de asistencia ou a elaboración de documentación avaliadora, funcións que non lles corresponden.
Por outra banda, nos centros que non contan con persoal de secretaría, son as propias equipas directivas as que denuncian ter que asumir estas tarefas, en detrimento das súas funcións pedagóxicas. Esta realidade evidencia a necesidade urxente de dotar todos os centros de ensino de persoal administrativo suficiente.
Reivindicacións da CIG
Ante esta situación, a CIG considera imprescindíbel a apertura dun proceso de negociación que culmine nun Acordo de condicións laborais para o persoal non docente dos centros de ensino da Consellería de Educación. Este acordo debe incluír, cando menos:
- A dotación suficiente de persoal auxiliar administrativo en todos os centros.
- A actualización dos rateos conforme ás necesidades reais.
- A delimitación clara de funcións, evitando a asunción de tarefas impropias.
- O recoñecemento profesional e retributivo acorde ás responsabilidades asumidas.
- A regulación dos horarios e da dispoñibilidade, garantindo condicións laborais dignas.
Só mediante estas medidas será posíbel poñer fin á situación de precariedade e garantir un funcionamento eficaz e xusto do sistema educativo público.
Se queres informar ou denunciar a túa situación particular, contacta coa CIG

- Detalles
A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Rural vén de presentarnos unha modificación da RPT da Consellería de Medio Rural. As propostas que inclúe son:
- A creación de 15 postos de axentes UDEX (Unidade de Directores/as de extinción), dos cales un sería de axente coordinador/a autonómico e dous postos de axentes coordinadores/as.
- A inclusión de 6 postos de persoal técnico no Acordo de condicións de traballo do persoal funcionario pertencente aos subgrupos A1 e A2 do Servizo de Prevención de Incendios Forestais.
- A modificación da adscripción territorial dun posto de vixilante/emisorista do SPIF, pasando da comarca da Mariña Oriental ao Centro de Coordinación Provincial de Lugo.
Dende a CIG levamos tempo solicitando a creación e regulación dos postos das UDEX, pero non compartimos o sistema de cobertura dos postos de axente coordinador/a autonómico e de axentes coordinadores/as mediante libre designación e concurso específico. Por iso propoñemos a cobertura de todos os postos de axentes UDEX mediante concurso ordinario, para evitar que se volte a repetir a “opacidade” e “arbitariedade” do pasado.
A pesares de aceptar a nosa proposta de regulación dos postos de persoal técnico e incluílos no Acordo de condicións de traballo do persoal funcionario pertencente aos subgrupos A1 e A2 do Servizo de Prevención de Incendios Forestais, entendemos que inda se está a producir unha discriminación. Para solucionala solicitamos que se inclúa o posto de Xefatura de área de defensa contra incendios III, A Coruña, ao tratarse dun posto de idénticas características e funcións dos recollidos nesta modificación da RPT.
Con respecto á modificación da adscripción territorial dun posto de vixiante/emisorista do SPIF, solicitamos que se nos remita informe, asinado pola persoa responsable xustificando, máis aló de ser unha praza vacante, a idoneidade da amortización-creación e consecuencias de prescindir dunha praza nun servizo de emerxencias prioritario, tal e coma é o SPIF.
- Detalles
Na Comisión do venres 5 de xuño trasladamos o que xa rexistramos ante a Consellaría de Política Social a respecto do inicio de curso nas escolas infantís.
As familias nestes días de matrícula están preguntando polo inicio de curso, e as respostas actuais son, por unha banda, incertezas e, pola outra, temos a resolución publicada co inicio de curso para o día 4 de setembro (con 3 días sen crianzas), con equipos novos na maioría dos centros (97%) e entrevistas individuais, de aula, de centro, organización de espazos, nomeamento a dedo das direccións (agardamos que de maneira provisional)...
Ante esta situación, dende a CIG xa rexistramos unha petición á Consellaría argumentada con todo isto e máis, para que adíen o inicio do curso, pero é que, ademais, xa nos están chegando peticións das traballadoras para que convoquemos folga se non se arranxa esta situación. Preguntámoslle á DXEP se ten previsto trasladar esta cuestión á Consellaría de Política Social e darnos resposta nuns días?
