Novas por contido
A central rexeita as contas dos gobernos galego e español, que serán aprobadas mañá, ao incidir no recorte do investimento de carácter produtivo, do gasto social e na rebaixa dos salarios das e dos empregados públicos.
10-12-20 Ocupación Delegacion Facenda A Coruña

Delegados e delegadas da área pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) desenvolveron esta mañá peches simbólicos nos servizos centrais e nas delegacións da Consellaría de Facenda en Compostela, A Coruña, Vigo e Lugo para rexeitar os orzamentos xerais do estado e da Xunta de Galiza para o ano 2011, que serán aprobados definitivamente no Parlamento este martes. Uns orzamentos que, para a CIG, son os máis antisociais dos últimos anos, reproducindo os recortes marcados polo goberno español, continuando adiante coa redución salarial das e dos traballadores da administración e destruíndo emprego e servizos públicos.


No caso de A Coruña, os delegados e delegadas ocuparon unha parte das oficinas situadas no segundo andar do edificio da Delegación Territorial de Facenda (na Praza de Pontevedra), diante dos despechos da Xefatura Territorial. O peche simbólico desenvolveuse sen incidentes dende as 11:30 horas até pasadas as 13:00 horas, momento no que se levantou a protesta voluntariamente.

En Compostela o peche realizouse nas dependencias da consellaría de Facenda, nos servizos centrais do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano e nel participaron delegados e delegadas das tres federacións da área pública xunto con representantes da central sindical da comarca.

En Vigo o peche, no que participaron varias ducias de delegados/as, desenvolveuse na delegación de Facenda entre as 11.30 e as 12.30 horas, e durante o mesmo repartíronse entre os usuarios follas informativas nas que se explicaban os motivos desta mobilización. Do mesmo xeito, en Lugo o peche foi na delegación territorial da consellaría de Facenda.

A través destas accións reivindicativas, a CIG quere manifestar publicamente a rotunda oposición tanto aos orzamentos do goberno español como aos da Xunta para o vindeiro ano, que, en troques de recoller un incremento do investimento público de carácter produtivo e un maior gasto social para contribuír a reactivar a economía, xerar emprego e mellorar a calidade de vida da poboación, inciden no recorte social e na consolidación da rebaixa salarial para as empregadas e empregados públicos.

A Secretaria Nacional da CIG-Administración Pública, que participou no peche realizado na delegación de Facenda en A Coruña, sinalaba durante o acto de protesta que a central sindical presentou alegacións aos anteproxectos e proxecto de orzamentos da Xunta para o 2011 sen que se tomasen en conta ningunha das propostas trasladadas dende a CIG. “Atopámonos diante dos orzamentos máis antisociais dos últimos anos, con enormes recortes nos servizos públicos: atención sanitarias, servizos sociais, ensino e todo aquilo que ten que ver cos servizos que debería prestar a administración pública aos colectivos máis desfavorecidos nun momento de grave crise como o actual”, criticou.

Neste senso, apunta que as contas da Xunta resultan especialmente restritivas dentro do apartado destinado á área pública e supoñen “un ataque brutal” contra as traballadoras e traballadores públicos, posto que se consolida e afonda na rebaixa salarial executada xa no 2010 (para o 2011 prevese un recorte do 7,1% e unha redución de máis do 30% nas pagas extraordinarias), conxélase a oferta de emprego público e a taxa de reposición limítase ao 10%, incluíndo por primeira vez á Sanidade e o Ensino.

“Isto vén significar a destrución de empregos públicos e polo tanto de servizos, que xa neste ano 2010 están desaparecendo, aproveitándose  o goberno galego do PP das directrices que o goberno do PSOE está marcando dende Madrid”, sinala López Santamariña. Ao mesmo tempo advertiu que a CIG non está disposta a ser cómplice “dunha política económica e laboral encamiñada a deteriorar os servizos públicos mediante a súa progresiva redución e privatización, desmantelando e aniquilando servizos, e reducindo os seus cadros de persoal”.

De igual xeito, a responsábel da Federación de Administración Pública denunciou as modificacións da Lei da Función Pública, que se aprobarán a través da lei de Acompañamento dos Orzamentos, e que inclúen a mobilidade forzosa para o persoal das administracións públicas galegas e o regreso ao sistema de libre designación para as Xefaturas de Servizo e demais postos de traballo.

Concentración o martes diante do Parlamento

As Federacións da Área Pública da CIG teñen convocadas tamén unha concentración  para mañá, martes 21 de decembro, ás 11:30 horas, diante do Parlamento de Galiza, coincidindo coa votación do proxecto de orzamentos da Xunta para o 2011. Ademais, a CIG mantén a convocatoria da concentración para o mércores 22 de decembro, ás 11:30 horas, diante da Delegación do Goberno en A Coruña, xa que esta era a data inicial prevista para a votación no Congreso dos Deputados das contas xerais do estado para o vindeiro ano.

Outras novas recentes

Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...
Venres, 13 Novembro 2026

RPT Emprego, Comercio e Emigración (11/11/26)

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, convocou aos sindicatos a unha xuntanza para falar da súa proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo da consellería. Descargar Contactamos coa consellería para pedir explicacións polo feito de que nos convocasen con menos de 48 horas de antelación (restando a xornada de Folga Xeral), o que imposibilita estudar...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...