Novas por contido

Nun novo capítulo na continua campaña de agresións contra os empregados públicos desde as elites políticas e financeiras, neste caso o Partido Popular vén de aprobar na Comunidade Autónoma de Murcia, en pleno Nadal, a Lei do Parlamento de Murcia 5/2010, de 27 de decembro, de medidas extraordinarias para a sustentabilidade das finanzas públicas (BORM do 31 de decembro).

As medidas aprobadas en Murcia constitúen unha agresión sen precedentes en tanto que, para alén de recortes de índole económica a maiores da redución salarial imposta en xuño de 2010 a nivel de todo o Estado, inclúen medidas que desregulan e precarizan as condicións laborais dos empregados públicos desa comunidade autónoma:

  • Modificación unilateral da normativa sobre horarios de traballo na Administración. Incremento da xornada semanal, que pasa de 35 horas a 37,5 horas semanais (40 horas con dedicación exclusiva); desregulación do horario de traballo, ao contemplarse que os responsables dos servizos poidan modificar os horarios de apertura.

  • Está prevista a supresión dunha inxente cantidade de postos de traballo ocupados por persoal interino como consecuencia do alargamento do horario de traballo do persoal fixo. O persoal fixo pasará asumir o incremento de carga de traballo, cunha maior xornada semanal e menores retribucións.

  • Os cursos de formación en horario de mañá non contarán como tempo de traballo efectivo, debendo os traballadores recuperalos fóra da xornada.  Os permisos pasan a computarse por días naturais en lugar de por días hábiles.

  • As retribucións do persoal en caso de baixa por incapacidade temporal serán só do 75% das retribucións mensuais ordinarias, agás no caso de accidente de traballo ou enfermidade laboral

  • Contémplase a posibilidade de traslados forzosos e continuos do persoal entre distintos departamentos e organismos sen ningún límite xeográfico, temporal ou funcional.

  • As horas extras non serán compensadas economicamente, senón con 15 minutos adicionais de descanso por cada hora traballada fóra da xornada de traballo.

  • Suspensión do acordo para a homologación entre o persoal da Administración xeral de Murcia e o Servizo Murciano de Saúde. O persoal de Administración xeral de Murcia deixará de percibir o 30% que restaba dese complemento.

  • Drástica redución dos conceptos obxecto de axuda no Fondo de Acción Social de Murcia.

  • Limitación de dereitos sindicais dos empregados públicos de Murcia: suspensión unilateral de todos os acordos nesta materia, e redución dos dereitos en materia sindical ao mínimo recollido na Lei orgánica de liberdade sindical, Lei de prevención de riscos laborais, Estatuto dos traballadores e Estatuto básico do empregado público.

  • Supresión da Oferta de Emprego Público para Murcia.

Alén destas medidas que afectan ao persoal laboral e funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Murcia, a referida Lei 5/2010 inclúe medidas extensivas para o persoal docente e do Servizo Murciano de Saúde, tanto en materia retributiva, coa eliminación do complemento de produtividade e a redución nun 10% dos complementos de garda e turnicidade, como en cuestión de xornada e horarios de traballo.

Desde o Goberno autonómico, o Partido Popular de Murcia repite a consabida consigna de que a precarización das condicións laborais dos empregados públicos son a única saída da crise económica que atinxe as finanzas desa comunidade autonómica. Así, culpabilízase da crise a traballadores e traballadoras que sobreviven en boa parte con salarios mileuristas e inframileuristas, mentres se manteñen e reforzan as mesmas políticas económicas favorecedoras da especulación en interese das elites financeiras e que están a liquidar o tecido produtivo.

Desde a CIG-Autonómica, manifestamos o noso máis contundente rexeitamento pola agresión contra as empregadas e empregados públicos de Murcia e expresamos a nosa solidariedade coas accións de protesta que están a desenvolver contra a aplicación da nova lei, con varias manifestacións ante o Goberno e o Parlamento de Murcia secundadas por varios millares de traballadores e traballadoras da Administración murciana; así mesmo, desde a CIG-Autonómica facemos un chamamento a todos os traballadores e traballadoras da Xunta para que secunden a folga xeral convocada pola CIG o próximo xoves 27 de xaneiro, contra as políticas que están a impoñer un retroceso social e laboral descoñecido desde a posguerra.


Para descargar a Lei 5/2010 de medidas extraordinarias de Murcia, premer aquí.

Outras novas recentes

Venres, 23 Outubro 2026

Voto en contra do PP a máis cursos de galego e á xornada completa do persoal lingüista (Pleno do Parlamento do 20/10/26)

Un grupo nutrido grupo de lingüistas e unha representación da CIG acudimos ao Pleno do Parlamento o 20 de outubro, onde se debateu sobre a situación límite que está a soportar este persoal e a altísima demanda de formación en galego desatendida ano tras ano pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP). O BNG presentou unha iniciativa para ampliar a dotación de cursos...
Luns, 19 Outubro 2026

Convocatoria promoción interna A2-Inspección de consumo (para MSF 20/10/26)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convoca Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario para o martes 20 de outubro, para discutir a convocatoria da promoción interna á escala de inspección de consumo, subgrupo A2. Descargar. Outra vez nos envían a documentación sen tempo abondo para a súa difusión e preparación, sen unha negociación...
Venres, 16 Outubro 2026

A Dirección Xeral de Emprego Público pasa o rolete pola Lei de medidas e a Lei de orzamentos de 2027, sen negociar (CP 15/10/26)

Na xuntanza da Comisión de Persoal do 15 de outubro, a directora xeral volveu ás andadas de facer imposíbel calquera posibilidade de negociación efectiva, impedindo que haxa calquera avance nas condicións laborais do persoal da Administración xeral da Xunta e entes. Xa se está a convertir en costume ter que dicirlle á diretora xeral de Emprego Público que coa CIG non conte...