Ante isto a directora xeral di que falará coa Consellaría e daranos traslado.
- Detalles
O venres 05/06/26 na Comisión de Persoal, dende a CIG, demos aviso de que as listas de contratación estaban resultando un caos, e que así o estaba reclamando o persoal a través de queixas por rexistro que nos están facilitando, xa que están recibindo chamadas para incorporarse no posto unha hora despois e senón serán penalizadas; e notificacións con coberturas que, en vez de agrupalas nunha notificación, van en varias separadas, perdendo a opción de acceder a postos de maior duración que van na segunda notificación aquelas persoas que ocupan postos altos e que reciben adxudicacións de coberturas de madrugada para incorporarse ao posto poucas horas despois… Parece que este persoal traballa en listas pull do Sergas e non é así!
Son moitos máis os problemas con este decreto de listas tan abusivo, e iremos trasladando onde sexa necesario todas as cuestións, ademais de continuar coas mobilizacións que anunciaremos proximamente.
Responde a DXEP que consultará como están facendo coas horas de envío de adxudicación de postos, por se fose un erro informático. Do resto das cuestións non dá máis información.
- Detalles
Na Comisión de Persoal do venres 05/06/26 preguntamos por que a Consellaría de Educación segue negándose a actualizar unhas ratios desfasadas até o punto de que nalgúns casos (como o do persoal de limpeza) son máis altas (1.800 metros) que as que a Xunta de Galiza exixe nos pregos de condicións que asina con empresas privadas cando realiza unha externalización ou privatización deste servizo?
Agardamos ir tendo resposta a estas preguntas, porque senón vai ter moito acúmulo!
- Detalles
Na Comisión de Persoal de hoxe, 05/06/2026, o único punto da orde do día foi a modificación da RPT de corpos xerais da administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, que nace da necesidade de contar con prazas suficientes para dar destino definitivo a todas as persoas de todos os procesos de corpos xerais que están pendentes de que ese acto se realice.
Aínda que non se atenderon a algunhas das nosas demandas, o fundamental, que é o saldo neto de ao redor de 170 prazas de nova creación, é para nós positivo. E tendo en conta ademais a urxencia (e isto é unha falta de previsión e se debería ter abordado moito antes, pois xa era algo sabido), o noso voto foi a favor da modificación da RPT, ao igual que o resto das organizacións sindicais.
Ademais, na rolda de intervencións indicou a DXEP que para corpos xerais (concurso de traslados e actos de elección de destinos) as datas serán as seguintes:
- Semana 22-26 de xuño: será a publicación da resolución do acto de elección de destino: 2 días para recibir o código para acceder á aplicación informática, e 5 para a elección de postos.
- Semana 13-17 xullo: a resolución cos nomeamentos e a adxudicación de destino definitivo. Nesta resolución indicarán que por motivos organizativos (vacacións) o prazo de toma de posesión comezará o martes 15 de setembro (co cal os ceses serán o 14 de setembro). Estas datas as incluirán nesta resolución do 13 ao 17 de xullo, e establecerán 15 días para incorporarse (por trámite de urxencia).
E no caso da promoción interna de 2020 as persoas que concursaron levan a peor parte, porque van ser convocadas para a elección de destino pero van ter 3 días para optar ou polo posto obtido en concurso e renunciar a tomar posesión na promoción interna, ou por ir ao acto de elección de destino para poder promocionar e perder o posto obtido no concurso.
Todo isto referido a 7 das 8 promocións pendentes. A promoción interna do 2023 queda fora e non atenderon ás nosas demandas de incluílas xunto coas demais nunha resolución como á do 2022 (que tamén solucionaría o suposto problema da promoción do 2020 e que non xustificaron porque non adoptaban esa decisión).
Polo tanto, como o prazo posesorio para as demais promocións comeza o 15 de setembro, para promoción interna do 2023 convocarán:
- 16 de setembro: será a publicación da resolución do acto de elección de destino: 2 días para o código e 5 para a elección de postos.
- Entre o 1 e 7 de outubro: a resolución cos nomeamentos e a adxudicación de destino definitivo.